Galicia, Feijóo e a «lóxica do caracol»

Na última década, dende o 2008, a publicación de libros en galego caeu máis da metade. En concreto, un 53%. A información non procede da Asociación Nacional de Servizos Funerarios, senón do Instituto Nacional de Estatística. Hai dez anos, saíron do prelo 2.070 obras. No último ano, 972. A redución de títulos é unha tendencia xeral, mais no caso de Galicia non se trata dun axuste previsíbel senón dun derrubamento histórico e incomparábel con outras culturas.

Ao primeiro, pensei que era un desastre sectorial dentro dun desastre xeral. E que a caída abismal do libro ilustraba o réxime de afundimento vixente en Galicia. Viñéronme á cabeza todos os derrubamentos. Dende a perda do sistema financeiro autónomo, caixas de aforros e bancos privados, até a perda da pataca no país dos comedores de patacas. Dende a perda da sanidade de atención primaria até a perda demográfica. Por perder, mesmo perdemos o Centro Galego de Bos Aires, que é algo así como perder o centro da gravidade universal.

Hai dez anos, saíron do prelo 2.070 obras en galego. No último ano, 972. A redución de títulos é xeral, mais en Galicia non é un axuste previsíbel senón un derrubamento histórico e incomparábel

Vense falando moito da España vacía en referencia ao abandono do rural. En Galicia tamén se dá ese proceso de abandono do agro e o despoboamento de lugares e aldeas cunha especial intensidade. Mais en Galicia cómpre falar dun baleiro existencial. Non é o mesmo a Galicia baleira que o Baleiro galego. Que futuro nos agarda sen libros, sen lingua nai e, sobre todo, sen patacas?

Iso pensaba, o meu ser mergullado no non ser, abraiado polo silencio no que avanza o baleiro, desacougado polo peor derrubamento: o conformismo ante o derrubamento. Até que caín do cabalo, e vivín a miña revelación como Pablo de Tarso e o compañeiro Caneiro.

En realidade, no mundo feliz da Xunta de Feijóo non estamos no derrubamento senón na primeira liña de vangarda: o decrecemento ou acrecemento. De xeito sixiloso, estase a ensaiar en Galicia a «lóxica do caracol» de Ivan Illich e a «economía budista» de Schumacher.

Xa dicía Émil Ciorán: «Podemos estar fachendosos do que fixemos, pero deberíamos estar moito máis fachendosos do que non fixemos. Este orgullo está por inventar».

Pois velaí o último invento do Goberno galego. A fachenda de non facer.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail