A media conselleira do Medio

Que teñen en común o Trofeo Miguelito, a liga provincial de voleibol benxamín, a II Fase do Torneo Provincial Escolar e de Promoción da Ximnasia Rítmica ou o Campus Mauro Sílva do RC Deportivo? Fácil, pensarás: actividades deportivas destinadas á rapazada, home!

Ben. Mais… que relaciona todas as anteriores coa inauguración da nova sede xudicial na antiga Fábrica de Tabacos, o centenario da Institución Benéfica Padre Rubinos, a estrea do documental Reto Pelayo Vida Polar 2017 ou do proxecto Esfuerza de deporte adaptado? Deporte, xustiza, inclusión social, sanidade no mesmo saco?

Si, todas están ligadas porque todas, e moitas máis, comparten protagonista: Beatriz Mato.

Os que odiamos as cámaras, envexamos a calidade da medio conselleira do Medio-medio candidata para quedar ben en calquera foto alá onde fixer falta, sexa presidindo o Aquelarre Poético das Meigas de San Xoán, sexa na entrega de premios da Gala do Deporte Galego ou na inauguración da nova sede xudicial da Coruña. Non desentoar debería computar como mérito nos currículos xusto ao seu máster: tan axiña aparece xunto á raíña Sofía sen que a ídem Letizia lle estrague a foto, como compara moreno de máquina na Fundación Jove.

Ela, que é «enerxía en estado puro», ou así é como se define en Twitter, é capaz de traballar para a Consellaría do Medio Ambiente desde A Coruña, na Institución Benéfica Padre Rubinos e pasar, unhas horas máis tarde, por unha homenaxe no Salón de Plenos de María Pita logo de «pulsar a opinión dos veciños» nalgún dos barrios á procura das «ratas que antes no había». Pode responder con soltura que «le ralla el postureo» nunha céntrica cafetaría herculina á hora do aperitivo nun día laborábel ou atender as preguntas no Galicia por Diante nos estudios da Radio Galega da Coruña un luns a iso das 8:30 da mañá porque pasar por San Marcos antes de ir á Consellaría non lle quedaba a man.

Xa haberá tempo para estar encerrada no despacho. Será por días! Que o medio ambiente non se fai en San Caetano! Se hai que presentar dúas campañas coa cativada, que mellor que ir ao San Francisco Xavier na Cubela cos Bolechas e ao CEIP Plurilingüe San Pedro de Visma coas «Escolas Verdes»? Que hai que pór en marcha a iniciativa Verdear e queremos lanzar a acción -Residuos= +Recursos? Será por sitios, pero A Mariña da Coruña dá para moi boas fotos. Que Galiza ten 1.195 quilómetros de costa e 109 praias con bandeira azul e hai que facer o acto de entrega? Como Riazor non che hai ningunha…

Será como Mahoma ou será que a ela «No le gusta el No» (outra vez recorremos á súa autodefinición na bio de Twitter), pero unha cousa está clara: se Bea Mato non vai á Coruña, A Coruña vai a Bea Mato. Hai que convidar a alguén para que dea o salto á economía circular, sexa o que iso sexa? Pois aí está o Basquet Coruña, que eles doutra cousa non, pero de saltar, saben. E por que non recibir á directiva do Club do Mar para estudar «vías de colaboración que encaixen nalgún dos programas da Consellería»? Cales? As que encaixen, ho, que algunha haberá.

Tal é o grao de traballo a nosa medio conselleira medio candidata que é capaz de manter dúas contas de Twitter, unha para as cousas da Coruña e outra para as cousas da Coruña desde a Consellaría. Nelas tanto pode «reclamar excrementos caninos acumulados, el aumento de la inseguridad y la drogodependencia» como berrar que nos «han tangado» un partido de hóckey ou animar o Dépor con imaxes dos Ultras Sur e inventándose a escusa cando llo comentan. Está en todo.

Xa pasou máis dun ano desde que foi coroada líder local do PP da Coruña e como candidata in pectore á alcaldía, catorce eternos meses nos que non para de ir de acá para alá, dos Castros a Labañou, da Cidade Vella a Novo Mesoiro, do hóckey ao Dépor, do cole de Visma ao da Cubela, da entrevista na radio ao aperitivo para o xornal. E á Consellaría, claro.

O día que a medio conselleira do Medio medio candidata deixe San Caetano, é un dicir, para ser candidata plena poderá, por fin, respirar e centrar a súa actividade no que de verdade lle interesa: A Coruña.

 

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail