As persoas que non se portan ben coas mulleres

 A loita contra a igualdade real e efectiva

 das mulleres non acabou. Continúa.

Lapsus (agardemos) de Alberto Núñez Feijóo este pasado 7 de marzo.

 

Os homes que non amaban as mulleres é o primeiro título de Millennium, a triloxía de Stieg Larsson que provocou toda unha invasión de novelas criminais de tropecentas páxinas ambientadas en lugares onde sempre vai moito frío. Era imposible non lembralo cando Pablo Casado, o home que converte os indepes en proetarras e os votantes de Podemos en antisistemas, evitou dicir a palabra «maltratador» e substituíuna por «as persoas que non se portan ben coas mulleres». Como título de libro ten pouco gancho; como reclamo electoral –se das enquisas nos fiamos– aínda menos.

Desas persoas que non se portan ben con elas lembráronse moito as mulleres neste 8M que resultou histórico; outra vez. Sen necesidade de acudir a Vigo ou á Coruña, só o vivido camiño da Praza do Obradoiro podería competir en pé de igualdade co de Colón, ese gatillazo trifálico –aínda que involuntaria, a mellor achega á terminoloxía política deste efémero goberno– onde si estivo, obrigado e semioculto, o presidente da Xunta.

Porén, na véspera do Día da Muller, Feijóo evitaba definirse como feminista. «Se vostede me pon un tema para facer unha redacción e me explica como se concreta esa pregunta, eu contéstolle»*. E iso que, ben pouco antes, ata Iñaki Gabilondo fora moito máis aló para admitir «eu tamén son feminazi», esa palabra que tanto arrepía á fiscala de Violencia de Xénero, Pilar Fernández. Tivo que vir a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, para aclarar que si, que Feijóo era feminista porque o seu goberno traballa por esa mesma igualdade.

Os que tivemos que compartir vestiario sabemos que Feijóo non se atreveu a dicilo en alto para evitar que, logo, Casado, Teo e compañía se moqueasen del por nenaza nos baños de Génova. Ao final, la derechita cobarde era isto.

Xogamos con eufemismos porque temos un medo atávico ao poder das palabras, a mentar a bicha. Por iso os indios do Amazonas non mencionan o nome dos seus depredadores, non sexa que iso permita invocalos; por iso Voldemort era «o que non debe ser nomeado» e Bárcenas «esa persona de la que usted me habla».

O problema é que non dicir as cousas non fan que desaparezan, como cren os nenos que pechan os ollos agardando que o que os asusta xa non estea aí cando os abran de novo. Pero aínda hai outro máis: as palabras non matan. Ás tres mulleres mortas dende que a marea violeta volveu tomar as rúas, dúas delas galegas, non as asasinaron os adxectivos. Fixérono as súas parellas. A balazos ou a coiteladas. E, antes de que preguntedes: non, non creo que fose casual esta espiral de violencia xusto despois dunha demostración de forza como a do 8M. As bestas feridas, aínda que sexa só no seu orgullo, son moito máis perigosas.

Por certo, falando de eufemismos, a tradución literal do libro de Larsson sería outra ben distinta: «Homes que odian as mulleres». «Dixéronnos que o verbo odiar non ía gustar, pola violencia de xénero, e a editorial optou por copiar os títulos da versión francesa», confesaba en 2009 o cotradutor, Juan José Ortega Román, a Diario de Ibiza.

Teño que mirar o currículo de Casado, a ver se entre Dereito e o máster traballou un tempo no sector editorial…

*A frase é tan textual como permite a norma que rexe a correcta colocación dos pronomes átonos.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail