Cochefobia

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

Cochefobia: dise da teima persecutoria que a «malvada» Manuela Carmena e os seus téñenlle ao coche. No seu aquelarre opositor que non coñece límites, a dereita madrileña aportou este novidoso concepto á política nacional. Iso ademais de dicir sen morrer de vergonza que Madrid é o novo gueto de Varsovia ou que Carmena está levantando outro muro de Berlín.

Madrid embarcouse nun proxecto tan sensato como necesario: reducir o número de coches que cruza a diario o centro da cidade poñendo en risco a saúde dos cidadáns. Europa e o sentido común esixen reducir a contaminación e canto antes.

Estas medidas sempre son complicadas, crean moita incerteza e suscitan un rosario de problemas que hai que ir resolvendo sobre a marcha. Sen dúbida, o Concello estivo lento á hora de informar e hai moitas medidas pendentes pero o comezo non puido ser máis positivo: os coches desapareceron do centro sen colapsar o resto da cidade; polo menos os primeiros días.

Meterse neste fregado en vésperas dos Nadais e a poucos meses das municipais de maio era unha aposta de risco, pero neste caso Carmena foi valente, aínda que haberá quen pense que máis ben está sendo moi ousada.

A restrición do tráfico e as peonalizacións son sempre procesos moi sensibles: os comerciantes e empresarios creen que van perder clientes e a xente cabréase cando non pode chegar co coche ata a porta do colexio, o restaurante ou o cine.

Esta vez, os galegos levámoslle moita vantaxe aos da capital e estes días, os que vivimos en Madrid non paramos de sacar peito co que xa se fixo no Noroeste.

As experiencias de Santiago e Pontevedra demostran que ao final estes proxectos funcionan e non teñen marcha atrás. En Compostela foi o alcalde Xerardo Estévez quen peonalizou nos anos 90 o casco histórico da capital galega no medio de numerosas protestas; Estévez mantivo o plan e acabou gañando a batalla e a ninguén se lle ocorre agora volver poñer coches polas rúas. Algo similar fixo en Pontevedra, Miguel Fernández Lores, que transformou a cidade e segue gobernando.

Por presumir, os de Vigo ata presumimos doutro exemplo máis pequeno pero que coñecemos ben e que cambiou por completo unha zona da cidade; a rúa Urzaiz no Calvario era un inferno de coches camiño do centro; o alcalde Lois Castrillo impulsou a peonalización de apenas 500 metros e desde hai 15 anos, é un oasis de paseo e encontro dos veciños entre o mercado, a farmacia e o bar. Sinxela pero excelente calidade de vida no barrio.

O éxito de Madrid Central sería fundamental para que o exemplo se estenda por todo o país. Vai haber moito ruído porque hai moita xente interesada en que o proxecto fracase, pero os cidadáns xogámonos a saúde e o futuro das nosas cidades.

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail