Fartos de canibalismo

Malia algunhas especulacións sobre o remoto pasado, o canibalismo enxebre é moi contemporáneo en Galicia. Temos o asunto como título dunha peza que armou moita boria e por algo sería, o «Galicia caníbal» de Os Resentidos, mais o canibalismo como praxe preferente nos círculos políticos e culturais xa aparece descrito con precisión gastronómica en O divino sainete de Curros Enríquez.

En observación célebre de Cunqueiro, o primeiro que fai un galego cando encontra un animal estraño é probar se é comestíbel. A paráfrase antropolóxica sería: o primeiro que fai un galego cando encontra outro galego é imaxinalo ao pil-pil ou en churrasco.

Mais sobre todo o galego come galego en sobremesa, porque non o rila con amargura: é o prato máis saboroso. En A cociña caníbal, Roland Topor, artista e humorista do movemento pánico, sinala que non todo consumo humano é recomendábel: cómpre saber distinguir «a carne boa da mala».

Por que Carballo-Carvalho Calero semella innominábel para o Día das Letras Galegas? Poderíase pensar que é por ser a súa carne tabú. Innominábel por incomestíbel. Mais non. Pola contra, todo o mundo, mesmo aqueles que se alporizan con esa proposta, fan loanza da categoría intelectual e creativa do autor de Scórpio. Debemos concluír, pois, que non é elixido xustamente por ser comestíbel, por ser «carne boa». Reservámolo para a sobremesa.

E que dicir da política, da que se declara nacionalista ou galeguista de esquerda? Dalgún xeito, a política de esquerda con conciencia de autogoberno inaugurouse simbolicamente no Banquete de Conxo, en 1856. Un encontro de fraternidade solidaria e laica, onde xa se albiscaba república e se soñaba utopía socialista. Xente traballadora e universitaria partillaron o mesmo pan e brindaron por un país libre de caciquismo e inxustiza. De sobremesa, houbo un menú verbívoro, de verbas ceibes. Que se saiba, non comeron a ninguén.

Para que Galicia deixe de ir de recú, para encetar a des-extinción, para construír unha sociedade emancipada, cómpre superar o canibalismo, abrir un hábitat de cooperación plural, afeita aos pementos, que uns pican e outros non. Avanzar xa na unión verbívora. O ben que saben  as palabras ceibes!

 

 

 

 

 

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail