No ver la gallega en el ojo ajeno

Alberto Núñez Feijóo, que como saben é presidente de Galicia, e non recente, asegura que non ve a TVG, a cadea de televisión pública nacida a resultas do mesmo Estatuto do que naceu a institución que el goberna. A declaración de Feijóo supón unha escalada no desapego que xa demostrou anteriormente («eu non dirixo a TVG») e sería do máis cínico que teño escoitado en anos dun político, se non fose porque o deporte diario da maioría da clase política que ten un micrófono diante e retorcerlle o pescozo á razón.

Ninguén lle esixe a Feijóo que vexa as reposicións de Pratos combinados se o que lle presta é consumir Netflix, pero a TVG, pendente de desgubernamentalización é responsabilidade súa. Netflix non.

Hai unha chea de chistes sobre para que vai ver o presidente a TVG, se xa sabe que van botar nela: todo o que el fixo un par de horas antes. Pero a cousa non ten graza ningunha. Imaxinen que o ministro de Industria de Francia responde ás críticas sobre o mal funcionamento da Renault dicindo que el viaxa en Volvo (teña ou non un volvo). Feijóo renegou da TVG como puido renegar da Escola de Práctica Xurídica, do Sergas, ou da Cidade da Cultura. Feijóo pode, como paciente, optar polos servizos da Clínica Universidad de Navarra, en vez de ir ao Sergas, se lle parece máis fiable e máis selecto. Pode, aínda que non debería, mentres estea no cargo. Mais ser é responsable do Sergas, e non da acreditada clínica xestionada polo Opus. Pola mesma razón, ninguén lle esixe que desconecte dos sinsabores das xestións de Goberno vendo as reposicións de Pratos combinados ou as sinuosidades argumentais de Serramoura, cando o que lle presta é consumir os produtos audiovisuais de Netflix. Porque Netflix ou HBO poden desenvolver as súas grellas lonxe da mirada de aguia do noso presidente, mentres a CRTVG é responsabilidade súa –sobre todo porque a Lei correspondente que a desgubernamentalizaría só se aplica no que lle convén a quen lle correspondería desgubernamentalizala, é dicir, ao Goberno— e do seu partido, que controla o Consello de Administración.

Así que, como escusa, o «no ver la gallega» quizais lle congracie cunhas capas urbanas que non queren ter nada que ver con calquera cousa que estea en galego —algo que cada día é máis fácil de conseguir, grazas ás políticas da Xunta— pero non deixa de ser un menosprezo a varias cousas: ao principal grupo de comunicación do país. A un medio público que, con altibaixos, mantivo e mantén cotas dignas de audiencia, máis que dignas en relación aos recursos que dispón, e sobre todo mantendo unha programación que non caeu nos excesos vergoñentos doutras canles. A un cadro de persoal que ten demostrado, cando pode, a súa profesionalidade. A unha empresa que axudou no seu momento a poñer ao audiovisual nun lugar privilexiado.  A un dos principais resortes de normalización do idioma que as leis de Galicia lle esixen e confían ao seu Goberno que promova e defenda.

Dicía antes que a declaración de Feijóo era do máis cínico que escoitara en anos. De feito, recórdame aquel consello que lle deu Franco a ao director do xornal falanxista Arriba, Sabino Alonso Fueyo, cando se lle veu queixando das presións que recibía: «haga como yo, no se meta en política».

 

 

 

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail