A procesión audiovisual de maio: Cans e Olloboi

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

Nun bar de Santiago, o informativo da televisión anunciaba o palmarés do festival de Cannes. O reporteiro, que ía xusto de francés, pronunciou Cans, co ese final, e durante tres minutos falou dun inexistente Festival de Cans. «Esa é a miña aldea», dixo Alfonso Pato co sorriso aberto. «Es francés?», preguntou alguén. «Non, son de Cans. De Cans de Porriño», e, entre risas, desvelounos o que andaban a argallar: ao final tiña razón o xornalista e habería Festival de Cans, pero de Cans de verdade. Tan de verdade que xa van 16 edicións.

Os dous festivais só cadran nas datas –ou vas a Cannes ou vés a Cans–, pero mentres no francés se deixan ver en limousine, no galego Javier Gutiérrez, María Bouzas, Morris ou Nieves Rodríguez pasean en chimpín. As curtametraxes do festival do agroglamour proxéctanse nos galiñeiros, galpóns e adegas dos veciños –Moncho, Chelo, Bugarín, Mucha do Peso–, transformados en cines improvisados. Nun listón sobre caixas de quintos compartido cos espectadores, o mesmo sentan a cantante Uxía que os escritores Manuel Jabois, Suso de Toro e Mara Torres. En Cans, VIP son siglas que non significan nada. De feito, convén ir en vaqueiros e chupa para escoitar a Isabel Coixet, José Luis Cuerda, Gracia Querejeta ou Fernando Trueba, porque as charlas son ao aire libre, en primeira liña de herba.

O director José Luis Cuerda recibe a súa estrela da fama de Cans de mans de Alfonso Pato (á esquerda), o director do festival.

Alfonso Pato é o director e alma do festival. Traballa arreo todo o ano coa Asociación Cultural Arela de Porriño para atopar as mellores novidades do audiovisual: videoclips, documentais, películas, webseries, booktrailers… e música, parte esencial de Cans desde os seus comezos. Polo Torreiro e a Leira da señora Alicia pasan artistas de toda raza e procedencia: Siniestro Total, Kevin Weatherill de Inmaculate Fools, Coque Malla, o Gran Wyoming ou, nesta edición, Marlango. Na aldea, durante catro días, ferve a creatividade nun programa no que cabe o roteiro CanSonoro  guiado por Xurxo Souto, os contacontos, o MiniCans para a cativada… toda unha experiencia imposible de esquecer, nun espazo que é o que máis visibilidade dá ao audiovisual de Galicia.

Heredeiros da Crus no Torreiro de Cans.

Os profesionais galegos reservan as datas para Cans. E Repiten. Chaman polo nome aos veciños, que comparten o seu con xenerosidade para que sintamos ese recuncho como casa. Nas paredes dos seus pendellos proxectáronse os primeiros traballos de moitos directores que volven a Cans con goyas e premios internacionais, como Nerea Barros, Jorge Coira, Luis Tosar ou Enma Lustres. En cada edición súmanse máis actores, guionistas e directores, como Daniel Guzmán, aos que Galicia lles quedaba moi lonxe, pero que agora saben situar perfectamente Cans no seu mapa sentimental, tanto como no xeográfico. Bastante mellor que a CNN: hai oito anos, con motivo da reunión do G-20 que se celebrou en Cannes, inseriu un mapa no que localizaba o cumio europeo na aldea galega: unha empanada total da canle estadounidense que deu para moitas risas.

Rapazada participante no festival Olloboi, acompañada por varios dos profesionais do audiovisual cómplices.

Cans ten a carón do mar o seu irmán pequeno, o Olloboi de Boiro. A canteira do audiovisual galego medra polo mimo dun grupo de mestres que fundaron este sorprendente festival no que participan escolares de primaria ata bachareles. Aí están desde 2010 dando caña co seu compromiso cos creadores menores de idade. O futuro do cine e o vídeo do país depende deste viveiro, e sabémolo. De aí o apoio dos «cómplices» da iniciativa: Federico Pérez, Sabela Hermida, Miguel de Lira e o director Alfonso Zarauza, sempre en primeira fila enganchados ao chute de adrenalina que lles meteu Ana Moreiras, unha das impulsoras do Olloboi. A ilusión da rapazada ao ver proxectados os seus traballos –e comprobar que os seguen, cos ollos atentos á pantalla, as persoas que admiran– é impagable.

Xosé Castro, Federico Pérez, Miguel de Lira e Jorge Coira.

Maio é un mes no que en Galicia burbullan as emocións: as dos festivais auténticos que nos fan vibrar. Sempre Cans e Olloboi!!

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail