Agrocuir de Monterroso, nada máis ‘in’

Monterroso é unha desas pequenas vilas ao sur de Lugo que ata hai pouco percibíase como sede dunha feira gandeira e tamén dunha cadea de sona. No curso alto do Ulla, o río conforma o máis lindo da vila: unha área de ocio con piscinas, camping e decoración enxebrista.

Coa decadencia da economía agraria foi converténdose, coma tantos outros pobiños, nun pequeno núcleo administrativo con centro de educación e saúde, algún banco, bares, un par de supermercados, corredurías de seguros, pequenos comercios e seica unha fantástica polbeira, entre as mellores do país.

Quen nos diría hai algúns anos que esta vila luguesa con 12 granxas de vacas e 2 de porcos, ía organizar algo tan revulsivo. Primeiro foi o Agrogay da Ulloa, hoxe consolidado como Agrocuir. Unha festa rotunda e orgullosa no panorama LGTB máis alternativo.

O venres normalmente hai un concerto no centro do pobo. O prato forte ocupa o sábado na Granxa Maruxa, unha engaiolante carballeira baixo a que desfilan propostas escénicas e musicais frescas e moi contemporáneas como De Vacas, Rodrigo Cuevas ou o a radical electrónica folk de Baiuca, por citar só tres espectáculos destes anos. O solpor do sábado ocúpase enchendo o corpo cada quen co que pode en bares e restaurantes da vila, todos eles co Arco da Vella na porta, e o ambiente pasa á picada de djs na Peneda, esa área fluvial da que vos falaba, con suxestivos bosques darredor.

O festival naceu hai 5 anos co propósito de visibilizar a cultura gay rural, adormecida na mansedume espiada das pequenas aldeas. Milleiros de homes e mulleres solteiras que agochan a súa intimidade da veciñanza. Sabido é que canto máis pequena é a comunidade na que vives, máis temor a levar a vida con ledicia e despreocupación polo que dirán, de aí esa mitificación sobre a vida anónima das cidades, capaces de xerar ghetos xentrificados como Chueca.

Unha cita que fai bandeira da orixe, convertendo a Sitges, Chueca, Mikonos, Colonia, Maspalomas ou Torremolinos en destinos para cosmopaletos

Non sei se este evento potente e rachador serviu para que alguén se empodere diante dos seus 20 veciños dun quilómetro á redonda. Non hai que medilo neses termos, pois é imposible. Chega con ir facendo un oco na visibilidade das diferencias afectivas, consolidando un relato queer que traspasa os ámbitos urbanos para ascender ao espazo rural, berce da cultura tradicional máis xenuina.

As simples referencias nalgunha tele, a difusión de imaxes do evento polas redes ou a propia promoción do festival, axita, promove e dá esplendor a unha cita que fai bandeira da orixe, convertendo a Sitges, Chueca, Mikonos, Colonia, Maspalomas ou Torremolinos en destinos para cosmopaletos. Mtrr énchese de modernas de Galiza, Portugal, León e Asturias identificadas co aquel máis profundo da paisaxe.

Dá xenio vernos retratados coas vacas frisonas mentres sona ópera nos altavoces na corte, revisando as propostas artísticas, visitando muxidoras, tractores ou pacas de palla, e mercando as estupendas galletas que fabrica Maruxa. Unha ocasión de explorar o rural co seu propio fetichismo ou simplemente descobrir novos colegas entre as árbores. E mola bailar baixo os carballos sabendo que estás nun festival exento de motivacións económicas, organizado con toda a limpeza, a enerxía, a intelixencia e o amor que os seus promotores lle poñen.

Un festival de afectos libres, de sexualidades elixidas, de vivirmos con indiferenza na nosa propia terra, e de eliminarmos as telarañas herdadas dun pasado funesto para todo o que for distinto.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail