Maternidades

Non sei se algunha vez vos preguntastes de onde vén a palabra. A orixe máis próxima está en matrem (mater-matris). A palabra máis achegada en morfoloxía e significado atopase en matrix, matriz, ao que se lle suman en latín os significados de nai e femia. E de aí tamén agroma a palabra matrona.

Coido que aínda é relativamente recente o feito de reflexionar en público sobre este concepto. Por iso mesmo é tan interesante, porque é unha das palabras máis antigas en calquera lingua. Diriamos que os outros se apropiaron dela e a nosoutras só nos restou mirala de lonxe.

Refírome ás reflexións sobre á maternidade; hoxe non falo do estado, senón do momento crucial do parto, de dar a luz. Ese intre bidireccional. O que me interesa é o espazo físico, corporal. Recupero as vivencias que sempre me compartiron outras mulleres dos seus partos, antes de ser nai eu, eses historias máxicas e extremas, cruciais. O relato da tribo. A mellor literatura para min está aí. Escoitaba atenta cada experiencia, perseguía os detalles, gárdoas todas no meu haber, dende as tataravoas que parían unha decena de fillos ata as amigas que recén veñen de dar a luz ou de sufrir abortos. Constitúen todas un corpus valioso que non é preciso mistificar.

A verdade é que o relato non sempre era feliz. Neses casos detectaba ese veo que cobre os tabúes, a dor. Falo de partos, pero penso en todo o que cingue esa primeira etapa, o aleitamento, as curas, os primeiros coidados, e agroma unha palabra que pode ser atroz: soidade.

Hai uns meses estreábase a peza de teatro Anatomía dunha serea, de Iria Pinheiro. Quixera distinguir o literario, o escénico, o estético ou o poético da conmoción que me arrastrou o pasado xoves ao vela no Teatro Rosalía de Castro. Pero como as boas pezas,  todo está  ben tecido e non podería separar o escintilar das paillettes ou escamas do vestido co brillo do aceiro e o seu papel no rito. Tampouco podería contar como a poesía dá paso ao humor e este ao gume da dor e a anguria. Hai momentos máxicos. Non llos vou descubrir. Iria define a peza como unha obra que aborda a violencia obstétrica. Ese concepto, relativamente recente, pois a primeira referencia é de comezos do S. XIX, parece ter gañado presenza no que vai de S. XXI. O que non se nomea non existe. Escribindo este texto descubrín que o termo non é aceptado por unha parte importante dos profesionais da saúde, por ser contraria ao seu ethos. Non obstante a OMS fixo unha declaración en 2014 para erradicala.

Ser serea. Pensei naquel verán de hai tantos anos, no que xunto a dúas amigas escritoras preparamos o texto de Sylvia Plath Tres mulleres e a min tocoume a nai feliz. Gústame ver naquela sorte o destino que viviría despois por dúas veces. Porén, alí tamén testificaba unha violencia que me marcaría.

Non importa que a experiencia que nos ofrenda Iria Pinheiro sexa distinta da persoal. Non importa, porque todas as palabras que ela recolectou xunto a María Lado para a escena, escoiteinas moitas veces nese relato tribal do que falaba antes. Todos os tópicos, as frases que mancan, o maltrato, a dor, a culpa, esa violencia que fede, todas estaban xa en min. Algo así non pode agradecerse, quero dicir, a afouteza de traer o real, a experiencia do que doe. Como non recuperar as metáforas sobre as chegadas dos bebés? Tráennos as cegoñas, nacen nos repolos… Canto ben fixo o vídeo do nacemento na DOMUS, imposíbel calcular o impacto que tivo en miles de nenas e nenos. A carne, o aceiro e o sangue, os mesmos que aparecen en Anatomía dunha serea, non quedan fóra do relato, somos carne e o parto é un dos momentos que segue intacto na súa face animal e que nos conecta co máis primitivo. Pero semella que esta sociedade que, por veces, se cre máis sofisticada do que é, pensa que todo iso pode cubrirse de asepse e reservar para a nai un papel de secundaria, sen que iso teña efectos graves.

Iria Pinheiro, nun momento da obra Anatomía dunha serea.

O xoves, dende a butaca, desfilaron ante min aquela muller que na sala do xinecólogo, antes da miña primeira visita adolescente, me dixo que botaba dúas semanas sen durmir antes da súa revisión anual, aquela outra que sufriu un desgarro que acabou no peor prognóstico, aquela á que fixeron invisíbel no seu propio parto, aquela á que chamaron histérica durante as contraccións, aquela á que lle quitaron o bebé para que descansara en contra da súa vontade, aquela que viviu unha situación de extremo risco durante o parto, aquela que sufriu 5 abortos. Pero tamén están aquelas que tiveron partos felices, acompañadas por unha matrona que é a súa heroína. Esa muller para min é loira e ten sotaque venezolano, así é quen me acompañou en dous dos momentos máis importantes da miña vida. Ela, que traballa na Sanidade pública e me dixo, non me vou ir, non te preocupes polo cambio de quenda, estarei contigo ata que naza o teu bebé. A mesma que detivo a unha enfermeira que quería practicarme a manobra de Kristeller. Aquela que dixo, non precisamos a ninguén no paritorio, ela está ben, e só estaremos nosoutras e o pai. A mesma que nos puxos me dicía, estalo a facer xenial, xenial, só falta un pouco. A mesma que me colocou os meus fillos no peito.

Que nos acompañen no transo. Seguir escoitando á tribo. O meu enteiro agradecemento ao equipo que está detrás de Anatomía dunha serea. Todos os aplausos en pé.

Por favor, non deixen de ver esta peza.

Están rodeados de sereas.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail