O PSOE faise o morto, os demais suicídanse

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

O PSOE decidiu meterse baixo terra nesta precampaña cara o 28 de abril. O vento púxoselle tan a favor que está desexando que pasen os días o máis rápido posible e que nada rompa a inercia política actual.

Os socialistas van tan cómodos que o seu primeiro desgusto deullo un dos seus, o catalán Miquel Iceta, sempre disposto a avanzar un pouco máis e a reflexionar sobre o que habería que facer en Cataluña, ben un indulto, un relator ou agora unha solución por se nun futuro o independentismo chega ao 65% de apoio.

A sinceridade de Iceta provocou as alarmas na Moncloa e en Ferraz porque o PSOE decidiu que nesta campaña non se fale de Cataluña para non levantar a pantasma dun posible pacto cos independentistas que a dereita tanto rendibilizou ata o pinchazo de Colón.

Nada de Cataluña e nada de propostas novidosas e arriscadas. As súas 110 medidas pasaron case inadvertidas, salvo polo despregamento de 25 bandeiras. O PSOE vai de carril e parece querer gañar sen baixar do autobús, aproveitando ao máximo os venres sociais e explotando o medo a Vox.

As 110 medidas pasaron case inadvertidas, salvo polo despregamento de 25 bandeiras. Nada de Cataluña e nada de propostas novidosas e arriscadas

As enquisas sorrinlle e agora mesmo estarían en condicións de buscar acordos con Podemos e os grupos nacionalistas ou con Ciudadanos por moito que Rivera renegue de Sánchez.

A estratexia do PSOE ten un perigo: que os seus vexan o partido gañado, se relaxen e acabe pasando o de Andalucía. Algúns dirixentes socialistas empezan a estar inquedos, aínda que por agora o PSOE vai vento en popa grazas tamén ao despropósito dos demais. Dá a impresión ás veces de que todos traballan para Sánchez.

Ciudadanos deixoulle o centro libre ao atarse ao PP e a Vox. Rivera quixo taponar así a vía de auga que tiña cara a dereita e intentaba gañarlle a Casado como alternativa. De momento, as sondaxes sinalan que foi un rotundo fracaso. Ciudadanos meteuse ademais na lea das fraudes electorais sen resolver ben o escandaloso caso de Castela e León.

O mercado de fichaxes foi tamén todo un espectáculo nos laranxas e no PP. Casado non gaña para desgustos e o episodio de Suárez Illana e os neandertales provocou estupor nas filas populares.

PP e Cs viven histéricos o avance de Vox que a golpe de barbaridades segue centrando a campaña mentres rompen en tres a dereita e afasta a posibilidade de que o tripartito chegue á maioría.

Pola esquerda, tamén lle facilitan as cousas a Sánchez. A ruptura en mil pedazos do espazo de Podemos multiplica o voto útil aos socialistas. Está por ver si a impetuosa volta de Iglesias denunciando os poderosos, os bancos e as teles que o encumbraron vai cambiar a dinámica.

En Galicia, o escenario complétase coa dispersión total do voto á esquerda do PSOE. Os Monty Python podían facer na nosa terra unha nova versión da vida de Brian. Ninguén sabe xa quen é quen.

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail