Chomsky estaba trabucado

What do you do? what do you say, Noam Chomsky?

Habeas Corpus. Conversación con Noam Chomsky.

 

A miña noticia favorita dos últimos tempos é esa do cruceiro que van facer os terraplanistas para chegar ao muro de xeo que separa a terra dos confíns do espazo. «The biggest, boldest, best adventure yet», que é como a publicitan, superou mesmo aquela marabilla dos nativos de Sentinel do Norte (topónimo que debería encabezar calquera campaña en defensa do bilingüismo harmónico), a illa que vive á marxe do mundo e onde reciben a frechazos a todo o que pretenda pisar terra. O que fai realmente especial a odisea da Flat Earth International Conference non é o perigoso de chegar where no man has been before, máis aló de zonas cartografadas –hic sunt dracones–, senón facelo cunha tripulación que basea os seus coñecementos marítimos no feito de que o planeta é esférico.

O realmente especial da odisea da Flat Earth International Conference non é o perigoso de chegar máis aló de zonas cartografadas,  senón facelo cunha tripulación que basea os seus coñecementos marítimos no feito de que o planeta é esférico

Este remake de Viaxe de pirados coincidiu no tempo cunha afirmación chamada a poñer en xaque todos os coñecementos nos que baseamos o noso mundo. Aramis Fuster, a bruxa con nome de mosqueteiro, asegurou nun deses espazos de neorrealidade da cadea de Mediaset que aínda ten informativos: «Difiro con Einstein en varios puntos». Cales? Descoñézoo, síntoo, pero aínda sinto máis que Telecinco xa non emita o programa de Anne Germain, aquela medium que podía ter servido de vehículo para que estas dúas mentes preclaras debatesen sobre mecánica cuántica ou sobre se E é realmente igual a mc ao cadrado.

A auténtica teoría do relativismo é a dos programadores dispostos a dar cabida a calquera opinión, por retrógrada que sexa, polo ben da audiencia e o espectáculo

Pero a televisión foi magnánima e, dada a imposibilidade de asistir a tal choque de titáns, un zapping de madrugada de sábado concedeume un espectáculo similar: en LaSexta Noche señoras aparentemente normais discutían con outras que si o eran tentando convencelas de que o machismo non existe pero a ditadura de xénero, si. Como o presentador trataba os dous bandos por igual, nunca chegaron a descubrir que en realidade eran como Aramís Fuster tentando dicirlle a Einstein cal é a auténtica teoría da relatividade (ou do relativismo): a dos programadores dispostos a dar cabida a calquera opinión, por retrógrada que sexa, polo ben da audiencia e o espectáculo. En breve, os terraplanistas terán un oco nese plató para explicar en pé de igualdade con calquera científico o que eles defenderán como «a miña verdade».

Tratamos a política como o balompé á forza de converter os programas de debate no Chiringuito de Jugones con algún tertuliano que podería xogar en ambos campos

Todo isto vén demostrar que Chomsky estaba equivocado. Se a memoria non me falla, San Noam –seguramente o culpable de que picases e esteas lendo isto; grazas por chegar ata aquí– consideraba que para que a xente se implicase en política, había que conseguir facerlla tan apaixonante como un partido de béisbol. Supoño que o símil pode funcionar cun deporte sen contacto no que os señores maiores con panza e canas están sobre o céspede; pero nunca poderá facelo aquí, na terra do fútbol onde, por riba, o xornalismo deportivo está máis pendente da tableta abdominal dun suposto violador ou do último baile en Instagram da vindeira fichaxe do Madrid que das características do xogo ou os escuros negocios e conexións ultras de propietarios de equipos e dirixentes da Liga. Tratamos a política como o balompé, si, pero á forza de converter os programas de debate no Chiringuito de Jugones con algún tertuliano, por certo, que podería xogar en ambos campos (sen esquecer que Roncero, cunha ouija, non precisa a Anne Germain).

O chiste perdeu o seu sentido: xa non é a LOGSE –diolateña na súa gloria– nin a roupa de Inditex a que iguala por abaixo; agora é a tele. E logo preguntarémonos como chegamos ata aquí…

PD: o mellor de todo vai ser ver a cara que lles vai quedar aos terraplanistas cando o cruceiro chegue ao Muro e descubran que foi destruído polo dragón de xeo do Rei da Noite. Bwah-ha-ha-ha-haaaaa…!!!

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail