Luis Emilio Batallán: os vellos (médicos) non deberían xubilarse

Cando en Moraña souberon que marchaba, non deixaban de paralo pola rúa. ‘Vostede déixanos, don Luis’. “E eu canseime de dicir, “non, non son eu, bótanme”, relata estes días a quen queira escoitar o propio Emilio Batallán. Don Luis para os doentes de Moraña. O cantante de Quen puidera namorala para o resto do mundo. Quizais farto de tantas preguntas, decidiu esta semana comezar unha greve de fame. Para que o saiban, sobre todo, en San Caetano. 

Porque o seu encerro -que xa ten revolta a vida diaria do Colexio de Médicos de Pontevedra- ten un destinatario claro: o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, o “burócrata austericida sen alma”, como o catalogou cando lle puxeron diante os micrófonos das televisións estatais. A morte o pasado día 7 dun home de sesenta anos na Estrada tras pasar dúas horas sen atención médica porque a única doutora dispoñible saíra a atender unha urxencia fóra do centro de saúde deulle argumentos para internacionalizar a súa loita. Pero esta viña de moito antes. De cando o obrigaron a xubilarse como médico de familia, alá polo 2013, ao cumprir os 65 anos. Daquela, subliña a Xunta a eses que sempre a escoitan, apenas se concedían prórrogas a actividade facultativa “de acordo a legalidade”. 

A Emilio Batallán, a don Luis en Moraña, iso nunca lle pareceu abondo. El tamén tiña tres fillas e unha vida planificada. “Botáronme porque tiña un soldo grande, porque tiña moita antigüidade. Así que recorreu á Xustiza. O TSXG tombouno en primeira instancia. “Porque a Xustiza está manipulada. Souben despois que o presidente do Tribunal daba cursos pagados pola Xunta”, contoulle aquí ao Faro de Vigo. Dende hai ano e medio está a espera da resolución do Supremo. E conta con gañar. Como gañaron en Aragón ou en Valencia, onde lles están devolvendo as prazas aos médicos. 

Xa preto de cumprir os 70, non é tanto o de volver a pasar consulta en Moraña o que lle preocupa a don Luis. A súa é unha emenda a totalidade. Como foi sempre a súa vida. Por algo foi un hippie que puxo voz a Curros, Rosalía o Cunqueiro cando ninguén lles quería poñer voz. Por algo decidiu meterse nas leas do fútbol como presidente do Pontevedra cando o moderno era seguir coa música. O camiño recto nunca foi o camiño.

“Non se pode tragar con todo. As políticas austericidas na sanidade non se poden consentir. O outro día morreu un doente na Estrada porque non había médico”, bramou noutra entrevista, esta na Voz de Galicia. Como el, outros 700 facultativos foron forzados a acollerse a esta xubilación forzosa, un “ERE encuberto” en palabras do propio Batallán, que non deixa de ser un paradoxo nun país no que paran de repetirse titulares sobre a falta de médicos: “El Sergas busca fórmulas para paliar la falta de médicos y la precariedad” ou “Galicia tiene un déficit de 40 pediatras y en cinco años otros 80 llegarán a la jubilación”.

Así que el, o doutor con mellor gusto pola poesía que deu esta terra, o autor do disco en galego máis vendido de sempre, volveu tornar a contracorrente. Como fixo sempre. Cunha manta, unha restra botellas de auga coas que enganar á fame e un sofá que lle brizas as costas. Así ata que en San Caetano lle poñan fin aos recortes. Ou ata que o corpo lle aguante. Porque xa se sabe que os vellos (médicos) non deberían xubilarse.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail