Madrileños de Madrid tratade ben aos galegos (e lede as súas tarxetas sanitarias)

Se ides en tren a Segovia non vos estrañedes se vai cheo de galegos. Tampouco se, por esas cousas que ten a vida, subides ao autobús 182 en Plaza Castilla cara Casar de Talamanca. Se preguntades seguro que viaxa con vós algún galego ou conciudadano -sen segundas- das outras 16 comunidades autónomas ás que Madrid non lle le as súas receitas electrónicas na procura dunha farmacia na que mercar os seus medicamentos.

Porque paradoxalmente -ou non- a Comunidade de Madrid é xunto a Ceuta e Melilla a única administración que non está integrada na rede estatal de sanidade interoperable, en román paladino, un galego que vaia a Madrid non poderá retirar os medicamentos prescritos nas farmacias da capital (nin un de Madrid cando saia fóra do seu territorio). Pero si poderá conseguilos no primeiro dispensario que atope en Segovia ou Guadalaxara. Velaí unha política de promoción turística da meseta.

O que non pasa dunha anécdota cando un vai pasar uns días, pódese volver un verdadeiro problema se, en nome desa precariedade laboral imperante, che ofrecen un traballo de duración indeterminada. Quen vai cambiar de médico se non sabe se o emprego lle vai durar máis alá do Nadal?

A receita electrónica funciona en todo o territorio de Estado agás na capital. Como esa pinza que acabou por deixar caer a Rajoy

Dánse así casos curiosos, como os de xente que toma un avión o sábado e o tren de volta o domingo para conseguir unha pastilla. Iso si que é fomentar o turismo interno. Basta pasear por Twitter para atopar un catálogo de casos e solucións. Dende o que vai por Urxencias, o que se atreve a meterse na lea burocrática de solicitar un «vale de desplazado» ou o que acaba por pagar os medicamentos -se é que son dos que se dispensan sen receita- do seu peto e xa veremos despois se os paga a Xunta.

O caso, que xa foi exaltado por algúns como mostra do caos que provocan as «Autonosuyas», alude a esa incapacidade proverbial das institucións para colaborar entre si. Iso de que o FBI e a CIA non comparten intel seica vai ser verdade. Nos últimos anos da Birmania da Xunta Militar, que mantiña o título xornalístico do país máis hermético do mundo -compartido con Corea do Norte e Eritrea-, un podía entrar no país ata tres veces en menos dun ano e ir ver o que acontecía no Rakhine ou no Kachin sen que pasase nada. Daba igual que un tipo se achegara para deixarche claro que sabían que non estabas alí de turismo. Se non amolabas demasiado -iso implica facelo en inglés- non había mala sombra que chegara á fronteira.

Mais no tema que nos ocupa hai tamén un punto de retranca. A receita electrónica funciona en todo o territorio de Estado agás na capital. Como esa pinza que acabou por deixar caer a Rajoy. O pasado mes de setembro, cousas da vida, a Comunidade de Madrid comezou o proceso para unirse ao modelo estatal. Polo de agora estano a probar en dous hospitais e pronto se estenderá ao resto do sistema de saúde. Esperemos que non sexa tarde.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail