Unha hora menos no castelo de Juncker

Bruxelas proporá eliminar os dous cambios de hora anuais logo dunha consulta entre millóns de cidadáns. A noticia caeu coma unha bomba hai uns días, nas redaccións dos medios de comunicación, nos fogares de milleiros de persoas e a polémica xa está aberta entre físicos, economistas e médicos. A escolla dos cidadáns que participaron foi sinxela e apostaron polo horario de verán porque a experiencia de mover as agullas do reloxo dúas veces ao ano é «negativa ou moi negativa».

Así o manifestaron menos de catro millóns de cidadáns, o 84% dos que votaron a favor na meirande consulta pública en liña realizada pola Comisión Europea en pleno estío, entre xullo e agosto. Ollo, na UE viven 500 millóns de persoas e pronunciouse menos dun 1% da poboación, pero Jean Claude Juncker, o xefe da institución, xa adiantou que «fará o que a xente quere que se faga». Malia que Bruxelas ten un problema de participación cidadá evidente -é unha torre de cristal afastada dos problemas reais-, Juncker amosou o seu firme compromiso político coa supresión ante a televisión xermana, por aquelo de que Alemaña foi o país onde máis xente participou, nen sequera un 4%. Contentar á primera potencia do continente tamén ten o seu aquel.

E Juncker marchou na procura do seu equipo ata un castelo do século XIX, ao seminario tralo verán co que preparar o curso político que comeza. Aos pés dun pequeno lago ás aforas de Bruxelas, un hotel moi riquiño de cinco estrelas cunhas habitacións que non baixan de 180 euros por noite. Leña para o populismo!!!. As imaxes amosan aos comisarios sorrintes diante da cámara, frontes vermellas, barbas estivais… que por algo voltan de vacacións coma todos nós.

É a política do like nas redes sociais, nun barco comunitario á deriva hai máis dunha década. Ceci n’est pas l’Europe, isto non é Europa, podería ter escrito o belga Magritte

A UE xógase moito nos vindeiros meses. Reino Unido marchará do barco comunitario, en maio haberá eleccións europeas e as primeiras enquisas amosan o imparable aumento dos movementos e partidos de extrema dereita, dende as chairas húngaras ata os vales franceses, dende as praias do tacón italiano ata o Mar Báltico. Por primeira vez, non haberá unha supermaioría da gran coalición entre socialdemócratas e populares europeos e os neofascistas como Salvini, Orbán ou Wilders terán na man a capacidade de bloquear o Europarlamento. Mais na Comisión decidiron que era axeitado situar «a hora de verán na axenda política como parte do compromiso de actuar con altura de miras nas cuestións importantes». A fenda aberta polas chegadas de migrantes ás costas mediterráneas, cunha Europa fortaleza de costas á ribeira sur do Mare Nostrum; o desemprego, que asolaga as vidas de 17 millóns de europeos; unha Grecia que sae dos rescates con menos poboación que antes da crise… son cuestións tan importantes como o desexo de alemáns, austríacos e luxemburgueses de non xirar as agullas do reloxo os últimos domingos de marzo e outubro.

É a política do like nas redes sociais, nun barco comunitario á deriva hai máis dunha década. Tantas son as contradiccións da UE que os arquitectos dos rescates gregos lamentan agora que os axustes esixidos foron moi grandes. O continente bota pestes sobre a súa pérdida de importancia internacional mentras o piloto da nave, Juncker, procura acordos con Trump atacado dunha ciática embriagadora. Ceci n’est pas l’Europe, isto non é Europa, podería ter escrito o belga Magritte se tivese debuxado calquera dos rañaceos de cristal e formigón chantados no barrio das institucións comunitarias ao leste da súa Bruxelas. E non, non debe selo a xulgar polas prioridades da tripulación.

Cómpre estar tranquilos. Este outubro voltaremos a restrasar os reloxos e as agullas moveranse tamén no 2019 e ao comezo da próxima década. A Comisión debe argumentar aos gobernos da UE con datos medioambientais, de benestar ou económicos a súa proposta de suprimir os cambios de hora. E contar coa aprobación do Parlamento Europeo. Gregos e chipriotas foron os únicos en votar non a tan radical cambio. Sen unanimidade dos Estados non haberá cambio. Se acontece, cada país terá liberdade na escolla do seu huso horario. E os galegos na Bruxelas xa se movilizan para presionar á Comisión e que Galiza se aliñe co sol, dúas horas menos que as actuais.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail