Feminismo: de Ylenia a Ana Botín

Ylenia saltou do anonimato e o chonismo de Benidorm ao universo dos realities, os youtubers e os programas de cotilleo. Ana Botín naceu nunha familia con poder, estudou nas mellores universidades e acabou asumindo a máxima responsabilidade do Banco Santander. E ambas teñen algo en común: decláranse feministas. Como as demais, que estamos no medio desas dúas realidades, nun abano repleto de matices. Porque o feminismo, se algo é, é diverso.

Para quen non coñeza a Ylenia, aquí vai un vídeo da súa participación no programa de telerrealidade da MTV Gandía Shore.

E aquí outro da súa actual canle de Youtube, chamado Femylenia.

E finalmente, para quen non coñeza a Ana Botín (alá vós), é a presidenta do Banco Santander.

Que dúas mulleres situadas tan nas antípodas como Ana Botín e Ylenia se declaren feministas é unha boa noticia. Porque o feminismo -e isto sabémolo moi ben as que levamos tempo aprendendo do movemento, pero vivindo coa consciencia do mundo real-, é un debate continuo que comprende e non exclúe.

Se sentásemos a Botín e Ylenia arredor dunha mesa, sabemos que terían un gran tema de conversa (se alguén quere recoller a idea, adiante). Ademais do feminismo, teñen en común que foron -e son- duramente criticadas por declarárense abertamente feministas. Iso levou á de Benidorm a abrir a súa canle de Youtube, e á banqueira a escribir este artigo na súa conta de LinkedIn. En resumo, víronse na obriga de dar explicacións de por que decidiran enmarcarse nesa cousa chamada feminismo.

O respaldo de Ylenia e Ana Botín ao feminismo deu pé á expansión de dous conceptos dun mesmo termo, pero dende unha perspectiva crítica e non carente de burla: feminismo choni e feminismo capitalista. Dúas lecturas dun movemento que, con todo, lonxe de desprestixialo e facelo menos atractivo, enriquéceno.

Durante séculos, o feminismo tirou para atrás a moitas mulleres -e homes- ao enmarcarse (ou ser enmarcado) nun perfil de muller de clase alta, e despois de estética «masculina» e ata vencellada a unha determinada orientación sexual. Pero o feito de que unha muller loite desde a súa posición, sexa a que sexa, por conseguir os mesmos dereitos que os homes non é, a priori, unha cuestión de clase nin de imaxe, como así o demostran Ylenia e Botín. O debate e a diversidade non deben ser xamais unha barreira para adentrarse no feminismo, senón unha chave para facer máis poderoso e imparable un movemento global.

Tendo claro o concepto básico e irrenunciable que é a igualdade, podemos comezar a falar de capitalismo, de ecoloxismo, de xéneros e doutras cuestións que inflúen directamente na posibilidade de alcanzarmos ese obxectivo. O de todas as persoas.

Das Ylenias ás Botíns, que viva a sororidade.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail