Un país en Blanco

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

«Sabiamos que estabamos abrindo unha fiestra para que entrase aire fresco».

Fernando Blanco sobre o Plan Eólico en Faro de Vigo (20 de xuño de 2008).

 

Hai uns días, Gerardo Tecé escribía nun dos seus Tecetipos: «O cine español débelle unha película a José Antonio Ortega Lara. Unha película sobre un deses referentes sociais que marcaron os últimos 20 anos». Fíxome graza porque eu levaba días pensando noutra peli biográfica, ben distinta: unha desas nas que a historia do protagonista transcende a súa epopea persoal e serve como metáfora do tempo que lle tocou vivir. Máis modesto que Gerardo, o noso docu –porque sería un docu– tería lugar en Galicia e contaría a vida e milagres de Fernando Blanco.

O noso home naceu en Lugo, en 1959. Traballador de Telefónica, deu o salto á política autonómica como conselleiro de Industria na á nacionalista dese bipartito do que seguramente xa nos teriamos esquecido se non fose porque Feijóo non deixa de lembralo. Antes, fora concelleiro de Economía e Turismo en Lugo naquel outro Goberno bicolor no que o BNG foi fagocitado pola aperta de oso de López Orozco, o ex-alcalde socialista que, curiosamente, tería nestes últimos anos unha traxectoria xudicial paralela á de Blanco.

Blanco era un tipo afable e campechano. Tiña a voz ronca, o flequillo ingobernable –un eco daquela mocidade na que se granxeara fama de guaperas–, un irmán músico e un proxecto estrela, ese co que moitos consideran que comezou a cavar a tumba do bipartito: o Plan Eólico, o máis ambicioso do Estado. A adxudicación de máis de 2300 novos MW, o dobre dos que había en Galicia, que debían mover un investimento de 6.000 millóns de euros para crear doce mil postos de traballo.

A anulación do Plan Eólico foi das primeiras cousas que fixo Feijóo tan pronto entrou por San Caetano. As consecuencias aínda as estamos pagando. O ano pasado, a Xunta tiña que dedicar case tres millóns de euros a indemnizar as empresas prexudicadas

O plan foi torpedeado dende o primeiro momento. Non só, como era de agardar, pola oposición, senón tamén pola parte socialista do Goberno e polos que levaban toda a vida cortando o bacallau. «Un enfermero de Allariz no puede venir a cambiar el marco económico de Galicia», contou Quintana que lle advertiron antes de meterlle unha cabeza de cabalo baixo o edredón en forma de foto no iate dun empresario beneficiado por varias concesións. Nin un nin outro tiñan crema solar no ombro nin condenas por narcotráfico.

A anulación do Plan foi das primeiras cousas que fixo Feijóo tan pronto entrou por San Caetano. As consecuencias, aínda as estamos pagando, e non só pola caída do emprego e a decadencia do sector. O ano pasado, a Xunta tiña que modificar os orzamentos para dedicar case tres millóns de euros a indemnizar as empresas prexudicadas…

En 2011, dous anos despois de perder o Goberno, Blanco era deputado da oposición no Parlamento. O nacionalismo tentaba recompoñerse tras a marcha de Quintana (aínda faltaban uns meses para a asemblea de Amio) e o ex-conselleiro saía nas quinielas como un dos posibles sucesores. Foi entón cando o seu nome aparece nunha das múltiples ramificacións da Operación Campeón. Blanco decide dimitir e deixar de ser aforado para defender a súa inocencia, convencido de que o seu xuízo se celebrará así moito máis rápido…

Case oito anos despois, e tras varios «atrasos inxustificados» na instrución, ese xuízo nunca tivo lugar. A Audiencia Provincial de Lugo arquivou o caso mentres o CXPX lle abría un expediente á xuíza responsable, Pilar de Lara. «É evidente que a xustiza chega tarde», diría un avellentado Blanco na súa comparecencia nun hotel compostelán. Para os seus avogados, «as consecuencias políticas e persoais desta pena de banquiño son irreparables».

Eu estou convencido de que a historia de Fernando Blanco representa como poucas a historia deste país, un país no que estamos afeitos a preguntarnos que sería de nós se as cousas tivesen acontecido doutro xeito; dese outro xeito –seguramente, o correcto– que sempre semella estar aí, a punto de chegar… pero que nunca o fai.

Igual si que lle debemos unha peli.

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail