A malleira incesante

Preguntar preguntábase Ramón Suárez Picallo (Azaña cando o oíu no Congreso: «Quen é ese galego que fala tan ben?») se podería haber República sen medios de comunicación republicanos. Facíao nun revista, o semanario Ser, que debería figurar na historia de honra do xornalismo galego e ser estudado na facultades deste mester e das que axexan no pasado no porvir.

É unha cuestión esencial a que formulaba de xeito radical, de ir á raíz, o noso mestre: Pode haber democracia sen medios demócratas?

Xa estou a ver algunhas reaccións alporizadas: Quen es ti para dicir que medios son demócratas?

Tempo ao tempo. Para comezar non son demócratas os medios que dan espazo continuo ao ataque, á agresión, que exercen a información sectaria e punitiva sen dar lugar á resposta, á aclaración, a defensa. Os medios da malleira permanente.

E iso é o que está a pasar con Marea Atlántica na Coruña e con Compostela Aberta en Santiago. Hai máis casos, pero estes son descarados. Habería que remontarse aos estados autoritarios para explicar esta belixerancia. De seguro, non son a maioría dos profesionais que traballan nos medios de comunicación locais quen empurran esta enxurrada de lixo informativo, mais os lectores, que merecemos un respecto como usuarios, estamos avergoñados de ver ao nivel de brutalidade ao que se chegou.

As preguntas do sábado:

Por que, alén da crítica xustificada, este sectarismo desmedido contra a Marea Atlántica, na Coruña, e Compostela Aberta en Santiago?

Por que non poucos dos medios de comunicación en Galicia son amábeis co Goberno da Xunta, nun país que se baleira e afunde, que destrúe a súa cultura e lingua, mentres queiman gobernos locais honrados e progresistas?

Por que non se exerce o patriotismo da verdade fronte á servidume do poder?

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail