Emocións pasadas por auga

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

«Está chovendo; mellor vémonos outro día», escribíame unha amiga o sábado. Cun triste orballiño, os madrileños gañan medo e xa non hai quen os saque da casa. Se non lles queda outra e aínda que só caian catro pingas, abéiranse no coche para moverse trescentos metros e non poñen pé en rúa mollada. E haberá quen pregunte por que os galegos nos xuntamos en Madrid! Se quedásemos no sofá cada vez que chuvisca, non viaxariamos máis aló da Gudiña. Tanto nos ten que escampe, somos de saltar pozas -ou de pisalas-, de enchouparnos como pitos, de refuxiarnos nos bares -poucos- que despachan licor café decente. Precisamos o cheiro da chuvia e sabemos distinguir cun cento de palabras se é poalla, borralla, chuvascada, chaparrada ou trebón. A chuvia para nós é algo moi serio.

O cine e as series galegas sempre teñen a man un protagonista máis. En La casa de la lluvia (1943), inspirada nunha das obras menos coñecidas de Wenceslao Fernández Florez, o director ourensán Antonio Román arranca con choiva a chorros nos títulos de crédito, deixando ben claro quen é a estrela da historia.

A primeira película asinada por Alfonso Zarauza, A noite que deixou de chover (2008), é a fermosa historia da viaxe nocturna e sentimental polo interior dunha cidade, Santiago. Nun ambiente bohemio -reflectido nas pedras compostelás-, Spleen (Luís Tosar) e a Rusa (Nora Tschirner) viven unha velada máxica e chea de tenrura, que esvaece co amencer dun ceo cargado de chuvia disposto a borrar e arrastrar as ilusións dos protagonistas.

Parranda (1977), de Gonzalo Suárez, calcou no cine a desolación de A esmorga de Blanco Amor, un dioivo de perdedores que ten outra versión filmada, tamén A esmorga (2015), de Ignacio Vilar, primeira longametraxe rodada en galego entre as finalistas dos Goya ao mellor guión adaptado. Na cinta, Karra Elejalde, Miguel de Lira e Antonio Durán «Morris» viven 24 horas dramáticas fundidos coa constante poalla da perdición.

A chuvia nas pantallas poucas veces trae alegría. Case sempre vai ligada á nostalxia e á tristura ou anuncia tormenta sobre os personaxes. En Delitos y faltas (1989), Woody Allen tribútalle unha fermosa homenaxe a Cantando bajo la lluvia (1952): «É a única película que teño. Véxoa cada dous meses para manterme de bo humor», cóntalle Cliff Stern (o propio Allen) a Halley Reed (Mia Farrow). Sinto o mesmo cada vez que repaso o clásico de Gene Kelly e Stanley Donen: un golpe de enerxía prodixiosa. Deberían prescribirse máis bailes e cancións de Don Lockwood: o optimismo e a beleza da posta en escena dos seus números musicais son a mellor das terapias. Chuvia e ganas de vivir.

A choiva tamén é un sentimento. Ridley Scott fainos vibrar en Blade Runner (1982) co monólogo do replicante Roy Batty. A brillante interpretación de Rutger Hauer baixo o trebón empapa ata a alma: «Todos eses momentos perderanse no tempo como bágoas na chuvia». Á literatura e á música non lles escapa a potencia desa frase, tan inspiradora para o pop de Iván Ferreiro como para o rock máis afiado de Yosi e Los Suaves.

Sen piedade, demoledora, cala a arroiada sobre Clint Eastwood en Los puentes de Madison (1995). Na derradeira secuencia do filme séntese como a auga traspasa a pantalla, xostregando o corazón. Robert (Eastwood), enchoupado de pena, busca a mirada de Francesca (Meryl Streep), que agarda ao seu home dentro da furgoneta. A intensidade da tromba bate nos cristais e nos sentimentos feridos dos protagonistas. Nunca tanto, nin con tanta emoción, contara a choiva.

A épica Noé (2014), de Darren Aronofsky, leva ao cinema o diluvio universal. Noé (Russel Crowe) recibe a misión divina de construír unha barca para salvar da Gran Inundación a todas as especies animais. Baseada na pasaxe bíblica, o guion móllase na súa interpretación, pero fai augas a babor e a estribor.

Podemos defender a galeguidade do apóstolo Santiago ou mesmo a de Cristóbal Colón, pero estamos seguros de que Noé non pisou Galicia: con 40 días e 40 noites de choiva seguidos, o home pensou que se acababa o mundo; nós agardamos con tranquilidade a auga do día 41, e chamámoslle verán.

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

Comments are closed.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail