A batalla pola cultura

Coa pretensión de «erigir un contramodelo historiográfico que desborde el discurso académico e institucional hegemónico, contribuyendo al asentamiento de algunas bases de reconstrucción de una posible esfera pública cultural crítica» (páx. 26), o libro  de Jorge Linheira únese a outros aparecidos nos últimos anos no Estado español (CT o cultura de la transición (2012), Guillem Martínez; La cultura en la transición y la cultura de la Transición (2012), German LabradorLa cultura en transición. Reconciliación y política cultural en España (1976-1986  (2014), Julia Quaggio, El mono del desencanto. Una crítica cultural de la transición española (1973-1993), (2018), Teresa M. Vilarós) ocupados na reflexión arredor da relación entre cultura e poder político no período que vai desde a morte de Franco ata esa sorte de punto de inflexión e de cambio de ciclo que supuxo o estourido da crise financeira internacional de 2007.

Jorge Linheira analiza en La cultura como reserva india. Treinta y seis años de políticas culturales en Galicia (Libros.com, 2018), o binomio cultura/poder político no marco da autonomía galega empregando un bo número de entrevistas feitas ad hoc con responsables políticos, xestores culturais, creadores, directores de museos, críticos culturais, etc.

As súas críticas focalízanse máis no uso da cultura polo Partido Popular durante a súa acción de Goberno á fronte da Xunta de Galicia; ao fin e ao cabo, este partido manexou o orzamento público dun xeito case que ininterrompido nas últimas décadas

A atención do autor demórase, especialmente, en dous fenómenos: o da Cidade da Cultura e o de Burla Negra —ambos presentados case que coma o reflexo invertido o un do outro. Estes episodios virían encarnar a quintaesencia tanto da concepción da cultura criticada: a oficial, a través do despropósito da erección do mausoleo de Peter Eisenman en Santiago de Compostela; como da concepción da cultura devecida, a do colectivo de artistas e creadores formado ao abeiro das mobilizacións do Nunca Máis, no contexto da torpe xestión política polo PP do afundimento do petroleiro Prestige fronte ás nosas costas no ano 2002.

No que ten que ver coas políticas culturais, o autor exceptúa da tónica dominante tanto a determinadas accións levadas a cabo polo tripartito presidido por González Laxe coma polo bipartito de Touriño/Quintana. As súas críticas focalízanse máis no uso da cultura polo Partido Popular durante a súa acción de Goberno á fronte da Xunta de Galicia; ao fin e ao cabo, este partido manexou o orzamento público dun xeito case que ininterrompido nas últimas décadas, sendo a el, segundo se deduce da exposición do autor, a quen habería que imputar a existencia dunha posible Cultura da Transición en Galicia, concepto que Linheira importa do homónimo acuñado por Guillem Martínez (daría para unha conversa á parte ver ata que punto o propio Martínez non caeu no consensualismo pacificador cando se trata da independencia de Cataluña).

Partindo de que «Las instituciones culturales y políticas jugaron un papel clave —en el contexto gallego del marco de la autonomía— en la articulación de lo posible desde 1975» (Páx. 28), Linheira lanza os seus dardos contra institucións públicas coma o Consello da Cultura Galega ou a RAG, organismos que, para o autor, contribuirían a deseñar unha política cultural oficial non problematizadora e lexitimadora da Transición e do sistema autonómico e na que Galicia aparecería desdebuxada politicamente ou reducida a un papel máis ben folclórico —se ben é certo que a alusión no propio libro ao ámbito español coma o nacional (páx. 55), e a caracterización de Galicia como región (páx. 54), non garda excesiva coherencia co denunciado. Por outra parte, o autor sinala o papel clientelar que, no que ten que ver coa cultura, xogaron as deputacións controladas polo PP na época en que os baróns provinciais eran case que virreis nos seus respectivos feudos.

Linheira lanza os seus dardos contra institucións públicas coma o Consello da Cultura Galega ou a RAG, organismos que, para o autor, contribuirían a deseñar unha política cultural oficial non problematizadora e lexitimadora da Transición e do sistema autonómico e na que Galicia aparecería desdebuxada politicamente

Detense tamén  Linheira na concepción da cultura-espectáculo impulsada polo inefable Pérez Varela; responsable, ademais, de levar a cabo o delirio faraónico de Manuel Fraga e a súa Cidade da Cultura. Unha infraestructura cultural que se atopaba en perfecta sintonía con outros exemplos semellantes de «continente sen contido» emerxidos coma cogomelos no Estado español da burbulla inmobiliaria.

Se cadra, na parte do debe, habería que facer mención, por unha banda, a certas eivas formais na escrita e, pola outra, a algúns ocos en canto aos contidos que, polo menos quen isto escribe, gustaría de ver enchidos.

No primeiro aspecto, podería dicirse que na lectura do libro percíbese certa reiteración de ideas e a sensación de que o traballo se podería ter resolto en moitas menos páxinas. No segundo, chama a atención a escasa crítica ao papel político xogado por fenómenos como a «Movida viguesa» (auténtico produto funcional ás ansias «(pos)moderizadoras» do municipalismo do PSOE, ou á incidencia en Galicia do fenómeno indie, como epítome do escapismo esteticista de clase media nos felices noventa do benestar financiarizado. Así mesmo, chama a atención a focalización exclusivamente no PP cando no libro se critica a mercantilización e turistificación do Camiño de Santiago, dando por feito que o resto de partidos teñen algunha alternativa ou que non colaboran gostosamente, alí onde gobernan, con ese modelo. Así mesmo, e malia que entre os entrevistados aparece algún que outro representante do tecido asociativo de base, o certo é que se bota en falta algo máis de investigación sobre os eidos máis autoxestionarios, contraculturais e non comerciais, como poden ser o movemento okupa, o punk, os centros sociais, as radios libres etc., desenvolvidos en Galicia nas décadas tratadas; así como máis detemento no labor da chea de pequenos colectivos sen os que moitas comarcas galegas non terían ningún tipo de actividade cultural crítica —pensemos, por poñer un exemplo paradigmático, no caso do Festival da Poesía do Condado.

En calquera caso, La cultura como reserva india é un traballo que ben merece unha lectura.  Trátase dun bo repaso á xestión política duns recursos económicos, moitas veces inxentes, que, empregados doutro xeito, ben poderían ter redundado dun xeito positivo na conformación dunha sociedade galega máis crítica e menos colonizada pola cultura oficial imbuída de consensos podres e de lóxica mercantilista.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail