Máis días mundiais de neve nos barcos, e menos días galegos do turismo

Pelegrín, Pelegrín, Pelegrín / Convídavos a apertar ao peregrino / Pelegrín, Pelegrín, Pelegrín / Desde o día que chegou, en Galicia se quedou / Todos a Galicia, quérevos coñecer.

Pelegrín, Montse y Luís Queimada.

O vintesete de setembro –coincidindo co Día Mundial do Turismo- levábase a cabo a toma de posesión das novas conselleiras e conselleiros. Na véspera, o líder supremo anunciaba dentro da reestruturación do Goberno por motivos preelectorais, a nova Consellería de Cultura e Turismo con especial atención a esa macabra mistura entre turismo, espectacularización cultural e propaganda que é o Xacobeo. Desta maneira, e xa sen ningún tipo de andrómena, demóstrase que o actual executivo  sempre estivo moito máis interesado no turismo que na cultura; e como, novamente, o argumento de que o 11% do PIB galego provén da actividade turística continúa servindo para xustificalo absolutamente todo.

Nunha entrevista realizada o ano pasado a un alto cargo da secretaría xeral de Cultura –que para o seu pesadume tampouco desta vez foi o sinalado para ocupar o anhelado cargo de conselleiro- ao ser cuestionado sobre a grande importancia que tivo sempre na política do PP en Galicia a mestura entre turismo e cultura, respondía con rotundidade que «a vinculación na política da Xunta entre cultura e turismo eu creo que foi en determinadas etapas, pero dende o ano doce desde logo o turismo é unha cousa e a cultura outra, e ten canles e circulación radicalmente diferentes…». Seguramente, coa nova denominación da consellería da que forma parte, o tecnócrata entrevistado tería máis difícil –ou non- argumentar en contra do que levamos moitas décadas vendo con claridade, que unha das poucas cousas que lles importa da cultura é que esta traia o maior número posible de turistas, a par que de escusa para organizar grandes eventos con diñeiro de todas para o autobombo, a propaganda institucional e o clientelismo.

Unha das poucas cousas que lles importa da cultura é que traia o maior número posible de turistas, a par que de escusa para organizar grandes eventos con diñeiro de todas para o autobombo, a propaganda institucional e o clientelismo

Deixando aparcada a utilización dos orzamentos públicos para reproducirse nos cargos, ao falar de turismo cultural podemos facelo dende dúas perspectivas diferentes: unha que o observa desde a óptica da política cultural, cuxos principios básicos serán a protección do valor de existencia do ben, as accións para garantir os valores intrínsecos dos bens ou manifestacións culturais e a conservación do valor de identidade que teñen para a sociedade que os crea. E, por outra banda, a que observa a cultura como parte do mercado turístico, desde a óptica da política turística; uns principios que acentuarán máis o valor de uso destes bens, a posibilidade de consumo e a contribución destes ao desenvolvemento dos destinos. Desde os grandes expoñentes das non políticas culturais que gobernan a Xunta dende o ano nove, sen dúbida obsérvase a cultura coma parte do mercado turístico.

Mentres continúan coa instrumentalización de eventos de toda tipoloxía pagados con diñeiro público co obxectivo de continuar asentando a súa hexemonía, o desvertebrado ecosistema cultural galego continúa en gran parte manténdose co voluntarismo e entusiasmo de moitas precarias; e coma temíamos, observando todas as limitacións coas que se inicia o proceso de mesas de traballo da cacarexada Estratexia da Cultura Galega 2021 anunciada por Núñez Feijóo ao inicio da lexislatura, non semella que nada vaia cambiar.

Camiño de 2021, ano do próximo Xacobeo e de supostas estratexias culturais, continuamos na Galiza coa mesma importancia cara o turismo en detrimento de todo o que soe a cultura, unha senda que Fraga Iribarne iniciou nos anos sesenta, con celebración do Ano Santo de 1965 incluída, coma ministro do aínda habitante de Cuelgamuros. Mentres, para volver aos tempos do primeiro Xacobeo, naqueles iniciáticos noventa de consumo dionisíaco financiarizado, soamente falta que recuperen o Pelegrín e que a súa canción volva a soar no escenario do Luar.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail