O ouro do tempo

Entre os tesouros do pasado, ás veces case ilexibles, temos case todas e todos nós, as «escrituras» da casa. Gardadas e protexidas en maletas de coiro ou madeira, en pequenas caixas baixo das camas ou no fondo dos armarios, nos faios ou nos sequeiros, esas escrituras foron para os herdeiros máis sacras cás Sagradas Escrituras, pois contiñan o pouco ou moito que lle deixaran seus pais, avós e trasavós, as compras, permutas, arranxos de todo tipo, pleitos, cesións. Hai tanta vida nelas que non se poden comparar sequera ás incribles aventuras e desventuras dos personaxes do Antigo Testamento, poño por caso. Os amores, fidelidades familiares e rencillas ancestrais asoman ás engurras dos papeis, así como a ausencia de mulleres asinantes -por non saberen-, ou a insegura caligrafía pobre dos labregos fronte ao requintado barroquismo da caligrafía dos notarios. Tamén a desigualdade social fica para sempre nas nosas Escrituras.

Precisamente esa desigualdade, esa pobreza, levou á nosa xentiña a conservar cun temor case relixioso aqueles papeis que aseguraban a propiedade dun castiñeiro que lles fornecía castañas para boa parte do ano, do leiriño no que se botaban as patacas, ou dun hortal que daba boas coias para o caldo. A supervivencia está escrita nesas liñas.

Pois ben, entre os centos de manuscritos gardados na miña casa desde fins do século XVII, atópase un documento dun meu antepasado: Domingo de Castro. No mes de xuño de 1699, o Domingo decide redactar -sabía escribir-, un documento do seu puño e letra: unha listaxe de débedas e debedores. Escribiuna nun castelán trufado de léxico galego, nun fermoso exercicio de fuga lingüística que se produce no contexto formal dun acto case notarial.

Transcribo aquí o seu contido:

Memurial de lo que de deven a domingo de castro

 do lugar de Villermao

Por junio de noventa y nueve le enpresté a Loys López ocho baras de estopa a precio de cinco reales y medio y con más una quarta de lenzo a precio de ocho reales. Más Pedro álvarez de setecientos reales.

Más Bernardo López treinta y nueve.

Más Mateo Una casas, quatro pesos y dos reales y quartillo.

Más Mateo Méndez binte y quatro reales.

Más Fulgencio López seis reales.

Más la biúda de Rodríguez corenta y cinco reales.

Más José herero del lugar de Martul quatro baras destopa a precio de cinco reales y medio.

Más Juan Álvarez del mismo lugar cinco reales.

Más Manuel Macía dos reales y medio.

Más Tenasio Gontiñas de la billa de la puebla trinta y seis reales y quartillo.

Más la casera de don [ilexible] cinco quartas de lenzo a precio de siete reales y medio.

Más Bentura do Mazo, quinze reales y quartillo esto es ello y su muger.

Más mi primo del lugar de recemunde quatorce reales.

Más otros benteiocho que le debe Bernardo López de mi madre.

Domingo de Castro debúxase á miña imaxinación coma un incansable labrego traballador, pequeno propietario que devén por necesidade un humilde usureiriño que presta varas de lenzo e estopa a veciños e familiares. A través do importante conxunto de escrituras da Casa de Pescado de Vilarmao vemos desfilar partillas de carros viejos, calderos viejos, guadañas viejas, e mesmo as pedras dun muíño en ruínas -que todo se partía por entón-.

O caso é que case trescentos anos despois da redacción dese documento, unha tarde meu pai e meu irmán atoparon, nos «cuartos de abaixo» -unha parte antiga da casa vella, xa deshabitada, e onde houbera en tempos a caniceira e o forno-, atoparon, digo, unha ola de barro cuxa boca estaba perfectamente tapada coa consabida roda de cortiza. Ao abrila, a sorpresa foi maiúscula: centos de billetes coidadosamente dispostos en apreixados feixes enchían a ola ata o cimo.

Trescentos anos despois dese documento, unha tarde meu pai e meu irmán atoparon unha ola de barro. Ao abrila, centos de billetes coidadosamente dispostos en apreixados feixes enchíana ata o cimo

Mais cando os dedos do meu pai quixeron tocar aquel tesouro antigo, os billetes desfixéronse e ficaron convertidos en po, a mesma materia do pobre ser que os estivera apatacuñando durante a súa vida, quizais pasando penurias para lle legar á descendencia unha existencia máis folgada cá súa. Talvez a morte caprichosa o sorprendeu na bouza unha mañá de maio e non tivo tempo de revelar o agocho dos cartos. Alí ficaron case tres séculos, no baleiro absoluto da ola perdida nos cuartos de abaixo, mentres xeracións enteiras pasaban fame e frío e soñaban con tesouros enterrados, ou mesmo sachaban nos lugares imprecisos sinalados polo Libro de San Cripriano, esa marabillosa guía de tesouros e conxuros.

Todo pobo soña co que non ten. E por iso as nosas lendas están poboadas de mouros e mouras gardadoras de tesouros. O noso mundo asenta sobre trabes de ouro -e tamén de alcatrán-; os nosos máis ancestrais espazos míticos son as Illas Cassitérides, riquísimas en estano; ollamos con fascinación os lavadoiros auríferos romanos dos nosos ríos, e as Médulas seguen escintilando no noso imaxinario coma unha mazá dourada que se abrira ante nós no intre da ruina montium. E, fin, entre os nosos amados toliños locais sempre houbo algún aprendiz de alquimista oculto nas forxas e ferrerías, como o entrañable «Caladiño» que Chano Piñeiro nos deixou no filme Sempre Xonxa. Mais tamén a sabedoría popular advirte contra os espellismos do soño dourado ironizando con ese «ouro do que caga o mouro».

O noso mundo asenta sobre trabes de ouro; os noso máis acentrais espazos míticos son as Illas Cassitérides, riquísimas en estano; ollamos con fascinación os lavadoiros auríferos romanos dos noso ríos e as Médulas

Non sei que pensou meu pai no intre daquel descubrimento do tesouro na ola, do tesouro como espellismo, daquela revelación cromosómica, daquela posibilidade imposible do bo vivir. Non sei o que pensou pero é probable que aquel intre case catártico iluminara a súa mente de labrego milenario afeito ao trato, á desconfianza e á necesidade.

No ano 2000 decidiu construír unha nova casa, e miña mai, en aparencia máis realista e entendida nas cousas materiais do mundo, advertiulle da escaseza dos aforros familiares e da imposibilidade de afrontar o pago de tal proxecto. Pero meu pai non pareceu escoitar as advertencias da súa muller, e cada día de traballo, ao final da xornada, desaparecía e volvía co diñeiro exacto para lles pagar o xornal aos albaneis. E así aconteceu cos pagos puntuais do material de construción e con cada moble ou utensilio mercado. Así ata os dezaseis millóns de pesetas que custou a nova casa.

Meu pai, Jaime Novo.

Oculto, sagaz e rápido como el era, deslizábase polos escuros corredores da casa vella, atravesaba unha trabe sobre o abismo, dado que o piso de táboas vellas xa caera, e cara ao fondo do fondo do que fora o fogar de Domingo de Castro, seu ancestro, chegaba ao lugar exacto no que tiña gardados tódolos seus aforros: unha ola de barro coa boca perfectamente tapada por un anaco de cortiza circular.

E así, trescentos anos despois, restaurou no universo familiar aquela herdanza da soñada ola de ouro, e recollido a tempo o seu contido, xa que a lección estaba aprendida, investiuno na construción dunha vivenda que lle dera a el e a miña nai a tranquila comodidade nos tempos da vellez. Nos últimos anos repetía coma un mantra, orgulloso da súa casa nova construída no medio e medio da aira de abaixo: «quédavos esta casa…», igual que dicía Novoneyra aos seus fillos: «Branca, Uxío e Arturo/ quedaranse no Futuro/quedaredes no Futuro/ pra que siga o Pasado».

Quixo André Breton que o seu epitafio no cemiterio de Batignolles fose: «Je cherche l’or du temps» («Busco o ouro do tempo»). Máis aló das coordenadas temporais e no aquén das coordenadas vitais, eu teño moi presente ese meu Pasado, porque nel recoñezo a ola de ouro gardada con inmenso amor para que o meu Futuro brille co esplendor do soño.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail