Spaghetti déficit

Terán escoitado nos últimos días falar sobre a derradeira crise aberta na UE. O Goberno italiano vén de aprobar un déficit do 2,4% para os próximos tres anos, saltándose os compromisos adquiridos polo seu antecesor coa Comisión Europea e poñendo en risco a estabilidade financeira do país, ao elevar o gasto ata uns niveis que impiden reducir a avultada débeda.

Pois ben, que é o déficit? Son os números vermellos nos que incorre un Estado cando no seu orzamento anual gasta máis do que ingresa. E como se relaciona coa débeda? Cando ese país vén de ter déficits ao longo da súa historia o normal é que vaia acumulando esas perdas no longo prazo, o que se coñece coma débeda sobre PIB (o valor da economía dun país). Ao falármonos da italiana, acada o 131% do seu PIB, a porcentaxe máis alta da Eurozona despois de Grecia.

Esa porcentaxe é algo máis que un puñado de euros, preto de 2,3 billóns concretamente, e enfronta a dúas familias: dun lado os dirixentes europeos, do outro o Goberno italiano de coalición. Nesta trama, a segunda familia ten un bo, Luigi Di Maio, viceprimeiro ministro, titular de Desenvolvemento Económico e Emprego, líder do Movemento 5 Estrelas; e un feo, Matteo Salvini, tamén vicexefe do Goberno, ministro de Interior, líder da Liga. Ámbolos dous pactaron ese déficit nos orzamentos do Goberno que comandan.

A débeda italiana acada o 131% do seu PIB, a porcentaxe máis alta da Erozona despois de Grecia

Di Maio viste coma un neno na festa do verán, peiteadiño e traxe ao corte, sorriso natural, loitador de cativo polos dereitos estudantís e dos rapaces da rúa nesas vilas arredor de Nápoles, onde naceu, nesa Italia asolagada pola mafia. Salvini, do que xa temos falado das súas inclinacións xenófobas, queixo redondeado e fronte baixa para encaixar os directos e ganchos que lle lancen, vén de Milán e gusta de suar a camisa e mancharse mentres persegue inmigrantes.

Curiosa alianza a de dous pistoleiros tan diferentes, auténticos Billies the kid capaces de acabar cos Berlusconi, Renzi ou Monti, a vella garda que cabalgou longamente no oeste italiano. Os dous cabalgan xuntos mais, como é que se xuntaron? O seu rumbo é a procura dunha axenda social e de investimento económico coa que sacar da pobreza a milleiros de italianos e ofrecer novas oportunidades laborais aos novos. Ao tempo, están a por patas arriba toda Italia, derrubando os muros da corrección política, sexa para non acoller a migrantes ou para trocar a reforma das pensións que alongara a vida laboral.

Curiosa alianza a de dous pistoleiros tan diferentes, capaces de acabar cos Berlusconi, Renzi ou Monti, a vella garda que cabalgou longamente no oeste italiano

Ámbolos dous teñen un inimigo común, o malo, ou mala neste caso. Compre ollar os exemplos nomeados arriba porque son dúas políticas impostas pola súa inimiga. É Bruxelas, ou a Comisión Europea, o sarxento da Unión, sen escrúpulos, o corrupto ao que Di Maio e Salvini culpan de impor políticas económicas austericidas que terían provocado o longo estancamento económico italiano. Este malo mantén outro camiño, o Pacto de Estabilidade e Crecemento, a norma comunitaria que obriga a todos os países a ter un déficit inferior ao 3% e una débeda que non supere o 60% do PIB. Quen se desvía, debe cumprir severos axustes e reformas mentres un revólver cargado de sancións o apunta. Entre 2016 e 2017, España e Portugal cabalgaron polas marxes e non se lles disparou porque a dona comunitaria lles perdoou a vida coa arela de ser ben vista polos espectadores do continente, os cidadáns.

O malo é o Pacto de Estabilidade e Crecemento, a norma comunitaria que obriga a todos os países a ter un déficit inferior ao 3% e unha débeda que non supere o 60% do PIB. Quen se desvía, debe cumprir severos axustes e reformas

Como vimos de relatar, Italia supera con creces o segundo parámetro do Pacto e, aínda que cumpre no primeiro, a nova política económica do bo e do feo supón que o país non acade aforros suficientes para reducir a súa débeda. O seu rumbo rompe o Pacto de Estabilidade e o malo quere asemellar non tan malo nesta película. Afirma «non estar interesado nunha crise con Italia», en palabras dun dos seus voceiros, o Comisario de Economía, Pierre Moscovici, porque estamos perante «un país importante na zona euro».

Mais neste western, coma en todas as películas, hai unhas regras narrativas que cumprir e só pode haber dous finais. Ou hai tiroteo ou non o hai. No film de Sergio Leone (aviso de spoiler) o enfrontamento dirímese nun duelo triangular a tres, nun cemiterio.

Aínda que cumpre no déficit, Italia supera con creces a débeda e a nova política económica do bo e do feo supón que o país non acade aforros suficientes para reducila

A acción xa está a discorrer, séntense nas súas butacas, mentres os tres protagonistas europeos cabalgan. Antes, un par de paradas. O 15 de outubro, no posto de correos, o bo e o feo enviarán o seu orzamento ao malo. Marcará un final ou outro se dentro leva consigo o déficit do 2,4%. A segunda parada, en novembro, no salón bruxelés chamado Berlaymont, sede da Comisión Europea. Alí o malo ollará para o sobre, botaralle unha calada ao pito, remexerá o vaso de whisky e analizará se cómpre cabalgar a baterse no cemiterio.

No empedrado do camposanto, en febreiro, sería ese duelo triangular no que só Bruxelas terá dereito a disparar, a impor as súas multas. Se cadra, Di Maio e Salvini se encollan entón de dor pero non morrerán. Son inmunes a esas balas. Sufrirá Italia, haberá un tremor en Europa pero eles terán nova munición en forma de culpas coa que enfrontarse ao malo bruxelés en maio, nas eleccións europeas.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail