Distintas formas de achegarse ao galego

Os que coñecedes a revista matriz (e os que non xa estades tardando en subscribirvos) sabedes que en Luzes gustamos dunha sección, con pasaporte e todo, chamada «O Pobo Elixido». Historias de persoas que chegaron a Galicia e que souberon mirala. Músicos, cociñeiros, xornalistas… Algúns falan galego e outros non. Pero comparten ese xeito de ver o mundo en plano longo.

Non a todo o mundo lle gusta esta forma de ollar. Hai quen vai por aí con lentes de non ver, que son as mesmas que as de mirar para un, como se na reafirmación do pensamento propio se atopase a verdade única. A pasada semana, como Twitter se encargou de facer saber, atopeime cunha desas miradas que non queren ver. Endesa, dona da central térmica de As Pontes entre outros negocios no país, esixiume que lles remitise a miña queixa en castelán ou en inglés. Seica o galego non é unha lingua oficial en Galicia. Velaí o cosmopaletismo imperante.

Fronte a estes que miran de esguello o que non encaixa na ditadura do mercado –basta con ver a resposta (escusa) que a empresa lle deu a David Lombao en Praza Pública-, cómpre reivindicar aos que se achegan a Galicia con vontade de entendela. Artistas afamados como James Rhodes ou futbolistas admirados dun e doutro lado da ribeira futbolística, o suízo Fabian Schär en Riazor ou Fran Beltrán en Balaídos, tan fundamentais para a resistencia contrahexemónica. A propia María Victoria Moreno, homenaxeada este ano nas Letras Galegas, naceu en Estremadura pero adoptou o galego para expresar o seu xeito de mirar o mundo.

Mais son os perfís non verificados, «a xente pequena, en lugares pequenos, facendo cousas pequenas», que diría Galeano, os que teñen en realidade o potencial transformador. A xente anónima que decide aprender o idioma moken para comunicarse cos nómades do mar de Andamán ou os cidadáns da Galicia que, neofalantes ou non, empregan orgullosos o seu idioma. Importe a quen lle importe.

Porque non se trata de que unha norma obrigue a Endesa a atender aos consumidores en galego -que tamén-, senón que hai que facerlles ver aos que cargan coas lentes de non ver que os idiomas e as culturas son sempre un «valor inmaterial». Un xeito propio de mirar o mundo. Romanticismo, si, mais tamén rendible.

É o noso deber volver sacar o paraugas da dignidade nos chíos de Twitter, nas oficinas e nas conversas do autobús para defender o galego e afastalo dese roteiro da asimiliación. Porque xa o dixo Castelao: «A nosa vaca ten o pesebre en Galiza e os tetos en Madrid. E o que non lle dá de comer a unha vaca non ten dereito a muxila».

E porque Galicia é un pobo con dignidade.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail