(II) Eleccións do 21-D. Do bloqueo do dereito a elixir presidente á división do soberanismo.

O 155 aplicouse por acordo plenario do Senado o 27-Ou, vixente dende as 0.00 do sábado 28-Ou. O acordo, por proposta do Goberno do Estado, vulnerou abertamente o marco constitucional, tributario do artigo 37 da Lei Fundamental de Bonn, xa que non limitou ou estableceu controis sobre o Goberno e Administración cataláns, senón que cesou de vez ao President e ao Govern e disolveu o Parlament. É dicir, procedeu á suspensión automática do autogoberno, pondo a ADMINISTRACIÓN catalá baixo a dirección directa do Goberno do Estado.

Os efectos da disolución parlamentaria foron automáticos. E automática tamén foi a convocatoria de eleccións autonómicas para o 21-D. Naquela fin de semana na que Puigdemont camiñaba nunha Girona ateigada dos seus seareiros para despois marchar cara ao exilio, especulouse coa posibilidade de que o soberanismo non recoñecese os efectos do golpe de estado do 155 e, xa que logo, non participase no proceso electoral convocado.

Mais axiña se impuxo o realismo e o soberanismo aceptou a convocatoria, tamén a CUP.  Era un sinal evidente da falla total de efectos políticos da declaración do 27-Ou, para nada unha xenuína D.U.I. Mais a querela criminal da Fiscalía Xeral do Estado estaba xa redactada e foi presentada o 31-Ou acusando de rebelión ao Govern e á Mesa do Parlament cesados o 28-Ou. Despois de declararen perante a Maxistrada da Audiencia Nacional (AN) Carmen Lamela, o 2-N (hai xusto un ano) esta acordaba cárcere preventivo por un suposto delito de rebelión que só respondía a razóns de represión penal a respecto do vicepresidente Junqueras e  dos conselleiros Dolors Bassa, Meritxell Borràs, Raúl Romeva, Carles Mundó, Josep Rull, Jordi Turull e Joaquim Forn. Mentres, o president Puigdemont instalábase no exilio bruxelés coa metade non encarcerada do seu goberno e comezaba un mediático labor para presentar perante a opinión pública europea as vergoñas da pseudodemocracia (cando menos democracia de baixa calidade) española.

O non agardado trunfo soberanista do 21-D. Llarena vulnera a autonomía parlamentaria.

A folla de rota que aprobara o Goberno do Estado o sábado 21-Ou e ratificara o 27-Ou o Senado era sinxela: eleccións autonómicas o 21-D coa Administración catalá manexada polos homes do maletín de Madrid e maioría unionista nas eleccións diante da previsíbel decepción e desmobilización soberanista.

Nos primeiros días despois do 27-Ou era factíbel que esta road map  funcionase, porque os millóns de soberanistas cataláns semellaban encaixar a supresión do autogoberno e máis o exilio e encarceramento dos seus dirixentes con pasiva incredulidade. Para máis, ERC moi axiña determinou que non repetiría as candidaturas unitarias de 2015 co PDCAT (Junts per el Sì), consciente de que as enquisas apuntaban a súa futura supremacía fronte aos sucesores da vella Convergència.

Carles Puigdemont, dende o seu exilio de Bruxelas, xogou a carta dunha plataforma transversal soberanista (  Junts per Catalunya) que axiña seduciu o PDCAT (consciente do seu devalo e de que Puigdemont constituía o seu principal activo electoral) e a amplos sectores independentes, como o antigo presidente da ANC, Jordi Sánchez, que ocupou o nº 2 da candidatura pola circunscrición de Barcelona. Pouca xente sería quen de prognosticar que chegaría sorpassar ERC, presidida polo preso político Oriol Junqueras. Mais foi quen a facelo.

En último de contas, as eleccións do 21-D anovaron a maioría absoluta soberanista de 2015, cun 47,5% dos votos emitidos e 70/135 deputados (*), malia que a forza máis votada foi Cs, que lle  papou o electorado ao PP (*). A participación, próxima ao 80% foi a máis alta da historia nunhas eleccións catalás.

Evidenciábase, xa que logo, unha grande resistencia soberanista ao golpe do 155 e un claro anovamento da súa aposta pola liberdade e polo dereito a decidir. Malia todo, os resultados ratificaban os de 2015 no senso de non garantir una base  abondo larga para declararen unilateralmente a independencia. Puigdemont, porén, gañaba por trece mil votos  e dous deputados (*) a ERC, mentres a CUP afundíase (*) amosando que moitos dos seus seareiros apostaban polo voto útil do lexitimismo da fórmula Puigdemont.

A maioría independentista habería garantir un goberno independentista. O Parlament constituíse o 17 de xaneiro e elixía unha Mesa con maioría absoluta de Junts per Catalunya e ERC e a Roger Torrent (ERC) como presidente. O día seguinte, despois da rolda de consultas, Torrent nomeaba Puigdemont candidato á presidencia da Generalitat. Mais o maxistrado-relator do TS LLarena (que engadira a primeiros de decembro á súa pescuda a investigación principiada na Audiencia Nacional pola maxistrada Lamela) bloqueou o debate de investidura ao non permitir a participación non presencial de Puigdemont. Tratábase dunha insólita e desaquelada inmisión nas prerrogativas parlamentarias, mais Llarena tiña xa mostrado a súa falla de respecto polos procedementos do Estado de Dereito. Dende o 30 de xaneiro Torrent, medoñendo diante dunha eventual inhabilitación futura polo delito de desobediencia, conxelou a candidatura Puigdemont.

Jordi Sánchez foi a alternativa de Junts per Catalunya noutras dúas candidaturas (febreiro e abril) impedidas outra volta pola ilegal intervención do maxistrado Llarena, a medio do doado expediente de lle impedir a saída de prisión e impedir un debate non presencial ou a representación válida do candidato. Pola contra, Jordi Turull (en liberdade baixo fianza dende decembro) foi nomeado candidato e chegou defender a súa investidura en primeira votación, impedida pola cegueira da CUP malia a maioría absoluta independentista. Non foi posíbel a segunda votación ao ser encarcerado outra vez Turull polo maxistrado Llarena, auténtico protagonista da investidura.

Non foi posíbel erguer o 155 até que se investiu presidente a Joaquim Torra. A toma de posesión do seu Govern, logo da expresa renuncia dos presos e exiliados, permitiu a limitada volta á normalidade, ao coincidir, asemade, co mandato de Pedro Sánchez despois da moción de censura.

En calquera caso, a represión xudicial enviou a mensaxe inequívoca de que España non permitía a participación real de presos e exiliados na gobernanza autonómica posterior ao 21-D. A lóxica represiva impúñase aos dereitos parlamentarios.

O Tribunal Supremo español fica en evidencia na Europa toda.

Característica fulcral do proceso principiado o 31-Ou no Tribunal Supremo (que moi axiña integrou o instruído pola maxistrada Lamela na AN) foi a súa parcialidade e a súa orientación cara un xuízo oral por inexistentes delitos de rebelión ou sedición  (velaí os termos da recente acusación do Ministerio Fiscal) que permitisen, pola súa gravidade, a decisión e mantemento de medidas cautelares tan excepcionais como a do cárcere preventivo.

Alicerzada a instrución sobre estas bases, as primeiras euroordes emitidas contra Puigdemont e os conselleiros Comín, Puig, Ponsati e Serret foron retiradas por Llarena o 5 de decembro diante da evidencia de que o Tribunal bruxelés non ía acordar a entrega dos exiliados. Deste xeito Llarena tentaba que aos presos non lles beneficiase a eventual redución de cargos contra os exiliados pola decisión bruxelesa. Mais ao tempo recoñecía a politización dos cargos xudiciais… Doutro xeito non se explica como  persoas que eventualmente cometeron graves delitos anden con toda liberdade polo mundo todo fóra do Estado. Mais do que se trataba era de revirar un procedemento legal na busca exclusiva do castigo e da represión. Non existía neutralidade. Non existía, non existe, expectativa dun xuízo xusto no Supremo.

A vergoña foi ben máis potente coa segunda euroorde a Alemaña. Os servizos secretos e a policía española detectaron Puigdemont no land alemán de Schleswigg-Hollstein. O TS emitiu unha euroorde  e, en execución da mesma, Puigdemont foi detido e encarcerado nese territorio o 23 de marzo. Mais o Tribunal Superior de Schleswigg-Hollstein rexeitou a extradición por rebelión por non existir na conduta do President nin violencia nin intimidación. Llarena retirou en xullo a eurorde, malia que o Tribunal alemán acordara a entrega de Puigdemont para ser xulgado por malversación. Tamén anulou as eurordes en trámite a respecto dos restantes conselleiros exiliados en Bélxica e Escocia e contra a secretaria xeral de ERC, Marta Rovira, na Suíza. O desprestixio internacional do cumio xudicial español acadou niveis estratosféricos, recoñecidos en privado (menos en público) por moitos maxistrados, xuíces, fiscais, avogados e profesores de Dereito.

Liberdade ou independencia? O alargamento da base soberanista e a división do independentismo.

O cárcere de medio goberno e da antiga presidenta do Parlament, Carme Forcadell, o exilio de Puigdemont e doutro medio Govern e o encarceramento do mesmo Puigdemont na Alemaña, xunto coas constantes vulneracións da normativa procesual penal, substantiva penal, constitucional e  parlamentario-estatutaria puxeron o foco dende hai agora un ano moito máis na recuperación das liberdades ca no reactivamento do procès no senso de facilitar outra D.U.I.

A sociedade catalá amosa un claro rexeitamento tanto contra esta liña de represión gobernativa e xudicial como contra o Xefe de Estado que activou as claves para desenvolver esta represión do «a por ellos». Isto determinou un efectivo alargamento da base soberanista a sectores sociais sensibilizados polas liberdades e pola conveniencia dunha fonda remuda política, por avanzar cara una República que non repita os erros, limitacións e inxustizas da Monarquía borbónica.

En realidade é esta loita pola liberdade e a omnipresencia do xuízo penal ao procès (agora presentáronse os escritos de acusación, o xuízo comezará en xaneiro e marcará a vida social e política catalá até despois das eleccións municipais) a que permite o mantemento dun Govern de unidade.

Porque o certo é que ERC e o sector do PDCAT do seu Presidente, David Bonhevì, dan por arquivado o procès, que habería de se substituír por una gobernanza eficaz e inclusiva que permita prantexar a independencia no horizonte dos próximos doce a quince anos. Este proposta é totalmente rexeitada polas CUP e polos Comités de Defensa da República, que esixen continuar coa presión cara a construción da independencia. No centro entre ambas as dúas posicións, os promotores da Crida Nacional pola República (os presidents Puigdemont e Torra, canda os presos políticos do PDECAT Rull, Turull e Forn, Jordi Sànchez ou o sector maioritario do PDECAT) constrúen esa plataforma política transversal e interclasista para traballar pola independencia xa dende agora, mais desbotando implicitamente unha D.U.I. e xogando día a día na perspectiva de atopar no horizonte temporal próximo a oportunidade para unha mediación internacional que favoreza un referendo de autodeterminación.

É posíbel que non exista unha clara maioría hoxe na Catalunya para a independencia. Existe, iso si, esa clara maioría a respecto do dereito a decidir e do amplo e fondo rexeitamento aos mecanismos políticos, administrativos e xudiciais de represión usados polos Poderes Públicos españois ao longo deste ano.

 

NOTA (*) As forzas soberanistas obtiveron o 47,5% dos votos. A candidatura Junts per Catalunya dirixida polo president Puigdemont obtivo trece mil votos e dous escanos máis ca ERC (21,65% vs 21,39% ; 34 vs 32 deputados), mentres a CUP baixaba de 10 a 4 deputados. No unionismo Cs obtivo 36 escanos cun 25,36% dos votos, mentres PSC (13,88%, 17 escanos) e PP (4,24%, 4 escanos) recuaban substancialmente. Catalunya en Comù-Podem  empeorou substancialmente os resultados acadados polo seu antecedente Catalunya si que es pot  e só obtivo 8 escanos co 7,45% dos votos)-

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail