Queizán, amazona

Veño de ler as memorias de María Xosé Queizán, Vivir a galope, que editou Xerais. Ao principio sentíame como unha voyeur. Ao remate, sinto que viaxei da súa man pola historia de Vigo, de Galicia, de Europa e do mundo mundial, e, tamén, como non, pola súa propia historia vital. A súa relación marital é unha parte pequena, en relación coa importancia que os díxome-díxome lle querían dar, procurando, máis unha vez, que a protagonista da súa propia vida e obra, non fose ela. Laméntoo por quen se podía sentir –prematuramente– afectado  por aquilo da fidelidade amistosa ou do lobbi masculino. Non vou dicir que é anecdótico, porque os divorcios non adoitan selo, mais aconsello non quedar aí.
Achego algúns comentarios máis sobre os varios relatos que transcorren en paralelo no decurso de más de 700 páxinas. A orde non indica prioridade, é aleatoria.
  • O propiamente biográfico, cronolóxico, con contextos moi acaídos e boa descripción das persoas e situacións que marcan as súas lembranzas.
  • O reflexivo, diría que case filosófico, que agroma inesperadamente en momentos que levan a autora a compartir emocións, descubertas, sabiduría, propias de quen mira cara atrás con curiosidade e capacidade de tirar conclusións intelixentes.
  • O histórico, onde aparece un Vigo, agochado para quen non vivimos aquí a posguerra, sorprendente e imprescindible. E tamén comparte a súa ollada sobre outros lugares da España ferida que puido coñecer desde que era ben cativa. Ou sobre a Galicia da que nunca quixo fuxir, que queda retratada sen filtros.
  • O cosmopolita, co paso avant-garde da autora polos lugares onde se marcaba estilo e cambio de era, cando as mulleres daquí non adoitaban sair ao extranxeiro.
  • O libro de viaxes, onde podemos colocarnos na súa pel e ir descubrindo lugares insólitos, porque o seu pasaporte merecería unha performance ou unha tese doutoral.
  • O amor e a sexualidade, como achádegos e como camiño para a comprensión da propia vida e do mundo.
  • O político, onde o feminismo se amosa tal e como é: unha toma de posición revolucionaria. O novo humanismo.
  • O literario no que unha escritora de raza ocupa o lugar que lle corresponde, e denuncia a inxustiza e a cegueira con que varias xeracións de «colegas» quixeron apagar calquera foco que puidese alumear a súa obra. Disfruta e recrea, tamén, os por ques das novelas e ensaios que marcan a súa carreira.
  • O cultural, en sentido amplo, onde tivo a ver con todas as actividades que marcaron fitos no avanzo socializador e mobilizador da acción cultural.
Esta obra ben merece ser traducida e exportada. Espero que Xerais así o vexa e o procure. E reclamo a Real Academia Galega, que, dunha vez, convide a María Xosé Queizán a ocupar unha cadeira para a que atesoura méritos que darían para dez ou doce. Non sei se para sentar nela ou para rexeitala, iso é o de menos. O importante é rachar coa estupidez de querer tapar o sol cun dedo. Polo ben da Academia o digo. A ela, a vida xa lle puxo as maiores medallas.
Parabéns para a autora e para a editorial. Nas posteriores edicións seguramente serán corrixidos mínimos erros temporais ou referencias sen importancia que terei moito gusto en compartir coa autora.
cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail