Manifesto [Luzes 61] Salvar Europa da conxura dos parvos

Poden caer as trabes do ceo. Como se viu o 9 de outubro en Sant Llorenç, en Mallorca, onde en cuestión de minutos unha tremenda enxurrada de auga levou vidas e bens como aruxos, e converteu en morea de chatarra o parque móbil de coches, sen discriminar modelos nin prezos. O trebón non fora prognosticado. Podemos dicir, e dise, que estas arroutadas son propias da natureza. Mais xusto ese día dábase a coñecer o informe máis alarmante até o de agora sobre os efectos do cambio climático. Esa mudanza climática, con efectos dramáticos en toda a Terra, débese a un xeito de produción catastrófica, a un engrenaxe aloucado de cobiza depredadora á que non se lle pon freo. Hoxe en día, coñécense ben as causas, por máis que a Trumpaganda e outros ecokillers neguen a evidencia deste crime planetario. É dicir, os chamados desastres naturais adoitan ter unha causalidade, que en moitos derivan de desastrosas decisións de poderes calamitosos. Europa estaba chamada a liderar unha estratexia mundial contra o cambio climático. Europa estaba chamada a estas outras tarefas para frear o proceso de descivilización en marcha: manter os dereitos conquistados do benestar social fronte ao abaratamento humano, blindar os dereitos civís, as liberdades e as garantías de acollida e asilo como unha identidade intocábel, ser espazo descolonizado das grandes potencias e compañías, ser viveiro de imprescindíbel avance na xustiza universal para desaparafusar tiranías e guerras. A todo isto, e máis, estaba chamada Europa. Mais todo iso está en perigo. E non por unha enxurrada imprevista. A conxura contra Europa, coa colaboración de ilustres parvos interiores, é a gran xogada neste intre no taboleiro mundial. Non hai Europa sen europeístas. Mais que é ser europeísta? Non hai europeísmo se non se ten a cabeza no mundo. Por unha banda, hai quen confunde Europa co coro de ministros de finanzas, austeros cos pobres e xenerosos cos magnates. Tamén hai quen confunde Europa cun coro de himnos resesos de localismos xenófobos. É terríbel para Europa, para nós, e para o mundo enteiro, que Europa estea tolleita polos vellos medos. Que a xente ceibe e demócrata se sinta intimidada por este perigo do deterioro cognitivo, esta amnesia retrógrada que pon en suspenso as conciencias. Semella que o futuro xa non vai ser nunca o que era. Ou si. Europa tamén significa primavera e primavera significa rebelión democrática. Até breve, eleccións.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail