40 anos da Constitución: eivada na orixe e no desenvolvemento

No 40 aniversario da aprobación da Constitución de 1978 (CE) é un lugar común a súa falla de actualización ás novas realidades de 2018. Tamén que somos maioría moi hexemónica os que non puidemos votala, por non termos 18 anos aquel 6-D.

Hai, si, cuestións na CE evidentemente fillas do seu tempo que cumpriría actualizar. Mais outras son froito da xénese desta Carta Magna: un pacto entre os sectores máis aperturistas do franquismo e grande parte da oposición democrática, nomeadamente o PSOE e o PCE. Elaborada por unhas Cortes nunca convocadas formalmente como constituíntes, que recibiron presións para asumir acriticamente a Monarquía, a «indisolúbel unidade de España, patria común e indivisíbel» e que negaba todo dereito a decidir ou mesmo de cosoberanía ás nacións españolas preexistentes. Tamén a amnistía a todos os delitos cometidos no franquismo, malia que esta decisión é ben anterior á aprobación da Constitución, por se promulgar no verán de 1977.

Xa que logo, algunhas eivas constitucionais teñen a súa orixe na propia dinámica de forzas presentes no pacto constitucional, vixiada e influída polos chamados Poderes Fácticos (Banca e determinadas grandes empresas que medraron canda o franquismo, Igrexa católica, Forzas Armadas e, dalgún xeito, a burocracia franquista ). PSOE e PCE arquivaron a súa proposta rupturista e republicana, mentres que a chama do rupturismo preconstituínte mantense acesa nas nacionalidades, co voto negativo do BNPG, Euskadiko Esquerra, HB e ERC e a abstención do POGA e do PSG. Euskadi e Galicia foron os únicos territorios onde os votos afirmativos foron minoritarios ponderados a respecto do censo electoral.

A amnistía e a falla de depuración dos corpos xudiciais, administrativos e policiais limitaron os posíbeis efectos evolutivos dalgunhas apostas potencialmente innovadoras da CE. Deste xeito, a Carta Magna blindou coa máxima garantía os dereitos fundamentais e liberdades públicas recoñecidas na Convención Europea dos Dereitos Fundamentais, mesmo en termos de recurso de amparo perante o Tribunal Constitucional (TC) como derradeira canle xurídica. Mais progresivamente o recurso de amparo individual ficou inutilizado pola xurisprudencia do TC até que a reforma da súa Lei Orgánica reguladora no 2007 afastou de vez aos cidadáns do TC, coa esixencia do requisito da relevancia constitucional que determina dende entón a inadmisión do 99% dos recursos de amparo.

O abuso das leis básicas e o masivo emprego pola xurisprudencia do TC de títulos competenciais transversais a prol do estado baleirou progresivamente a meirande parte das competencias exclusivas autonómicas

No caso dos dereitos económicos e sociais, a CE só os regulou como principios reitores das políticas sociais e económicas. Mesmo dereitos tan substantivos como o dereito á vivenda e o da calidade ambiental non foron recoñecidos nesa cualidade. A evolución posterior foi parcial, con dereitos recoñecidos pola lexislación positiva como os sanitarios e outros aínda bloqueados como os relativos á vivenda ou dependencia.

A CE recoñeceu un nivel inmediato de autogoberno para Euskadi, Galicia e Catalunya, por ter aprobado na República cadanseus Estatutos. Recoñeceu tamén que os seus Estatutos serían aprobados de xeito pactado entre o Poder Estatal e o Poder Autonómico. Mais moi axiña o pretexto da garantía fronte ás Comunidades Europeas (hoxe UE) das obrigas estatais, o abuso das leis básicas e o masivo emprego pola xurisprudencia do TC de títulos competenciais transversais a prol do estado como a garantía da unidade de mercado e da igualdade dos españois canto ao desfrute dos seus dereitos fundamentais baleirou progresivamente a meirande parte das competencias exclusivas autonómicas e a propia autonomía local recoñecida na CE dende 2013.

A sentenza do TC de xuño de 2010 que decretou a inconstitucionalidade parcial do Estatut catalán de 2006 e a aplicación dun artigo 155 CE que facultaba á limitación autonómica, mais nunca o cesamento dun Goberno autonómico ou a disolución dun Parlamento, completan un proceso de substancial recentralización que non só derrogou de facto a garantía do dereito á autonomía das nacionalidades do artigo 2 da CE, senón a inviolabilidade e autogoberno dos Parlamentos autonómicos e mesmo o propio sistema de equilibrios e contrapoderes da CE, en canto que se demostrou que un Goberno coa maioría absoluta do Senado podía descoñecer o marco constitucional no exercicio dun auténtico autogolpe na liña das teorías decisionistas de Carl Schmitt.

40 anos despois, o problema non é só a falla de actualización e modernización da Constitución, senón as limitacións derivadas da súa xénese (pacto entre o franquismo aperturista e parte da oposición democrática mediatizado pola presión dos chamados poderes fácticos) e, sobre todo, a mutación da Constitución material derivada da xurisprudencia do TC, dos desenvolvementos lexislativos e das actuacións administrativas, sempre promovidas polos sectores sociais que mesmo queren reverter as limitadas cesións operadas polo Pacto constitucional de 1978 en materia de liberdades públicas, dereitos económicos e sociais e autogoberno territorial.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail