A xeración millennial galega

Aínda que as millennials xa estamos entrando nunha idade, continúan os debates sobre as datas exactas en que situar as persoas desta xeración, mais -con algunhas exactitudes- podemos dicir que se trata das persoas nadas nas dúas últimas décadas do século XX. O certo é que esta xeración comparte moitas vivencias semellantes: a aparición dos teléfonos móbiles, da crise económica ou das redes sociais. Isto crea unha identidade xeracional tan acertada coma complexa.

As características coas que normalmente nos definen desde a socioloxía non son moi alentadoras: independencia tardía, inestabilidade laboral, dependencia das redes sociais, etc. Mais sempre hai quen pinta moito mellor o anterior e fala de: nativos dixitais, individuos moi sociais ou seres dixitalizados.

Con todo, se hai algo que define a xeración millennial é a nosa infancia. Fomos -quizais- a última xeración en saír a xogar á rúa, mancharnos na herba e chegar coas pernas rascadas á casa para – iso si – sentármonos diante da televisión. Supoño que calquera millennial galego que viviu esta época pode rememorar aqueles meses onde o sol marchaba apenas ás sete da tarde e corriamos ás nosas casas marcar o tres no televisor para ver o Xabarín Club. Somos, desde aquela, a xeración da síntese entre a rúa e o dixital, quen esperabamos o día do noso aniversario para ver as nosas caras naquela pantalla máxica na que tamén saían as nosas referencias. Foi este o noso primeiro contacto directo coa multimedia, que iría medrando e evolucionando connosco.

Se hai algo que define a xeración millennial é a nosa infancia. Fomos -quizais- a última xeración en saír a xogar á rúa, mancharnos na herba e chegar coas pernas rascadas á casa para sentármonos diante da televisión

É indubidable que o descrito anteriormente non é só un melancólico retrato autobiográfico, senón que se trata dunha imaxe compartida por gran parte da sociedade galega de entre 20 e 30 (e pico) anos. Por iso cómpre reflexionar sobre a importancia deste cúmulo de características para a sociedade do noso país e, máis concretamente, para a xeración millennial galega.

É innegable que, en Galiza, gran parte desta xeración ten o Xabarín coma unha peza chave da nosa identidade, mais é necesario facer uns apuntamentos respecto das épocas de emisión e algunhas series. Para isto, precisamos consultar a historia do programa e trazarmos -dunha forma moi xeral- dúas etapas. O primeiro período sería desde o comezo do programa, en 1994, ata principios dos 2000, no cal destacan series como: Dragon Ball, Doraemon, Sailor Moon ou a Formiga Atómica. A seguinte etapa comezaría a principios do novo milenio, coa chegada de Sinchán, O Dective Conan, Gatocán ou Neon Genesis Evangelion. Polo tanto, estamos ante dous períodos moi distintos do Xabarín Club, con series populares diferentes que, de seguro, confrontan as/os de Sinchán e as/os de Dragon Ball. Un enfrontamento tan cómico coma xusto, xa que cada quen defenderá as súas referencias. Con todo, o subliñable da cuestión é que, máis alá das diferentes etapas, toda a xeración Xabarín ten en común un programa completamente en galego, onde emitían series moi diversas que encadraban á perfección na televisión da época.

Grazas a isto logrouse que toda unha xeración consumise televisión na nosa lingua, facendo unha tremenda labor pola normalización lingüística. Ademais, a diversidade e accesibilidade do programa fixo chegar o Xabarín a tódolos sectores da sociedade galega sen influír a lingua, situación social ou xeográfica. Foi un produto completamente transversal que conseguiu marcar unha época, acadando o difícil obxectivo de que a xuventude de todos os ámbitos sociais de Galiza tivesen un produto galego común. Así mesmo, o pobo galego comprobou que era posible facer audiovisual contemporáneo e de calidade na nosa lingua.

Característica da xeración millennial é a irreverencia e capacidade crítica, o que provoca que esteamos continuamente xultando o paso, dado que o ideario da nosa infancia é ben diferente do actual

Outra gran característica da xeración millennial é a irreverencia e capacidade crítica, o que provoca que esteamos continuamente xulgando o pasado, dado que o ideario da nosa infancia é -por sorte- ben diferente do actual. Isto acontece, tamén, nalgúns produtos do Xabarín Club onde aparecían representadas actitudes que hoxe estarían fora de lugar, como, por exemplo, as diversas condutas sexistas e homófobas de Evangelion, Sinchán ou algunhas cancións dos Heredeiros. Malia isto, os recordos destes programas da nosa xuventude non se volven amargos, senón críticos, buscando mudar os valores obsoletos do pasado.

O Xabarín Club é unha peza fundamental da historia da Galiza e tamén un elemento de identificación, con series, música, personaxes e estética propia. Falar da xeración millennial galega é falar da xeración Xabarín, un grupo que medrou con series en galego, en contacto coa multimedia e que terá sempre presente este espazo que fixo a nosa infancia incluso máis feliz.

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail