Predicar co exemplo

María Judithe Martins, a vítima dun  recente crime machista en Galicia, tiña 57 anos e o último que viu antes de morrer foi ao seu home a cravarlle un coitelo no pescozo. Diante deste feito terrible, o goberno galego fáinos saber, mediante unha declaración oficial dirixida a toda a sociedade galega, que hai que condenalo e que debemos “rebelarnos contra a repudiable lacra da violencia de xénero” (sic). Daquela, pregúntome que pretenderá conseguir con este pronuncionamento quen ten nas súas mans a capacidade -e a obriga legal- para facer moito máis que “repudiar”. Isto é, traballar para que o terrorismo de xénero deixe de ser algo cotián e asumido como unha noticia recurrente e inexorable que, cada certo tempo, produce infinitos minutos de silencio por parte das autoridades “sensibilizadas”. 

Que se pregunten as autoridades que farían se unha soa persoa -xa non digamos as 945 mulleres asasinadas desde 2003- fose vítima dun atentado de terroristas etarras. Ou yihadistas.

Porén, din que son eu -e vostede- quen se ten que rebelar… Manda truco. Facendo un exercicio de cortesía, quero responder amigablemente ao comunicado gubernamental (porque me sinto concernida na expresión xenérica que atinxe a “sociedade galega”) propoñendo que as nosas autoridades teñan en conta algunhas miudezas. Por exemplo, que se deixen de silencios e se concentren na acción. Que se personen en cada caso de violencia machista que motive unha denuncia. Que publiquen os nomes dos criminais que asasinan, violan, torturan, ou acosan a mulleres. Que dean exemplo co uso de linguaxe inclusiva. Que, cando haxa un feminicidio, asistan aos enterros, poñan as bandeiras a media asta nos edificios institucionais e se declare loito oficial. Que se aumenten os recursos de protección para quen xa teñan ordes de ser protexidas. Que se tomen en serio, por favor! este drama colectivo. E, sobre todo, que se pregunten que farían se unha soa persoa -xa non digamos as 945 mulleres asasinadas desde 2003- fose vítima dun atentado de terroristas etarras. Ou yihadistas. Ou deses psicópatas que, de repente, matan á rapazada nunha escola, aparentemente por que si. 

Pediría tamén que se preguntasen por que non se ofrecen lugares oficiais e públicos para os funerais, nin se arbitran medidas de apoio para as familias, nin se persigue -de oficio- a quen incumpre as medidas provisionais. Ou por que pechan os ollos cado pasan diante dun club de carretera coas persianas baixadas e as luces de neón prendidas, sabendo que no seu interior hai mulleres traficadas, secuestradas e obrigadas a prostituirse. Daquela, obedezo rebelándome, claro que si. Pero preciso que me digan contra quen. Porque o que me pide o corpo é rebelarme contra quen me pide que o faga. Evidentemente, algo está mal nesta mensaxe…

Se cadra, sobra fariseismo e falta  credibilidade. Lembra aquela consigna que algunha vez escoitamos a quen dá consellos nos que non cre: ti fai o que eu che digo pero non fagas o que eu fago.

Comments are closed.

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail