Viva Cuba gay

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

Quen máis quen menos lembra Fresa y chocolate, ese filme de mediados dos 90 que facía unha leitura moi tenra da relación entre unha fantástica e culta marica de catálogo (Jorge Perugorría) e un dogmático militante revolucionario (Vladimir Cruz).O filme de Tomás Gutiérrez Alea e Juan Carlos Tabío axiña comezou a librar a batalla que provoca o gran cinema de fondo social e valente. O cinema que conecta co público máis dinámico para ir derrubando muros mentais, limpando de telarañas armarios, comités, policías e patios veciñais. Fresa y chocolate foi o voceiro existencial dun país que necesitaba visibilizar a sensibilidade que subxace baixo o xugo mental de parte dos seus líderes.Adóitasenos falar do Che ou de Fidel como impresentables machistas. Para min seguen a ser mitos sagrados, e prefiro quedar con esta testemuña do Comandante en 2010, falando do trato á comunidade LGTB nos primeiros anos da Revolución: «unha grande inxustiza. Se alguén é responsable, son eu; tiñamos tantos problemas de vida ou morte que non lles prestamos atención». Ou en palabras de Compay Segundo, «Oigame compay, no deje el camino por coger la vereda».Maricas e non maricas acabaron agradecendo a Castro a liberación do país das mans do invasor americano que o tiña convertido nun prostíbulo en 1959. E como di unha das súas frases máis reveladoras, «serei absolto pola Historia», tamén a comunidade LGTB poderá celebrar esa nobre autocrítica do cubano que guiou unha das máis apaixoantes experiencias políticas do século XX.

Fresa y Chocolate tivo na illa un efecto paralelo ao que puideron ter na España dos 80 as pelis de Almodóvar. Aquí, recén saídos da dictadura, fomos entregándonos ao crecente consumismo e aos cánones liberais da restauración borbónica. Renegamos axiña dos comportamentos franquistas que perseguían maricóns, invisibilizaban lesbianas e caricaturizaban a cultura trans, relegándoa case en exclusiva á prostitución. Na illa caribeña o filme puxo o relato LGTB ante as leis que a súa propia democracia foi xenerando: Se nos anos 70 o partido ía deixándose levar pola tendencia machista herdada de antes da revolución, nos 80 recoñécese que a homofobia é inaceptable, comezando un proceso de normalización que hoxe está a piques de lograr a equiparación matrimonial.É certo que se ten feito moita propaganda contrarrevolucionaria, magnificando a suposta marxinación ou boicot oficial á expresión LGTB. Teríamos que nos preguntar, para opinar en xustiza, se toda persecución a un gay ten que ver coa súa condición sexual, ou se as persoas gays podémonos servir para todo da nosa condición sexual. Ou o que é o mesmo: son un axente da CIA, pero como son gay, persíguenme por maricón, e non por espía americano. Veña xa. Cuba tivo e ten que ter todas as alarmas acesas, mirando sempre de reollo á súa inmensa amenaza, que se viste do que faga falla con tal de mover mercados, países e conciencias (véxase Irak, Libia e agora Siria).

Viva Cuba gay e viva Cuba libre. Esa que no seu momento esqueceu o bó por atender o excelente e a que hoxe, da man da filla do Comandante, Mariela Castro, está a punto de dar novas leccións ao mundo facendo legal o matrimonio igualitario. Unha importante conquista simbólica por moito que algúns aínda digan que non sería preciso, pois na illa as persoas solteiras teñen idénticos dereitos que as casadas. Ou matrimonio para todos e todas, ou para ninguén.

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail