A medida do amor

Cando a comezos dos anos dous mil, a miña tía Lola albiscou o final dos seus días, na calma da pequena vila suíza de Wolphalden, onde vivira os últimos corenta anos a carón dos seus fillos, fixo unha estraña e cómica petición: «Cando morra, levaime enterrar a Castroncelos, que eu non me vou entender cos mortos de eiquí». A pesar do hilarante e tenro da situación, a lóxica da tía Lola apuntaba a dúas cuestións esenciais se atendemos á antropoloxía da emigración: en primeiro lugar, ela nunca chegara a aprender a lingua alemá, e en segundo lugar, e como ten estudado o gran antropólogo galego Marcial Gondar, a permanente idea do retorno ao lugar natal leva á emigrante a conservar o pequeno leiro que lle tocou na herdanza, e a manter o seu panteón familiar na agarda do definitivo regressus ad uterum.

Sen dúbida a tía Lola recreaba aos seus noventa anos, no cantón alemán, o cemiterio parroquial de Castroncelos desde o pensamento máxico de quen imaxina a conversa cos seus conveciños e ancestros defuntos sentados no toco dun castiñeiro do alén. Mais no caso da tía Lola había un terceiro elemento que turraba dela en vida para marchar na morte ao seu remoto lugar de orixe.

Dolores Novo Rodríguez foi a segunda filla dos meus avós paternos, Benigna e Antonio. Tivo quince irmáns, dos cales chegaron á idade adulta, nove. Sendo mociña de catorce anos, fermosa, sa, de bo porte e espeso cabelo mouro -unha boa moza para os canons da época-, comezou unha relación amorosa co Henrique da casa de Buxán, do veciño lugar de Castroncelos, un bo mozo co que bailou nas festas dos arredores, co que soñou ser feliz, co que coñeceu a forza da atracción física, a paixón e o pracer. Ocultos nos soutos, e nos «cuartos de abaixo» da casa vella, onde as arcas do pan calaban os suspiros, os namorados viviron de xeito clandestino unha relación nunca ben vista polo pai dela, dado que ao rapaz lle apoñían formar parte dunha cuadrilla de mozos que subtraían comida das casas para facer merendolas ou vender os produtos.

A casa vella de Pescado (Castroncelos).

O pai non quería. Pero sabíao. A nai sabíao pero calaba. Os irmáns e irmás calaban e sabían. A natureza mesma acubillaba o Eros libre da xente do campo, nunca dominada polas normas da moral burguesa e a duras penas freada polo sermón eclesiástico. Así que, a marabillosa lei sen lei da atracción natural rexeu os encontros da Lola de Pescado e do Henrique de Buxán durante sete anos, ata o que o seu mutuo amor se revelou fértil e ela se decatou da súa recente preñez.

Coma tantas outras rapazas, atenazada polo temor ao pai e a deshonra que comportaba a maternidade na solteiría, tentou ocultar con faixas improvisadas a curva crecente do seu ventre. Certo é que a antropoloxía galega advirte da maior integración das nais solteiras e das súas criaturas no seo da comunidade, en comparación con outras latitudes, e contamos incluso coa defensa filóxina que o pensamento galeguista de finais do XIX e comezos do XX establece cara ás mulleres que por amor «caen» nunha «falta». Iso si, non deixa de considerarse unha falta e unha caída da que se redimen polo amor e o coidado ao fillo, e sobre todo pola posterior observancia dunha intachable conduta casta.

A tía Lola sentiu a brutal presión que levou a tantas outras mulleres a correr o risco das prácticas abortivas. Pediulle a unha das súas irmás pequenas que fora mercarlle un solimán á botica da Pobra do Brollón

Sexa como for, a tía Lola sentiu a brutal presión que levou a tantas outras mulleres a correr o risco das prácticas abortivas ou incluso o infanticidio. E así, pediulle a unha das súas irmás pequenas que fora mercarlle un solimán á botica da Pobra do Brollón. A meniña, sen saber sequera que ía procurar un veleno para a súa irmá, marchou polo fondo camiño do val zoqueando ata dar cun veleno dos ratos que inxeriu a Lola en canto chegou á casa. Non era a primeira vez… Alguén lle dixera que comendo cabezas de mistos podía morrer, mais nin o solimán nin o fósforo a mataron e transcorridos os nove meses pariu soíña no último cuarto da casa, agarrada á branceira da cama apenas sen dar un ai. Porque nin dereito tiña ao sufrimento nin ao lamento, e moito menos aínda á inmensa alegría de traer unha nova vida ao mundo.

Estaban naquel momento a súa nai e a señora Aurora de Chiqué na cociña cando oíron garnexar o bebé no fondo da casa. E tras un primeiro intre de confusión no que a Benigna quixo ter oído un gatiño, foi a señora Aurora quen desde o abraio sentenciou: -Benigna, eso non che é un gato, éche unha criatura. E botándose a correr polo corredor adiante, viu a súa filla coa criaturiña nos brazos acabada de nacer.

Durante días, o peor non foi a dor da recuperación do parto, e nin sequera a morte da meniña aos poucos días de nacer, senón a severidade das palabras do pai quen, atordado pola deshonra, dicíalle á súa muller cando esta se dirixía ao cuarto levarlle alimento á filla: «Mellor farías dándolle caldo de cinsa». Aquela frase sentenciábaa á exclusión, á marxe dos afectos do pai, e á terrible condena á solteiría dado que o meu avó impediu o casamento da tía Lola co seu amado Henrique. Henrique de Buxán…

A «falta» da tía Lola levouna á exclusión e polo tanto á reclusión: tardou oito anos en volver ir a unha festa, a un folión, a unha feira

A meniña froito dos seus amores semiclandestinos aparece no rexistro civil como Elia Novo Rodríguez, falecida aos dous días de nacer. Sepultada no cemiterio dos nenos, non existe lápida ningunha que lembre a súa existencia. Pero o seu nome ficou non obstante na familia, dado que a última irmá da tía Lola foi bautizada co nome daquela criatura alimentada con fósforo nas paredes do útero. Ese feito, tan común nas familias numerosas, de recuperar o nome dun defuntiño para o neno seguinte, cobra nesta historia un significado simbólico que sempre se mantivo en segredo, ou sinxelamente se esqueceu, ata que as miñas mans acariñaron por azar aquela partida de nacemento que pía coma un paxariño triste na miña árbore xenealóxica.

A «falta» da tía Lola levouna á exclusión e polo tanto á reclusión: tardou oito anos en volver ir a unha festa, a un folión, a unha feira. Algunha das súas irmás, dominada polo terrible mandato patriarcal e non pola solidaria compaixón cara á irmá maldita, negábase a ir á festa se a Lola ía, pois igual tamén a tiñan por puta a ela. Coma se da peste se tratase, da «nacida» que se expande con fedor e morte, a «falta» da irmá maior caía tamén con todo o peso puritano sobre as demais.

A tía Lola nunha foto de mocidade.

Así que, a tía Lola, entregada aos labores da casa e do campo coma un membro máis do que coñecemos como «compañía familiar galega», ficou pechada no círculo da pequena aldea igual a un inferno grande, e por suposto, á marxe da posibilidade do casamento, mentres o seu amor casaba con outra veciña e formaba unha familia.

Non obstante, aos vinte e oito anos, para o caso xa unha celibata naquela época, un bo día apareceu na portada da casa un home que acababa de regresar de Cuba, a onde emigrara uns cantos anos atrás. Felipe Fernández, da casa de Rellas de Castroncelos, veciño do noso Henrique. Na Habana soubera da desgraza da Lola, a quen el sempre quixera en segredo, aquela boa moza de Vilarmao, á que nunca puidera pedir un baile sequera porque ela sempre lle tiña dada palabra ao Henrique de Buxán.

Sempre pensei na tía Lola coma a heroína dunha traxedia grega marcada polo fatum que a conducía inexorablemente ao abismo. Unha heroína humildísima con pano á cabeza e fouce na man

O de Rellas presentouse cun reloxo de regalo e fermosas e seguras palabras de salvación para ela. Un bo home que volveu das Américas para ofrecer, como diría Rosalía de Castro, «os bos amores», soaves que n’inda vir se sinten, nin se ve cando entraren pola mimosa porta que o corazón lles abre.

Endexamais o Felipe lle lembrou o seu pasado amor, nos anos que conviviron en acougado matrimonio no lugar de Castroncelos, veciños xa que logo, daquel primeiro gran amor da tía Lola. O Henrique de Buxán que lle asaía a ela ás nabeiras, aos campos de ferroia e altos milleirais propoñéndolle fuxiren xuntos, amarárense de novo alí ou noutro lugar, nalgures… Ela nunca aceptou e foi fiel ao elegante marido protector con quen tiña xa dous fillos. E afíxose a vivir a ordenada e tranquila vida de familia, facendo fronte á atracción do amor pasional, que aquí cómpre entender na súa máis profunda raíz etimolóxica: passio, do latín patior, que indica «padecemento».

Sempre pensei na tía Lola coma a heroína dunha traxedia grega marcada polo fatum, por un destino trazado malia ela, que a conducía inexorablemente ao abismo, a ela e á súa inmensa bondade. Unha heroína humildísima con pano á cabeza e fouce na man. Nunha desas reviravoltas do seu destino tráxico, cando tan só contaba con cincuenta e oito anos o marido afable morreu, inesperadamente, tras unha operación cirúrxica sinxela, precisamente o día en que xa volvía para a casa. Unha filla de catorce anos e un fillo de doce. E ela, ela soa, de novo. Á fronte da casa, das terras, e da súa soa dor.

Ás veces ía a Vilarmao polo carreiro de Val de muller pra comer unha cunca de caldo na casa da nai. Ás veces tiña que mentirlle aos seus fillos, dicíndolles que xa xantara, para poder alimentalos a eles cun ovo fritido e silencio. Ás veces os bos veciños levábanlle algo. Os malos veciños aproveitaban a ocasión para explotala no traballo do campo e pagarlle un mísero xornal dun brazado de leña e silencio.

E naquela congoxa permaneceu catro longos anos. De novo no encerro. No círculo pechado da dor, esta vez no estado de viúva desprovista da protección do paterfamilias. En canto a filla se fixo moza marchou a Suíza, e acabou levando canda ela a mai e o irmán.

A tía Lola en Suíza.

A tía Lola viviu corenta anos no cantón alemán traballando nunha fábrica de medias, comunicándose, tan só, cos seus fillos e coas proletarias italianas da fábrica, na fermosa intercomprensión románica cando non existe barreira de prexuízo ningún. Alí transcorreu a súa terceira vida, a da muller transterrada, trala primeira vida de moza namorada e a segunda vida de labrega nai.

Cada verán volvía a Vilarmao cargada de chocolate e estrafalarias historias de iugoslavos e de italianas. Un ano veu acompañada da súa neta e o seu home, un rapaz suízo que a min me pareceu tan exótico coma o negriño de Castelao polos carreiros da aldea. A tía Lola, co seu característico humor bondadoso, presentóunolo do seguinte xeito: «É bon rapaz, pero non che sabe falar ningún idioma». E ante o noso abraio divertido, explicou cun sorriso: «Non sabe palabra de castellano, nin de italiano, e de gallego xa nin falar». A súa neta, saíndo ao paso, exclamou cunha inmensa tenrura que nos fixo sorrir a todos: «Pero habla el lenguaje del amor». E iso, precisamente iso, entendíao moi ben a tía Lola.

Cada verán volvía a a Vilarmao cargada de chocolate pero tamén de memoria. Lembro que aos poucos días de chegar me pedía a min, que era unha nena, que a acompañase ao camposanto. E alí repetíase ano tras ano un ritual incomprensible para min: achegábase primeiro á tumba do seu marido, e alí choraba, acariñando o nome do seu Felipe. Mais antes de nos volver para a casa, encamiñábase a outra tumba e alí, volvía chorar. Cando souben ler percorrín cos olliños de nena as letras dun nome estraño inscrito na tampa daquela tumba, un nome que non formaba parte do meu bosque de cromosomas, pero si do Amor: Henrique, da casa de Buxán, da aldea de Castroncelos.

Naquel lugar aprendín eu que hai conflitos familiares que perduran durante xeracións, pois na miña familia non gustaba que eu me parara simplemente a falar cun rapaciño dos meus anos da casa de Buxán. Pero sobre todo aprendín que ningún poder pode rematar co amor e que ningunha norma pode impedir amar a máis dunha persoa, que o corazón é un campazo grande e non ten cancelas, e que a medida do amor, que a medida do amor é amar sen medida.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail