A muller que intimida

Cando unha cre que xa o sabe todo ou, polo menos, o esencial, en cuestións de amoríos, chega un día unha frase que te deixa no sitio: «Aos homes algo que lles atrae moito, en xeral, dunha muller é a dispoñibilidade». É dicir, unha fémina que non dea sinais de andar a varias bandas. Contoumo unha sexóloga cando a entrevistaba para unha reportaxe sobre que nos pon máis a cen. E sorprendeume, claro. Primeiro, porque nunca me pasara pola cabeza ese pensamento e, segundo, porque a actitude maioritaria deles, polo menos aos vintetantos, é dar unha imaxe de todo o contrario. Dispoñibles, si, pero a mocear con outras, tamén.

Hai veces que a experiencia vital te leva a experimentar nas túas propias carnes esas frases que te asaltan e te estoupan na cara. Cando, por fin, acadas confianza en ti mesma, sénteste segura, sabes o que queres e búscalo, sen máis, como os homes levan facendo toda a vida, de súpeto, eles desaparecen. Non fuxen, pero afástanse. E, despois de romperte a cabeza pensando que non lle gustas, o ghicho volve (sempre volven), e descobres que o que realmente ocorre é que o intimidas. Non son ciúmes, nin moito menos, pola sospeita de que el non é o único para ti. É que algo non lles cadra.

Cando, por fin, acadas confianza en ti mesma, sénteste segura, sabes o que queres e búscalo, sen máis, como os homes levan facendo toda a vida, de súpeto, eles desaparecen

Lin nas redes hai moi pouco: «A un home convídalo a tomar café e pensa que vai foder. Convídalo á túa casa e pensa que vai foder. Convídalo a ver unha película e pensa que vai foder. Ah, pero convídalo a foder e asústase porque es moi directa». Compartino porque me pareceu un xeito xenial de representar un anaco da realidade, que existe, e que ten todo que ver coa sociedade na que vivimos: cando as mulleres tomamos a iniciativa nunha relación, aínda que só sexa puramente sexual, moitos homes séntense intimidados, e esa sensación non lles gusta. Por que? A maioría non o saben explicar, pero a explicación existe e chámase patriarcado.

Intimidar. Unha palabra que pode resultar tan fría como sexi. A min gústame que me intimiden, sexa no ámbito que sexa. É como un reto. Algo que me descoloca, que me descompón, que me saca de golpe da miña zona de confort. Pero a algúns homes esa saída xéralles inseguridade ao sentírense minimizados na súa aprehendida masculinidade. Son eles quen deben intimidar ás mulleres, e non ao revés (pensan). E as palabras «mandilón» ou «pranchabragas», de carga totalmente machista, acoden a asaltar as súas mentes.

Este artigo podería chamarse «o home que se sente intimidado», pero prefiro poñer a atención sobre nós por un motivo que nos pode permitir librarnos de máis dunha decepción. Explícao moi ben Chimamanda Ngozi Adichie en Todos teriamos que ser feministas: «Non me preocupa intimidar aos homes. O tipo de home que se sente intimidado por min é exactamente o tipo de home que non me interesa». Unha vez máis, o problema teñen que arranxalo eles, e non nós. Estamos dispoñibles.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail