Prácticas resistentes, construtoras dos tornarratos

A dimensión colectiva da subxectividade humana semella algo obvio, salvo que profesemos a crenza do individualismo antropolóxico, a concepción da humanidade segundo a cal o suxeito illado existiría con anterioridade á comunidade, e na que esta, para saír do estadio de natureza, emerxería en forma de sociedade civil como froito dun imaxinario contrato social entre individuos xa previamente autodeterminados; crenza que, por outra banda, constitúe a espiña dorsal do pensamento liberal, e que foi caricaturizada por Karl Marx, en referencia ao homo oeconomicus de Daniel Defoe, co termo de robinsonadas. As robinsonadas —viría dicir Marx— son as peripecias do home illado e autosuficiente que só existe na ficción da incipiente novela burguesa.

Coa chegada da Modernidade, e coa maior complexidade social e institucional da mesma, xurdirá, ao abeiro da emerxencia da burguesía, a sociedade civil tal e como a entende o liberalismo: como o espazo no que concorren os individuos na procura do seu beneficio persoal e que —por medio desa Divina Providencia secularizada que é a man invisible— acaba tendendo, supostamente, ao “ben común”. Canda a sociedade civil de individuos «libres», o vello Estado absolutista, agora hexemonizado pola burguesía emexente, recíclase, apelando á Nación —isto é, á propia burguesía, pero tamén ao populacho do Cuarto Estado— para velar polo cumprimento do Dereito, a ferramenta coa que o Estado burgués combate, a través da postulación imaxinaria da igualdade dos cidadáns, a hobbesiana guerra de todos contra todos propia do sistema económico que florece con el.

Coa chegada da Modernidade, xurdirá a sociedade civil tal e como a entende o liberalismo: como o espazo no que concorren os individuos na procura do seu beneficio persoal

Porén, por debaixo dese constructo que é a sociedade civil burguesa de individuos autosuficientes e formalmente iguais, a chusma non propietaria, os ninguén, permanece, e, con eles, a súa economía moral (E.P. Thompson); unha chusma que seguirá, durante practicamente toda a Modernidade, mantendo prácticas culturais autónomas a respecto das clases dominantes propietarias dos medios de produción e do Estado. A idealización desa vida autónoma das clases populares, será usada, no Romanticismo, polas elites intelectuais xermanas opostas ao imperio napoleónico. Velaí, pois, o incipiente carácter romántico do antiimperialismo.

Os poderes políticos separados do pobo tratarán, continuamente, de domesticar os elementos dese ethos popular menos proclives aos seus intereses a través da codificación legal, a burocracia e o control da información. Na medida en que as comunidades populares permanecen nun relativo illamento a respecto das institucións estatais, aquelas terán a capacidade de manter formas culturais autónomas a respecto do poder oficial do Estado. Como tamén mostrou E.P. Thompson no seu A formación da clase obreira en Inglaterra, a pervivencia e continuidade desa autonomía cultural do populacho do Antigo Réxime na emerxencia dun proletariado afastado do ideal burgués por unhas condicións de vida miserentas e inhumanas, conformará, co tempo, outro ethos autónomo, con capacidade de existir e resistir, alén do que dictasen os mandaríns desde os seus postos de poder na sociedade civil e nas institucións positivas do Estado. Porén, ese novo ethos do movemento obreiro, que conseguirá un grao de autoconsciencia política inédito, só será quen de levar a cabo revolucións exitosas (para desgraza dos plans de Marx e Engels que proxectaban a revolución proletaria para Inglaterra) naqueles países «atrasados», isto é, países onde as grandes masas campesiñas permanecen alleas á hexemonía cultural do Estado.

Os poderes políticos separados do pobo tratarán de domesticar os elementos dese ethos popular menos proclives aos seus intereses a través da lei, a burocracia e o control da información

Esta resistencia á revolución dos Estados burgueses occidentais enxergouna con claridade Antonio Gramsci, cando foi testemuño de como o levantamento revolucionario da Rusia de 1917 non só non tiña continuación en Alemaña, senón que o que a Historia (teórica amiga natural do proletariado) deparaba para Italia sería o fascismo. A súa filosofía da praxe obvia todo mecanicismo histórico e teoriza a posibilidade do cambio revolucionario en sociedades capitalistas complexas, cun Estado consolidado e altamente burocratizado e unha sociedade civil moi articulada e con capacidade de penetrar no sentido común de todas as clases sociais. De aí que o sardo falase da necesidade, por unha banda, de que os intelectuais orgánicos peneirasen de elementos reaccionarios ese ethos popular —por así dicilo bruto— a partir do que forxar o novo ethos nacional-popular, e da necesidade estratéxica de construír casamatas e fortíns, isto é, lugares, na sociedade civil (agora xa non entendida como o espazo da «liberdade» dos cidadáns, senón como o espazo no que se desenvolve a loita de clases), desde os que poder combater a cultura dominante e construír o contrapoder que algún día poderá transformar as institucións positivas do Estado.

Desde os anos cincuenta e sesenta do século XX, data en que a «modernización» globalista se impón con especial ímpetu tamén aos países «atrasados» de Europa, a continuación do conto coñecémolo, pois trátase xa da nosa historia. É aí cando o Pasolini que cita Xavier Queipo, se refire ao xurdimento dun novo fascismo, un fascismo con capacidade de chegar ata onde o fascismo dos anos 20 e 30 non chegara nunca coa forza suficiente para reconfigurar culturalmente ás clases populares á súa imaxe e semellanza. Un novo fascismo, este, que, no caso galego, conseguirá colonizar culturalmente as clases populares ata estremos que non conseguira nin o Estado liberal do XIX nin o Estado franquista.

Coa revolución informática e a aceleración da globalización, a construción de superestruturas económicas e políticas baleiran os Estados-nación dos elementos democráticos introducidos polo movemento obreiro

Por outra banda, coa revolución informática e a aceleración da globalización conseguinte, a construción de superestruturas económicas (os mercados financeiros globais) e políticas (OMC, FMI, UE, OTAN, Tratados Internacionais de Comercio)  baleiran os Estados-nación dos elementos democráticos introducidos polo movemento obreiro e a alternativa xeopolítica da URSS. Esa colonización cultural das clases populares pola lóxica do capital e polo Estado tecnocrático español é o que hoxe nos deixa con esta sensación de intemperie, de sermos, como tamén di Queipo, todos un pouco inmigrantes desarraigados, patriotas dunha patria individual abocada á extinción. O noso é un tempo de  «liberdade sen democracia», que diría Ignacio Sánchez-Cuenca, de impotencia política para a transformación da realidade.

As teses gramscianas corrobóranse, pero neste Novo/Antigo Réxime, onde o cosmopolitismo aristocrático foi substituído polo cosmopolitismo globbish e onde o sufraxio censitario se logra  a través do baleiramento político das institucións, é, se cadra, tanto ou máis escuro que o vivido por quen xa se declaraba pesimista da razón e fiaba todo ao optimismo da vontade.

Que pode ser, logo, patria, nación, república, desde a óptica aquí debullada? As prácticas políticas, económicas, culturais resistentes; prácticas construtoras dos tornarratos que eviten o acceso dos roedores ao gran almacenado polo traballo humano no canastro; os lugares nos que facer fronte á unidimensionalidade do homo economicus e do Estado tecnocrático español. Eses espazos de recoñecemento mutuo e solidariedade que constrúen as clases populares a través da súa propia actividade. As institucións por vir a través das cales o demos se constitúe a si mesmo en tanto que suxeito político actuante.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail