Matou á muller… aquí ao lado!

A noticia caeume coma un caldeiro de auga fría no meu último día de vacacións. Entereime pola miña avoa, de 93 anos, á que unha semana antes lle dera para ler Todos deberiamos ser feministas, de Chimamanda Ngozi Adichie.

  • Un home matou á muller… aquí ao lado! -laiouse.

  • Onde?, contestou o avó, incrédulo.

  • Aquí, en Cabana. Acaban de dicilo pola tele.

  • En Cabana? Pero mira que hai moitas Cabanas…

  • Cabana de Bergantiños! -reafirmou ela.

Efectivamente, era aquí ao lado. Na parroquia de Canduas. A 7 kilómetros da nosa casa. Logo enterámonos de quen eran. Ela, filla dun coñecido traballador da zona, dos de toda a vida. Deixou dous fillos e toda unha vida por diante, asasinada diante deles de dous balazos polo lombo, con só 50 anos. En proceso de divorcio. «Non existían denuncias previas», tralalá.

  • Mira ti. Sempre hai asasinatos en Albacete, en Sevilla, en Palma… e agora tamén aquí.

  • Non o podo crer – repetía meu avó.

  • Home, maltrato sempre houbo, pero antes non as mataban…

Tiven que correxir á miña avoa. Asasinatos machistas sempre houbo, pero é agora cando se fala deles. Cando se contabilizan. Cando se recoñecen como violencia machista.

  • Unicamente, avoa, a diferenza é que antes as mulleres non vos podiades divorciar. Xa sabes. Agora, cando os maltratadores ven que elas toman a decisión de marchar, aínda cren que teñen dereito a tomar a xustiza pola man.

A avoa miroume un intre, pensando. E finalmente dixo o que lle pasara pola cabeza en canto viu a noticia pola tele.

  • Todo isto ten algo de relación co libro que me deches, verdade?

Verdade, avoa.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail