Manifesto [Luzes 60] A rebelión dos afogados

A situación de Galicia cada vez se asemella máis á do «afogado pensativo» do que falaba Arthur Rimbaud no seu poema «Le bateau ivre» (O barco ebrio).  Un afogado pensativo. Un barco bébedo. Que recoñecíbeis, que próximas e inquietantes resultan esas imaxes. Pero a metáfora aínda vai a máis cando se describe o afogado pensativo como un afogado «satisfeito e pálido».  Un afogado satisfeito? Cando a fenda entre a Galicia real e a Galicia imaxinaria desta Xunta e os medios que a apoian se fai un abismo dáse este proceso que Richard Sennet define como «a colonización da imaxinación» e «a apropiación do entendemento». Iso explica a figura do «afogado pensativo», mais tamén satisfeito.  Dende hai semanas, a xente traballadora da Televisión de Galicia e da Radio Galega está a manter unha loita exemplar contra esta maquinaria propagandística que «coloniza a imaxinación» de Galicia. Velaí un núcleo da esperanza para deter este mórbido proceso que leva ao extremo de ter un afogado satisfeito e bébedo.  Os chamados «venres negros», pola indumentaria que identifica a protesta, son un paso decisivo e valente que non só supón unha denuncia, senón que permite albiscar outro tempo. Esa mobilización en defensa dos medios públicos é, hoxe por hoxe, a máis importante e mellor noticia que puidera emitirse: a conciencia non afogou e aboia cada día con máis forza a vontade dun xornalismo de decencia permanente, libre de servidumes, e que ten claro que a información é un ben común que non pode dexenerar nin en propaganda nin en mercadoría.  Esta loita é tamén un exemplo para as forzas políticas obrigadas a construír unha alternativa: non poden ser máis importantes os intereses partidarios que os da poboación.  A descolonización da imaxinación está en marcha. Boa noticia: o afogado non está satisfeito. 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail