Diario dun adolescente: loitando polo clima

«Que sentido ten seguir indo á escola cando non hai futuro para nós?». Esta advertencia existencial escoitada nas rúas de Bruxelas hai uns días non procede da precariedade laboral ou temor a non contar con pensións dignas. Tampouco dun medo irracional ao ver os valores dunha Europa cristiá falsamente esmorecidos pola chegada de inmigrantes africanos ou árabes.

É o medo existencial á desaparición que xermola entre os adolescentes belgas, concienciados pola súa supervivencia e a da humanidade nas próximas décadas. Unha lección que están ensinar aos políticos do país que acolle á capital da UE mentres escapan das escolas coa ollada cómplice dos profesores.

En tempos nos que os máis novos son banalizados polo uso que fan das redes sociais ou dos videoxogos, acusados de frívolos, egoístas e nihilistas, os berros dus centos de adolescentes percorreron hai uns días a avenida bruselense das institucións europeas, rompendo a calma dos burócratas europeos, desafiando á clase política belga e subliñando unha verdade absoluta: ou actuamos xa ante o cambio climático ou é posible que desaparezamos como especie. E se o futuro que lles queda é a extinción, que sentido ten ir á escola? O chío existencial contra o cambio climático espallouse tamén nas redes sociais antes da manifestación deses 3.000 rapaces chegados dende Amberes, a segunda cidade do país, aquela que paseou na ficción Adrian Solovio no Arredor de si de Otero.

«Cambiemos o sistema, non o clima», esixiron estes rapaces mentres a dereita nacionalista flamenca se agochaba non seus despachos. Os gobernantes prohibíranlles protestar ante o parlamento rexional, afastárannos da escena pública igual que fixeran antes co recente cumio en Polonia para loitar contra o quecemento global. O Parlamento de Flandes, controlado polos nacionalistas conservadores da N-VA, os amigos de Carles Puigdemont, negárase a asinar en novembro a declaración do país comprometendo medidas efectivas para reducir as emisións de CO2.

Velaquí a resposta deses rapaces enganchados ao Iphone e o Instagram. O futuro é noso, non voso, e debedes lexislar para nós. Se non o facedes, sairemos á rúa ata que nos escoitedes, estannos a dicir. Un razoamento por rompedor sinxelamente incuestionable. E se non podemos protestar ante o Parlamento flamenco, desfilaremos cara o barrio europeo, bloqueando os centos de coches que circulan por esa Rue de la Loi comunitaria, curiosamente unha das avenidas con maiores niveis de gases contaminantes de Europa.

Só agora, cando os vídeos deses adolescentes percorren as redes sociais europeas, os gobernantes flamencos lles fan caso. «É positivo que os estudantes se ergan e teñan interese por unha mellor política climática, pero saltarse clases non é o xeito adecuado», díxolles a ministra de educación aos rapaces alporizados. «Estades invitados a vir cada mércores ao Parlamento flamenco, mais pola tarde». É dicir, logo de rematar as clases. Condescendencia hipócrita ante o que che acaba de amosar que vas espido. Como toda a política climática dos gobernos occidentais, como o no cumio de Katowice, onde o ministro polaco se atreveu a saltar por riba da mesa enchido de euforia malia á ausencia de medidas internacionais e obrigas aos gobernos para frear o quecemento global en 1,5 grados, como alertan os científicos.

Só agora tres ministros recibiran a estes rapaces, pero nas oficinas do partido liberal, non nos despachos do goberno. Unha rapaza de dezasete anos, Anuna De Wever, encabezara a representación, como xa fixo altofalante en man ante os edificios parlamentarios e polas rúas bruselenses. A paz climática non está garantida xa que ao mesmo tempo os seus camaradas de loita sairán de novo a protestar. E a fins de xaneiro está prevista outra gran manifestación en Bruxelas esixindo medidas concretas para loitar contra o cambio climático. En decembro, xa o fixeron máis de 65.000 persoas e o movemento crece, agora impulsado polos máis novos. Somos nihilistas das redes sociais? Pois imos xogar á política 3.0 e a difundir masivamente o desprezo a un futuro sostíbel.

Ese futuro que debe ser seu, por iso reclaman lexislacións medioambientais ou non serán necesarias máis escolas. Non están en xogo, hoxe, uns centos de postos de traballo nas acereiras ou alumínicas que reciben milleiros de euros en subvencións mentres emiten dende os polígonos industrias milleiros de toneladas de gases contaminantes. En xogo está o futuro desta xeración, da dos seus fillos ou ou seus netos.

E compre, como europeos, botarlle unha ollada ao que están facendo estes centos de rapaces flamencos, e quizais imitalos. Porque, se non o saben, incluso freando o quecemento global en 1,5 grados a barreira de coral desaparecerá entre un 70% e 90%. E se cadra a próxima crise de refuxiados estará protagonizada por galegos que escapan da nosa terra, mudada en ermo. Este é o presente que os nosos políticos levan construíndo na UE hai décadas, o presente ante o que se rebelan uns instagramers.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail