Excepción de Estado

 «Un neonazi se balanceaba en la puta cara de la gente

y como veía que nadie le tosía fue a llamar a otro neonazi».

«Un neonazi». The Kagas

 A última Ultranoite dos Chévere (ese cabaré político que os historiadores deberán consultar no futuro se queren coñecer como foron de verdade estes turbulentos anos) incluía un número cun punto inquietante, deses que provocan o riso, pero un riso… lixeiramente nervioso. Catro actores caracterizados como os drugos de A laranxa mecánica metéronse polo medio do público para retiraren uns lazos amarelos nos que –polo menos, eu– non tiña reparado ata ese intre. Empezaron cos lazos, seguiron cos limóns das copas e remataron mallando en Gualdo, o personaxe de traxe cor canario interpretado por un Xesús Ron a quen acababamos de ver, transmutado en Luís Villares, pedindo consello á xuíza tarotista de Lugo…

A similitude entre os parafascistas ultraviolentos creados por Burgess & Kubrick e esas patrullas tabarnesas de Ciudadanos –no dobre sentido da palabra– vestidos como axentes do FBI buscando a ET (supoño que para evitar calquera tipo de contaxio ideolóxico por contacto) resulta evidente, cunha diferenza a prol de Alex e os seus: polo menos actuaban a cara descuberta, non como este novo KKK.

Niso andaba eu matinando mentres repasaba o meu timeline de twitter, rebordado de xente preocupada polo abarrote de VOX no templo podemita de Vistalegre (non confundir co barrio compostelán onde di vivir Feijóo). Entre eles, Sergio del Molino. O autor de La España vacía, coa rapidez e capacidade de análise que só pode ter un Premio Espasa, daba coa chave que outros sesudos analistas non atopaban para explicar este fenómeno: «Gracias, Puigdemont. Gracias a todos los que le acompañaron. Gracias por dejarnos a merced de las bestias. Vamos camino de ser un país europeo normal, con su ultraderecha normal. Ya no seremos una excepción». Léndoo, calquera pensaría que os secesionistas acadaron o seu obxectivo e xa non terán que seguir compartindo Estado con estas «bestias», pero non…

A «bestia» estaba aí, durmindo. Se uns simples lazos amarelos podían espertala, era só porque o seu sono non era tan profundo como queriamos crer

A verdade é que si eramos unha excepción, un país europeo anormal. Aquí, a ultradereita formaba parte do mesmo partido que a dereita civilizada, a democracia cristiá ou o liberalismo de mamandurria e convivía sen conflitos con coloristas variantes territoriais coma o caciquismo galaico. Quizais por iso, houbo que viaxar ao estranxeiro para atopar grandes cabeceiras que ubicasen a Pablo Casado na far-right, algo que aquí aínda custa facer co líder da pata conservadora do noso bipartidismo, por moito que as súas posturas sobre a inmigración, o aborto, a memoria histórica ou a liberdade de pensamento –semella tolo por ilegalizar disidentes– achégueno a Salvini ou Le Pen; con Orbán, xa sabemos que está.

Iso si, por moito que digan del Molino ou o propio Pablo Iglesias (madrileños os dous, algo que non creo que neste caso sexa casual), cústame moito pensar que a culpa deste espertar facha sexa (só) do independentismo. Sería como responsabilizar do maltrato ás mulleres que atopan unha labazada –ou algo moito peor– cando rexeitan aceptar roles tirados de The Handmaid´s Tale.

A «bestia» estaba aí, durmindo. Se uns simples lazos amarelos podían espertala, era só porque o seu sono non era tan profundo como queriamos crer.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail