As caras do mar

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

Moitas familias gardan os traxes de baño dun ano para outro, algo impensable na miña. Algunhas mañás de inverno bañabámonos na praia do Vao así fose friaxe ou chovese. Nadar ata a illa de Toralla era a nosa travesía favorita. Aínda non existían a ponte nin o monstro da torre, e non quedaba outra que bracear de novo para regresar. Naquel percorrido coñecín a bravura das correntes, o frío da auga que corta a circulación e a valentía case temeraria do meu pai e dos meus irmáns, que escoltaban, protectores, a aquela mincha de seis anos que era eu. O mar é xeneroso pero canalla; dá e quita vida sen consentimento.

A illa de Toralla, en Vigo.

Con Mareas Vivas (1999), a ficción galega deulle voz ao mar. En Portozás, a vila mariñeira imaxinada hai 20 anos por Antón Reixa e polos guionistas Carlos Ares, Xosé Castro e Andrés Mahía, vivían o percebeiro furtivo Currás (Miguel de Lira), o sabio Melgacho (Manuel Lourenzo) e Manghui (Xaquín León), un pescador real entre actores que ía embarcado desde o trece anos. A serie reivindicou a Galicia costeira e a diversidade da fala: as redes e o seseo son parte do seu éxito.

Mareas Vivas (1999-2002). Televisión de Galicia.

O drama de Ramón Sampedro, encarnado por Ernesto Chao, chegou á televisión en Condenado a vivir (2001). Tres anos despois, Alejandro Amenábar rodaría para o cine, na praia das Furnas, a terrible historia de Sampedro: en Mar adentro, a impoñente beleza da paisaxe, as ondas de Porto do Son e as imaxes cenitais filmadas por Javier Aguirresarobe son tan protagonistas como Javier Bardem. Fariña (2018) tamén escolleu a fermosura das Furnas para localizar o bar de Terito. O director, Carlos Sedes, retrata a fereza da marea, subliñando a súa relevancia nas tramas.

Javier Bardem, interpretando a Ramón Sampedro, en Mar Adentro.
Miguel de Lira en Entre bateas, de Jorge Coira.

Pero a historia televisiva do narcotráfico galego arrancaba co ruxir das planadoras na ría de Arousa en Entre bateas (2002). Jorge Coira acerta ao reflectir en imaxes o inspirado guión de Carlos Portela e de Ramón Campos, quen anos máis tarde retomarían as historias de contrabando e fardos en dúas series de gran éxito: Portela, como creador de Matalobos (2009); Campos, como máximo responsable de Fariña.

Fariña (2018).

A tristura do mar sentímola co afundimento do Santoña, o barco de Sada que deixa viúvas ás protagonistas de A vida por diante (2006), bravas mulleres que loitan por saír a flote despois do naufraxio e morte dos seus homes. Desa valentía vai tamén o telefilme de Antón Dobao A mariñeira (2008), onde navegamos por un relato de Darío Xohan Cabana sobre a Guerra Civil ambientado no pobo costeiro de Quilmas.

A vida por diante (2006-2007). Televisión de Galicia.

Dos produtores galegos de Vivir sin permiso (2018), e dirixida por Dani de la Torre, é Mar Libre (2010), unha estupenda miniserie sobre a loita contra a explotación dos pescadores que vivían da industria conserveira da sardiña na Galicia do século XVIII.

Luís Zahera en Mar libre, de Dani de la Torre (2009).

Na Segunda Guerra mundial dous nenos irmáns e unha vaca sálvanse dunha riada que os arrastra ata os acantilados de Loiba. Alí medran nun mundo de fantasía, vivindo das crebas, os tesouros que vomita o mar. Ata que, obrigados pola fuxida da vaca, emprenden unha viaxe cara non saben ben onde que remata no lugar de onde veñen. O entrañable argumento de Crebinsky (2011) valeulles o premio ao mellor guión novel no Festival de Málaga a Quique Otero, tamén director da cinta, e a Miguel de Lira, un dos irmáns protagonistas.

Pilar Rubio en Piratas (2011).

A beleza do mar apodérase da pantalla, pero non salva historias. Piratas (2011), de Telecinco, non puido sortear a forte maruxía que envolveu a serie, de manufactura galega. A entretida novela de Domingo Villar A praia dos afogados (2015) deixounos fríos coma un mergullo nas Cíes na versión cinematográfica de Gerardo Herrero. E a serie Viradeira (2017) ten fugas imposibles de achicar e afunde como o barco de Dorneda xunto ao botín que agocha.

A praia dos afogados, baseada na novela de Domingo Villar.

Nunca volvín á illa de Toralla. O mar non merece a sombra da torre ameazante que lle chantaron en medio. Soño cunha onda xusticeira que a devore. Ese día regresarei. A nado, claro.

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail