Politizar a política

Que cousas tedes. Facer política!

Folgas políticas. Manifestacións políticas. Declaracións políticas. Debates políticos. Política nas rúas, política nos bares… e o peor de todo, política no Parlamento!

Desculpen o arranque que, por se non o percibiron, era de ton intenso, mais é que ando abraiada aínda con algunhas das declaracións recentes do presidente da Xunta. Non é que me sorprenda, é que me desespera.

Vexamos algúns titulares.

Feijóo critica a la oposición por politizar la sanidad

Feijóo considera «interesado y politizado» el conflicto en la sanidad gallega

Vaia! Máis alá de que como ven a variedade no enfoque brilla pola súa ausencia, calquera diría que este señor é un ser de luz máis que o presidente da Xunta. Un cargo político que exerce poder político e cuxo obxectivo é…. oh my god! Gobernar, ergo, facer política! Que escándalo!!

Por se hai algunha persoa despistada entre nós ou, quen sabe, algún extraterrestre, a Xunta define, deseña e executa a política sanitaria en Galiza. Decidir que haxa máis ou menos persoal médico é unha decisión política. Recortar ou incrementar o orzamento da Consellaría de Sanidade é unha decisión política. Manter o persoal en condicións precarias ou garantir condicións de traballo dignas é unha decisión política. Obrigar o persoal sanitario a xestionar miseria e garantir un dereito fundamental como a sanidade universal sen recursos humanos, materiais e económicos suficientes, é unha decisión política. Manter pechadas habitacións ou salas de reanimación dos hospitais cando se amorean ducias de doentes nos corredores das Urxencias é unha decisión política. Non garantir atención pediátrica nos concellos é unha decisión política.

Decidir que haxa máis ou menos persoal médico é unha decisión política. Recortar ou incrementar o orzamento da Consellaría de Sanidade é unha decisión política

Isto de lanzar a verba politizar coma se fose un agravio, un insulto ou algo que arrebolar á cabeza do adversario non é novo no presidente da Xunta. En marzo de 2018 con motivo da folga feminista e o Día internacional das mulleres, Feijóo xa nos advertía que «loitar pola igualdade» ben, mais sen «politizar os problemas das mulleres» que, como todo o mundo sabe, son cuestión climatolóxica. Debe ser que nos violan, discriminan e asasinan porque o ar vén do nordés. [Perciban a retranca].

Vaian para casa, pechen a porta, poñan o Telexornal da TVG e pensen que nunca estiveron mellor ca hoxe. Non cavilen moito e sobre todo critiquen menos que lle están vostedes ensuciando a foto ao presidente, esa de que en Galiza non se move una folla porque vivimos no país do unicornio, a piruleta e Feijóo.

«Fagan coma min e non se metan en política» que dicía aquel dirixente fascista que gobernou o Estado español entre 1939 e 1975. El tampouco facía política

Que insulto á intelixencia!

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail