A noite en que Abel electrocutou a Paco

Populismos hai moitos. Como di Enzo Traverso, o termo é como a cuncha baleira dun molusco onde podes meter diferentes bichos. Mais se falamos, nunha primeira diferenza, de populismos de dereita ou de esquerda, estou de acordo en que non é o mesmo espallar u odio contra os inmigrantes que espallar indignación contra os corruptos e pedir que se nacionalice a banca.

Mais eu hoxe non quería falar desa contraposición, senón dunha terceira vía populista, a do alcalde vigués Abel Caballero: o populismo electroluminescente ou populismo Led (Light Emiting Diode).

Antes de que o seminarista Stalin exterminase os bolxeviques, a fórmula de Lenin para o progreso explicábase de forma sinxela co binomio: Soviets + Electricidade. Cacharro, Baltar e outros persoeiros da Transición Caciquil desenvolveron até a máxima potencia a síntese: Asfalto + Farola.

Na grande escala urbana e da produción industrial do voto, o que vén de facer Abel foi transformar esa «farola» nun Big Bang. Premer no corazón de Vigo o botón do populismo máxico que conecta o Nadal co intre milagroso en que Thomas Alba Edison prendeu a primeira lámpada eléctrica. O novo Belén nada ten de ver cun escuro alpendre onde vai parir unha inmigrante fuxitiva chamada María. O Belén deixa de ser un espazo doméstico, interior, de vello simbolismo relixioso. O novo Belén é a cidade enteira nun transo luminescente, en que cada cidadán síntese un diodo emisor de luz. Todos metidos no gran escaparate onde miramos e nos miran, onde somos a un tempo persoas e manequíns partillando unha felicidade Led.

A apoteose máxica do populismo eléctrico de Caballero en Vigo ten tamén un significado histórico. Thomas Alba Edison, ademais de inventar a lámpada, foi como pioneiro do cinema de masas o autor dunha curtametraxe titulada Electrocución dun elefante, peza que se pode ver remasterizada no Youtube. Paco Vázquez era até o de agora o elefante do populismo baixo palio socialista en Galicia. O que fixo Abel Caballero co show do populismo Led da noite do sábado foi, querendo ou non, electrocutar simbolicamente esa xefatura na lenda urbana. E ademais, en inglés. My God!

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail