Este vaise e aquel vaise, e aqueloutro vaise e así até 100.000

Se por unha casualidade do destino volves por esta páxina dentro de media hora, haberá por estes lares un menor de 35 anos menos cotizando. Dentro dunha hora, 2. E, ao final do día, 48. Parecer non parecen moitos, pero se sumas os últimos 4 anos, fan 66.000: un Ferrol de novas e novos. Se o pos en contexto, pois é para facelo mirar: o 22% menos dos que había en 2014. A este paso, en 18 anos facemos liquidación por fin de actividade e non por falta de clientela, senón por non haber quen tome a remuda do chiringo. 18 anos poden parecer moitos, si, pero Feijóo leva a metade dese tempo, 9, xestionando Galicia SA e aí o tes, botándolles a culpa de todo aos 3 anos e nove meses do Evilpartito.

Os datos non son meus, que son do Foro Económico de Galicia no seu último informe de conxuntura económica, que pasou nas últimas semanas sen pena nin gloria devorado pola actualidade informativa. Cando o trataron, os grandes medios quedaron na tona: a economía galega está no bo camiño, na «senda expansiva», «na creación de emprego» que é un xeito de ver a feira. Mais obviaron a «gravidade» coa que os señores de traxe do foro cualificaron a perda de rapazada en idade de picar pedra e reclamaron «medidas específicas para reverter a situación». A feira, pois, foi outra.

A este paso, en 18 anos facemos liquidación por fin de actividade e non por por falta de cliente, senón por non haber quen tome a remuda do chiringo

O informe parecer parece moi serio e terá moitos datos, pero esqueceron un detalle: Feijóo está na faena. Xa que os galegos e galegas en idade de merecer non nos reproducimos a pesar do cheque bebé, da caixa finlandesa e dos millóns de euros de publicidade institucional para que nos poñamos a facer porcalladas «sen condón», que diría Fraga, o mellor é que volvan os que marcharon. O conto chámase Plan Retorna 2020 e terá 50 iniciativas e 235 millóns de euros cos que se vai promover o regreso, en 3 anos, de máis de 20.000 persoas, e que delas un mínimo de 12.000 teñan menos de 45 anos.

O Plan retorna foi anunciado en abril e, como adoita acontecer cando o Grande Xestor de Galicia SA fai un anuncio con moito numerincho e moito orzamento, foi recibido con foguetes de sete estalos, moito oh, moita ah e moito aplauso. E a cousa funciónalle: vaian vostedes a San Google e poñan «feijóo emigración», «emigración galicia», «emigración xunta» ou «jóvenes (sic) galicia emigración»: resulta que aquí hai moitas liñas de axudas, moitas propostas, moito plan e ningún problema, ou iso parece.

No buscador a realidade fica sepultada pola propaganda replicada: o 83% da nosa mocidade está disposta a emigrar para atopar traballo e, para a CIG, na última década  marcharon 100.000 mozos. Un, dous, tres e así até cen mil. A cifra hai que repetila para comparala co cacarexado Plan Retoma 2020: regresarán no mellor dos casos en tres anos a poboación menor de 35 que perdemos nos últimos 10 meses e pouco máis dunha décima parte da que perdemos nunha década. Perdoen que insista: 100.000 mozos menos nunha década.

A Feijóo os grandes anuncios non lle duran nin catro meses, ás veces nin iso. Pero, total, Google nin se entera, ou iso é o que Feijóo pretende (e consegue) con tanto anuncio.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail