(I) Referendo, mobilización cidadá, bloqueo institucional da DUI e represión

Vai agora un ano dende a simbólica proclamación da soberanía catalá (en realidade un convite ao Govern para que implementase os Decretos previstos na lei de transitoriedade) o pasado 27 de outubro, menos de 9 horas antes da entrada en vigor do 155 que cesou o Govern e disolveu o Parlament.

Mes e medio antes, na véspera do Pleno dos días 6 e 7 de setembro que aprobou a lei do referendo e convocou a consulta para o 1-O, pechábamos o artigo a inserir no número especial de Luzes deste xeito: «…Asistimos, pois, ao confronto de lexitimidade. Mais isto non se amaña con Tribunais nin moito menos coa Garda Civil ou os tanques. Rajoy sábeo. Outra cousa é que quite votos nesa cada vez máis longa España profunda coa súa inflexibilidade e co seu inmobilismo». Non contabamos coa dureza da represión española, coa parálise institucional dos gobernos europeos, coa improvisación de determinados líderes nin coa dimensión, madurez e calidade da mobilización soberanista cidadá en Catalunya.

A aprobación das leis de referendo e de transitoriedade no Pleno dos días 6-S e 7-S activou o bloque unionista arredor dunha idea-forza: o suposto golpismo da maioría soberanista do Parlament. Nestas semanas o PSOE, sempre refractario á aplicación do 155, foi cedendo á idea de aplicalo, corrente que o PSC non soubo ou non quixo frear, malia as discrepancias de varios dos seus alcaldes e alcaldesas. O PSC perdera gran cantidade dos seus elementos catalanistas (Ernest Maragall, Toni Comín…) a prol de ERC, e case ninguén lembrou daquela nas súas fileiras que o Parlament agardara cinco anos sen que o Goberno Rajoy sentara nunha mesa para falar de política.

Dende o 20-S até o 3-O a rúa pertenceulle ao soberanismo. Por iso, puido desenvolverse a consulta do 1-O sen que os corpos de polícia estatais puidesen atopar as urnas que buscaron a eito

Sexa como for, cando o 20 de setembro o Xulgado de Instrución nº 13 de Barcelona (consciente como logo se viu da súa incompetencia funcional, que lle pertencía ao Tribunal Superior de Xustiza catalán -TSJC-) ordenaba a detención de varios altos cargos da Generalitat e mais o rexistro da sede da CUP, decenas de milleiros de cataláns saíron á rúa nunha pacífica demostración de forza que, porén, ía alicerzar o axuizamento dos presidentes de Omnium Cultural (Omnium) e da Assemblea Nacional de Catalunya (ANC), Jordi Cuixart e Jordi Sánchez (os Jordis) como líderes dunha sedición á que lle faltaba o elemento esencial da violencia.

Dende o 20 de setembro até o martes 3 de outubro a rúa pertenceulle inequivocamente ao soberanismo. Por mor desta altísima mobilización puido desenvolverse a consulta do 1-O sen que os corpos de policía estatais puidesen atopar as urnas que buscaron a eito todo setembro. A mobilización cidadá para salvar a consulta mesmo sobordou as expectativas de moitos dirixentes políticos soberanistas. No solpor do domingo 1-O, 2,2 millóns de cataláns defenderan na rúa, e con risco da súa integridade física, o dereito a decidir o seu futuro, mentres o Estado español se presentaba diante da opinión europea e universal como represor policial do dereito de voto, mallando en persoas maiores e adolescentes.

O domingo 1-0, 2,2 millóns de catalán defenderon na rúa, e con risco da súa integridade física, o dereito a decidir o seu futuro, mentres o Estado español se presentaba como represor policial do dereito de voto, mallando en maiores e adolescentes

Mais a evidencia da elevada mobilización do 1-O e do paro de país do 3-O non outorgaba de xeito automático lexitimidade democrática internacional aos resultados do referendo. Velaí que o president Puigdemont, o vicepresident Junqueras e os líderes de Junts per el Si dubidaran na aplicación da literalidade da lei de transitoriedade. É dicir, desbotaran implicitamente a declaración unilateral de independencia. Cando no Pleno do 10-O Puigdemont manifestou que Catalunya gañara o dereito a proclamar a independencia, pero non propuxo a súa implementación, xa devalara a extrema mobilización e os unionistas reaccionaran despois do desaquelado discurso de El Rei na noitiña do 3-O e dunha demostración pública o 8-Ou en Barcelona que amosou, canda a dopaxe de milleiros de seareiros alén das fronteiras catalás, unha mobilización real de milleiros de cataláns unionistas.

O referendo do 1-O daba para lexitimar a loita soberanista e para descualificar a violencia estatal. Mais non daba para implementar unha DUI. Faltaban tamén as estruturas de Estado. O 10-O aínda se consideraba posíbel en Barcelona que a Unión Europea forzase unha negociación, mentres que non comezara a actuar a maquinaria xudicial estatal. Mais moi axiña conformouse o tripartito do 155 (PP, PSOE e Cs), pretextando que o 10-O o Parlament proclamara a independencia, o que non fora certo, como tampouco foi certo que a proclamara o 27-O.

Naqueles angustiosos días de outubro de 2017 os líderes soberanistas comezan a intuír que non haberá negociación e si represión, malia a decisión implícita do soberanismo (quizais excluíndo ás CUP) de non declarar a DUI. Velaí que se explorara a mediación do lehendakari Urkullu para disolver o Parlament e convocar eleccións. Daríase por pechada a lexislatura, recoñeceríase implicitamente a continuidade da superestrutura autonomista e evitaríase o 155. Mais Urkullu non puido obter o xoves 26-O de Rajoy a garantía de non aplicar o 155. A competencia entre Junqueras e Puigdemont, entre ERC e PdeCAT, con sobreactuación incluída do deputado Rufián, e tamén a necesidade obxectiva de manter a unidade do soberanismo, explica que non se optase pola disolución e si por unha proclamación retórica, confusa e baleira de contido real. O Govern non adoptou medida ningunha entre as 15.27 horas da proclamación da votación parlamentaria e ás 0.00 do sabado 28-O, cando entrou en vigor o 155 que cesaba o Govern e disolvía o Parlament. Para máis, malia denunciarse a ilexitimidade e inconstitucionalidade da concreta aplicación do 155, acatouse plenamente o mesmo, comezando polo conselleiro de Interior, Joaquim Forn, o director xeral dos Mossos e o Maior destes, Josep Lluis Trapero.

Axiña conformouse o tripartito do 155 (PP, PSOE e Cs), pretextando que o 10-O o Parlament proclamara a independencia, o que non fora certo, como tampouco foi certo que a proclamara o 27-O

O 28-O, logo, temos unhas institucións autonómicas catalás cesadas, paradoxalmente sen ter implementado unha DUI, e un 155 acordado polo Senado por proposta do Goberno do Estado sen que se dese o suposto habilitante dunha proclamación real de independencia que nunca existiu, porque o Govern nunca aplicou as prescricións da lei de transitoriedade.

Unha represión inconstitucional e desproporcionada.

O tripartito do 155 aprobou a aplicación do 155 malia non se proclamar de xeito efectivo, mesmo nin de xeito nominal, a independencia. Neste senso, a lei de transitoriedade supuxo una decisión de lexitimidade cuestionábel que, porén, nunca foi aplicada polo Govern.

Mais a reacción deste trivote do 155, alicerzados na mensaxe real do «a por ellos» optou por unha suspensión da autonomía catalá, disolvendo o seu Parlament e cesando o seu president e Govern. Unha decisión inconstitucional, segundo os autores (Gil-Robles y Gil Delgado, Enterría) que comentaran doutrinalmente este artigo constitucional, os debates constitucionais (foi rexeitada a emenda Fraga que posibilitaba cesar Gobernos autonómicos) e mais os antecedentes lexislativos (artigo 37 da Lei Fundamental de Bonn, que constitúe o precedente deste artigo e só permite instrumentos de intervención, nunca de cesamento, suspensión ou supresión institucionais).

O Goberno do Estado suspendía o autogoberno catalán e botaba man da xestión autonómica dende o 28-Ou. E facíao dun xeito claramente inconstitucional, en pura aplicación da tese do xurista pronazi Carl Schmitt, segundo a cal o soberano pode defender a Constitución sen ter que respectar os seus preceptos. Tese xurídica que defendeu canda o cesamento do Goberno socialdemócrata de Prusia polo Goberno do Reich de dereita autoritaria de Von Papen (1932), e que despois aplicou Hitler na lei habilitante de abril de 1933, que lle deu plenos poderes temporais. Moitos observadores internacionais xa dicían, en novembro de 2017, que o Estado español vulneraba a súa Constitución para, supostamente, defendela. O certo é que a mutación constitucional operada é de tal dimensión que a garantía da autonomía das nacionalidades e rexións do artigo 2 da Constitución é, dende aquela, papel mollado.

O Goberno do Estado suspendía o autogoberno catalán dun xeito inconstitucional, en pura aplicación da tese do xurista pronazi Carl Schmitt segundo a cal o soberano pode defender a Constitución sen ter que respectar os seus preceptos

Mais a represión moi axiña se amosou tamén dende o cumio do Poder Xudicial. De primeiras, foi o Tribunal Constitucional (TC) o que admitiu a constitucionalidade dunha reforma da súa lei orgánica que lle dotou de funcións xurisdicionais para executar as súas sentenzas (apercibimentos, multas coercitivas), funcións moi dubidosas no contexto da regulación constitucional do TC e usadas para desartellar a sindicatura electoral elixida polo Parlament para supervisar o referendo do 1-O.

A seguinte foi a autoatribución de competencia por parte da xuíza da Audiencia Nacional (AN), Carmen Lamela, a respecto da causa polos feitos da Consellaría de Economía do 20-S, nos que se acusaba de sedición ao Maior dos Mossos d’Esquadra, Josep Lluis Trapero, á súa intendente e aos Jordis, presidentes da ANC e Omnium. Isto, cando a Sala do Penal da AN tiña declarado en Pleno en 2008 a súa falla de competencia nos delitos de sedición por mor da derrogación do epígrafe que clasificaba para o efecto os delitos contra «a forma de Goberno», dende 1995 .

A esta seguiron moitas ilegalidades. Esta vez da Sala do Penal do Tribunal Supremo (TS). Comezaron por se declarar competentes o 31-O para coñecer da querela criminal da Fiscalía Xeral do Estado, cando todos os querelados eran aforados do TSJC ou, cando menos, na (i)lóxica da efectividade do 155, eran aforados aos membros da Mesa do Parlament que seguían nas súas funcións na Deputación Permanente. Deste xeito garantíase que a sentenza do TS non tería recurso ordinario ningún e tamén que o axuizamento sería en Madrid e non en Barcelona, afastando aos atinxidos do seu foro e xuíz predeterminado legalmente.

Outra ilegalidade foi a autoatribución de competencia por parte da xuíza Lamela da Audiencia Nacional, cando a Sala do Penal tiña declarado a súa falla de competencia nos delitos de sedición

Para máis, foron vulneradas as regras para determinar a quenda dos relatores de causas especiais para lle atribuír ao maxistrado Pablo Llarena o coñecemento como relator deste proceso. Foi subsumida a conduta dos investigados nun delito, o de rebelión, ben afastado da tipicidade do artigo 472.5 do Código Penal, que require para a súa comisión sempre de violencia (facendo abstracción, alén diso, que ninguén declarou de xeito efectivo independencia ningunha). Foi imposto o cárcere preventivo como medida cautelar baseada na gravidade e alerta social destes delitos imaxinarios (rebelión e sedición).

A febleza dos argumentos xurídicos do TS español e máis a dimensión da súa parcialidade ficaron evidentes cando o Tribunal Superior de Schleswig Hollstein determinou, na primavera de 2018, que o president Puigdemont non puido cometer rebelión (equiparábel no CP alemán á alta traizón) por faltar o elemento esencial da violencia ou intimidación. A labazada foi de tal dimensión que Llarena retirou todas as euroordes contra todos os conselleiros fuxidos perante as xurisdicións belga e escocesa e contra a secretaria xeral de ERC, Marta Rovira, perante a xurisdición suíza, deixando libres a todos estes investigados de toda persecución penal fóra das fronteiras do Estado, o que confronta coa lóxica xurídica de calquera operador legal europeo, que entende que todo delito grave ha ser teimosamente perseguido dentro e fóra das fronteiras do seu Estado de suposta comisión e dende logo sempre dentro do espazo xudicial europeo.

Os febles argumentos xurídicos do TS español ficaron evidentes cando o TS de Scheleswig Hollstein determinou que Puigdemont non puido cometer rebelión por faltar o elemento esencial da violencia ou intimidación

A represión xudicial, en realidade, respondía á dinámica facilitada polo Goberno Rajoy e polo Xefe do Estado nas súas decisións e, sobre todo, nos seus silencios e omisións e á xeneralizada (hoxe bastante menos) convicción de que «algo hay que hacer para parar esto» e que cómpre ir «a por ellos». Porque na tarefa da represión xudicial, á que lle deu pulo a ultradereita de Vox dende o exercicio da acción popular, coincidiron PP, Cs, e organizacións unionistas extremistas como Somatemps ou Sociedad Civil Catalana, defensores permanentes da ladaíña «Puigdemont a  prisión». Boa parte da sociedade española asumiu o relato propio da extrema dereita e lexitimou una reacción autoritaria e represiva que influíu decisivamente tamén no ambiente político xeral do Estado no senso de orientar una visión mais restritiva na acción xudicial e policial na aplicación da legalidade no eido das liberdades fundamentais.

A represión contra Catalunya, as prisións preventivas e mais as graves vulneracións da legalidade xurídico-penal e xurídico-constitucional, crearon unha contorna de fundamentalismo españolista e de demonización xa non só da diferenza nacional, senón da defensa das liberdades, como se albiscou coa mobilización da extrema dereita españolista a respecto dunhas lazadas amarelas que só reclamaban liberdade para os presos, non a independencia.

O clima semellaba (aínda semella) propio máis dunha pseudodemocracia vixiada á turca que a dunha democracia europea avanzada.

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail