Bombas, bombas… que pasa?

Etiopía ten fame.
Un parado occidental sostén un filete.
Un negro deitado, o negro non lle chega, arrastra o bandullo.
O parado occidental sostén o filete; o parado altivo, o negro non lle chega.

Os Resentidos. «Galicia Caníbal».

Oigo un sonido a través de la ventana / y cuando me asomo ya no queda nada.

Chimo Bayo. «Bombas».

Dende marzo de 2015, cando Arabia Saudita iniciou a súa ofensiva en Iemen, máis de 5.000 nenos morreron ou resultaron feridos. Cinco cada día. 22 millóns de iemenís –dunha poboación que rolda os 30– precisan axuda humanitaria; a metade son menores de idade. UNICEF, que ten a Riad nunha lista negra, considera o país como «un dos peores lugares do mundo para ser cativo».

Tiro abertamente de populismo porque semella que os datos con adultos sempre nos importan menos, pero «por los niños, lo que sea», aínda que vivan nun país que se atopa a case 6.000 quilómetros en liña recta e que practicamente calquera de nós tería que pensar onde colocalo no mapa.

Contra eses nenos –e as súas familias, seguramente moitas deles rebeldes Huthi– era contra as que Arabia Saudita acabaría usando as 400 bombas de precisión láser que o Goberno do Estado se nega agora a vender. Unha decisión eticamente irreprochable se non fose porque vén de poñer en perigo un contrato para a construción de cinco corvetas para o mesmo comprador: un negocio duns 1.800 millóns de euros que se estima que poderían crear uns 6.000 postos de traballo en Cádiz, Cartaxena… e Ferrol. «La cagamos, Luis, la cagamos», que diría o clásico. Ao contrario que o das bombas, a ninguén lle parecera mal isto porque todos estabamos convencidos de que os barcos de guerra serían empregados sempre e en todo momento cumprindo a Convención de Xenebra. Claro. Por suposto. Home, non…

Se teñen que morrer uns cantos –ou uns moitos– iemenís para que comarcas deprimidas poidan saír da crise, avante toda! De verdade alguén sabe onde queda Iemen? E, aínda máis: a alguén lle importa?

É obvio que a internacional proletaria non atravesa os seus mellores momentos. A relación entre o parado occidental e o negro deitado que Reixa e os seus cantaron nos 80 só puido ir a peor; daquela, aínda non caeran o Muro de Berlín nin tampouco Lehman Brothers, é dicir, o comunismo e o capitalismo tal e como os coñeciamos. Hoxe, que Nestlé ameaza coa subida do cacao se a obrigan a deixar de practicar a escravitude cos seus produtores, non nos sorprendería ver a milleiros de consumidores –agoniados por unha crise que non remata e unha recuperación que non chega– botando pestes contra eses indios acomodados que esixen un convenio por riba das súas posibilidades. Pois isto, igual: se teñen que morrer uns cantos –ou uns moitos– iemenís para que comarcas deprimidas poidan saír da crise, avante toda! De verdade alguén sabe onde queda Iemen? E, aínda máis: a alguén lle importa?

Vivimos nunha sociedade na que as dereitas –si, xa non temos só unha– protestan cando se rescata a xente da morte no Mediterráneo, entre outros motivos, porque «entre eles poden vir xihadistas» (que non terán outra forma de chegar…). Os nosos curmáns da Arxentina seguen a prohibir o aborto sabendo que vai supoñer a morte de mulleres pobres… Se non nos custa nada ollar cara a outro lado só por motivos ideolóxicos, relixiosos, raciais… como non facelo se, por unha vez, a cambio desas mortes, por riba nos van pagar en condicións?

Así que abracemos o capitalismo con todas as súas contradicións e cantemos un dos himnos da Fin da Historia: «Bombas, bombas… que pasa?».

Foto: Hiro Otake (CC BY-NC-ND 2.0). Un grupo de nenos en Ta’izz (Iemen).

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail