Maldito agosto

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

Agosto é un mes divertido para todo, en especial para non facer nada, unha das cousas máis divertidas que coñezo. Pero este agosto estragou a festa segundo empezou: corren malos tempos para o audiovisual galego. E non o digo porque na TVG anden cos venres negros ou porque lle abrisen un expediente a Tati Moyano, que tamén; vai pola perda de tres persoas ben queridas na profesión: Ernesto Chao, Xosé Lois González e Luís Gayol. Maréame pensar na morea de anos pasados desde que os coñecín. Con Ernesto compartín días inesquecibles en Teatro Artello; con Xosé Lois, noites de viño e complicidade; con Luís, as mañás da TVG. De todo hai trinta anos. Polo menos.

Antonio Durán Morris e Xosé Lois González en Woyzeck.

En 1984 fundouse o Centro Dramático Galego, e Ernesto e Xosé Lois brillaron nos elencos das primeiras montaxes. Xosé Lois interpretou ao poderoso Capitán en Woyzeck, a adaptación da obra teatral de Georg Büchner con dirección de Julio Lago. Nas estupendas escenas que compartiu con Morris formaban unha parella imbatible. Ernesto subiu aos escenarios ese mesmo ano con Agasallo de sombras, escrita e dirixida por Roberto Vidal Bolaño, e creou un formidable Benito Vicceto, auténtico agasallo para os que nos presta o teatro.

En 1985 chegou a TVG. E aí, no equipo de realización, estaba Luís Gayol, un home cunha tenrura infinita, capaz de transmitir calma no estudio ata nos momentos de máis tensión.

Luís Gayol.

Ernesto, Xosé Lois e Luís participaron no nacemento dos dous organismos culturais, CDG e TVG, fundamentais no fomento e regularizaron do galego a mediados dos oitenta. Os tres agora son parte da nosa historia.

A TVG axudou a que o espectador coñecese a Xosé Lois fóra do teatro. A toda máquina (1987), un invento de Xaime Fandiño, gravábase nun orixinal escenario de Suso Montero que simulaba un submarino, do que, casualidades de actor, Xosé era o Capitán.

No cine, recordo a súa intervención en Continental (1990), o thriller de Xavier Villaverde sobre o negocio da prostitución e o contrabando de tabaco nos anos 50. E o papel de Patrón en Matías, juez de línea (1996), a película dirixida e escrita por La Cuadrilla. A maior parte da súa carreira desenvolveuna Xosé Lois como actor de dobraxe. Déixanos a pegada da súa voz en El fugitivo (1993), onde encheu de matices ao forense que interpreta Joe Guastaferro; ou en La tapadera (1993), onde lle presta o seu falar desgarrado a Wilford Brimley.

Xosé Lois González.

A única vez que lembro a Xosé Lois e a Ernesto xuntos en escena foi cando o crítico gastronómico Gómez Lambón entrou na de Miro Pereira, o Bar Suízo de Pratos combinados. Durante once anos Ernesto vestiu a pel de Miro, un personaxe memorable que lle brindou o agarimo de toda Galicia. E cando sabiamos que a comedia non gardaba secretos para el, as súas aparicións na serie Aquí no hay quien viva confirmáronnos que o idioma non lle supoñía barreira algunha para facer rir. Pero Ernesto tiña tamén un rexistro dramático que emocionaba: o seu Ramón Sampedro de Condenado a vivir (2001) posúe forza e sentimento ata as entrañas.

Entregábase en cada papel, sempre había algo diferente nos seus traballos, ese selo único dos actores que enriquecen con matices os caracteres que interpretan. Esperanza (1986), de Chano Piñeiro; Divinas palabras (1987), de José Luís García Sánchez; ou Los muertos van deprisa (2009), de Ángel de la Cruz, son algunhas das máis de trinta series e películas nas que mostrou toda a súa profesionalidade. Non había personaxe pequeno para Ernesto, soubo espremer cada un deles deixando pouso.

Ernesto Chao como Ramón Sampedro.

Na serie Fariña (2018), da produtora galega Bambú, interpretou a un Xerardo Fernández Albor colosal. Ernesto, na vida real, foi un bo presidente para a profesión, tanto na Asociación de Actores de Galicia coma na Academia Galega do Audiovisual.

Cando os actores visitaban a TVG atopaban a un traballador tan curioso como bo comunicador: Luís Gayol. Non pasaba inadvertido, era un contador de historias que provocaba sorrisos nos tempos aburridos de plató. Coa xubilación dedicou as horas á súa paixón: a fotografía. Conxelou retratos que respiran.

Eu admiraba aos tres. Hoxe gardo deles mil anécdotas, das que xa non ven futuro, latexando. Boa viaxe, compañeiros. Non volverei a desatender a vida.

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail