Ninguén esperaba esta nova inquisición

You have the right to free speech/

As long as/

You’re not dumb enough to actually try it.

The Clash. «Know your rights».

No one expects the Spanish Inquisition.

Monty Python.

Eu estaba alí, a carón de Tati Moyano, cando dixo que non presentaba aquela gala vestida de negro «porque adelgazase» –que tamén! –, senón en solidariedade cos seus compañeiros da CRTVG que se atopaban en pleno Venres Negro reclamando, entre outras cousas, que o Goberno galego cumpra a súa propia lei respecto aos medios públicos. Que cumpra a lei: iso que Feijóo e compañía lle demandan sempre a Catalunya.

Estaba alí porque levo tres anos copresentando e coescribindo a gala anual da Asociación Española contra o Cancro en Santiago e en todos elas –e mesmo naquelas anteriores á miña colaboración, tan desinteresada como a de Tati e a do resto de presentadores que por alí pasaron– sempre se fixo chanza da actualidade; si, exacto, como se isto fose unha democracia normalizada. Coméntoo porque, quen recibise a información sesgada, pode pensar que a reivindicación duns medios públicos despolitizados estaba alí metida con calzador, e non foi tal. Co ben traído que nos quedara no guión, como para ter que escoitar agora segundo que cousas…

Os xornalistas sabemos que nós non debemos ser nunca a noticia e estou certo de que Tati non quería selo, pero a reacción desproporcionada e desmedida da CRTVG provocou un descomunal efecto Streisand: converteu o que non tería pasado dunha anécdota para duascentas persoas –e que, seguramente, moitas terían esquecido antes do postre– nunha perfecta radiografía da falta de liberdade de expresión na Galiza actual. Díxeno no seu día e mantéñoo: o que se está a facer con Tati é unha persecución.

A situación non é nova pero, dun tempo a esta parte, faise máis irrespirable. As protestas na CRTVG teñen unha presenza testemuñal nuns xornais galegos aos que lles encanta denunciar a «manipulación» de TV3

A miña parella, que diso sábevos algo, gusta de salientar que non foi unha casualidade que o Século de Ouro español coincidise co inicio dos nosos Séculos Escuros. A prohibición do uso do galego acabou cunha creación lírica que, ata ese momento, fora moitísimo máis rica que a escrita en castelán e deixou o terreo despexado para as plumas que empregaban a lingua de Cervantes. Foi outro dos efectos da «doma e castración» impulsada polos Reis Católicos e apoiada naquela pre-orwelliana policía do pensamento chamada Santa Inquisición. Eu penso sempre nisto cando me falan da cada vez maior presenza de –grandes– xornalistas galegos nos medios de Madrid. Estou certo de que a causa hai que buscala máis aquí que nun suposto «espírito aventureiro» equiparable ao que Fátima Báñez atribuía ás últimas remesas de mozos emigrantes.

A situación non é nova pero, dun tempo a esta parte, faise máis irrespirable. As protestas na CRTVG, cando aparecen, teñen unha presenza apenas testemuñal nuns xornais galegos aos que, porén, encántalles denunciar a «manipulación» de TV3 ou os elevados soldos das súas estrelas, sempre que estas sexan próximas ao independentismo. O clima da opinión publicada en Galicia lembra por veces o de Ribadaínsua, a vila na que o finado Xabier P. DoCampo ambientaba a súa derradeira novela: «Son seres habitados pola indiferenza, polo deixar facer e non se meter e de aí só hai un paso a isto que temos: a insensibilidade ante a dor allea. Iso é o mal. Iso é o que aniñou nos corazóns de todos nós».

Cando Feijóo acudiu a Land Rober, Roberto Vilar amosaba as súas dúbidas sobre como afrontar a entrevista cunha visión errada pero –polo que amosou o aplauso do público– moi compartida sobre o funcionamento dos medios públicos: «Ao fin e ao cabo, vostede é o meu xefe, o da Televisión de Galicia; e a xente [dicíame] ‘dálle caña’. Eu non vexo a naide entrando por Inditex e insultando a Amancio».

Na súa resposta, Feijóo púxose institucional para matizar. «Hai diferenza: Amancio ten o cincuenta e pico por cento das accións de Inditex e a Televisión de Galicia é de todos os galegos».

Indiscutible, non?

Pois o único que fixo Tati Moyano foi lembrar iso mesmo diante do presidente.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail