O pregón de Alka-ETA

«Todos los fascistas viven (¡Cara al culo!)

Por eso no ven más allá de su nariz (¡Cara al culo!)

Ya que sois tan religiosos (¡Cara al culo!)

 ¿Por qué no le dais la paliza a Dios? (¡Cara al culo!)

La Polla Records. «Cara al culo».

Nese momento, entrou o meu pai. Eu era un adolescente cabreado, namorado da retranca rebelde de Evaristo Páramos e o meu vello un home relixioso, aínda que pouco clerical, xa daquela duro de oído e con problemas coas metáforas. Por iso non podía entender que o seu fillo escoitase a todo volume (baixo o seu propio teito!) uns individuos que propoñían arrearlle unha malleira ao Creador, que era o que para el significaba ese darle la paliza a Dios.

Meu pai ten hoxe 80 tacos e un Sonotone que non soluciona o das metáforas. Se non soubese que ten coartada, estaría seguro de que el era a parte masculina dese matrimonio que se sentiu tan indignado polo pregón de Carlos Santiago aka «O Apóstolo» dende o Pazo de Bendaña; ese matrimonio que trasladou a súa indignación ao xornal compostelán por antonomasia e botou a rodar unha bóla de neve que vén de acabar –polo momento– cun xuíz admitindo a trámite a querela da Asociación Española de Abogados Cristianos contra o artista.

Imaxino que eses letrados meapilas actúan de oído. Imaxínoo porque, en oito meses, ninguén puido demostrar que foi exactamente o que dixo Carlos e que tanto ofendeu a aquelas persoas (e a tantos outros por aproximación). Non hai publicado vídeo ningún daquelas supostas alusións a «los huevos» do Apóstolo ou a «la felación» que lle practicaba á Virxe do Pilar. E iso que os avogados cansáronse de pedilas por Twitter a quen as tivese. Coñécese que non hai quen poida ofenderse e gravar ao mesmo tempo…

O realmente gracioso é que non fai falla. O propio Carlos Santiago reapareceu transmutado en Apóstolo na última Ultranoite dos Chévere para relatar o que alí contara. Un chiste no que o Cholas, coñecido personaxe picheleiro de finais do franquismo biolóxico, discutía sobre cousas de patróns de España cun aragonés e puxo fin á disputa así: «¡Pues tu Pilarica se la chupa a mi Apóstol!». Daquela, seica, os composteláns rían bastante con esta anécdota… ata no Preguntoiro.

O caso lembra moito ao de Alfonso Lázaro e Raúl García, os titiriteiros que acabaron detidos por orde da Audiencia Nacional despois de que un dos seus personaxes amosase un cartel co lema «Gora Alka-ETA», precisamente, para denunciar unha montaxe policial… dentro dunha trama de ficción (Non, o meu pai tampouco é xuíz). As similitudes son moitas: os dous casos aconteceron durante o Entroido, en dúas das autodenominadas cidades rebeldes –Santiago e Madrid– e durante actos contratados polos concellos. Meses despois de saíren da cadea, Alfonso e Raúl amosábanse convencidos de que o seu caso se utilizara para «sabotear el Carnaval madrileño». Calquera que lembre aquel despropósito e as reaccións de furia –ameazas de morte incluídas– que seguiron ao caso de Compostela, terá claro cal era o obxectivo: tirar por elevación.

Para tombar un Goberno de esquerda vale todo, e se polo camiño hai que levar por diante a verdade, a liberdade de expresión ou branquear o fascismo dándolle espazo a Vox, adiante cos farois! E iso serve para Manuela Carmena e para Martiño Noriega, pero tamén para Pedro Sánchez: os tres son vistos pola dereita como okupas sen lexitimidade; polo menos, por esa parte da dereita que no ve más allá de su nariz.

«O serio é oficial, autoritario, asóciase á violencia, ás prohibicións, ás restricións. Hai sempre nesa seriedade un elemento de medo e de intimidación. Polo contrario, o riso supón que o medo foi dominado. O riso non impón ningunha prohibición, ningunha restrición. Nunca o poder, a violencia, a autoridade, empregan a linguaxe do riso.»

Mijaíl Bajtín, citado en Facebook por Carlos Santiago o 19 de outubro de 2018.

 

 

 

 

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail