A inmensa maioría da xente nova é do PP e aínda non o sabe

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

Quizais a frase resulte máis recoñecíbel xunto ás seguintes. «A inmensa maioría dos mozos son do PP e aínda non o saben. Se é que en pleno século XXI non pode estar de moda ser de esquerdas, pero se son uns carcas. Están todo o día coa guerra do avó, coas foxas de non sei quen, coa memoria histórica… Os modernos somos nós». Con este discurso, en setembro de 2008, Pablo Casado facía a súa presentación en sociedade, no XIV Congreso do PP de Madrid.

A miña parte preferida segue sendo a primeira, por iso a escollín para o título. E é que ilustra ben unha idea que non adoita ser fácil de transmitir e desde logo é moi difícil de manexar: a realidade social non é só o que é, senón o que pode chegar a ser. A dificultade da política está en que non consiste só en replicar o que a xente pensa, senón na capacidade para conformalo, para conectar cos seus desexos íntimos, latentes, facendo que sexan os oíntes quen se recoñezan no orador e non á inversa. Por iso a política require un compoñente de ousadía, que pode conducir ao fracaso, a caer no voluntarismo («hai millóns de españois que son de UpyD e non o saben» dixo Rosa Díez). Pero, en ocasións, ese risco vese recompensado e xorde o que chamamos liderado.

Aquí está para Serge Audier  o eixe do novo relato conservador europeo; reforzar a idea de que a democracia occidental é unha obra completa, acabada, e de que a nosa é unha historia de éxito

Está por ver se Casado confirma os dotes de líder, pero desde logo vocación e preparación non lle faltan. Fronte a Soraya, non tiña unha capacitación técnica da que presumir, máis ben o seu currículo podía metelo en sarillos. Pero fixo gala dunha formación doutro tipo, a que lle permite conectar coa sensibilidade conservadora do momento. Un exemplo é ese soado discurso de hai dez anos. Non era demasiado orixinal, estaba case copiado doutro que dera Sarkozy en Bercy ano e medio antes e que lle servira para gañar as eleccións francesas. Sarkozy ten o arroxo de dar a batalla á esquerda no terreo do cultural e arremete contra a herdanza do Maio do 68. Casado fai referencia de pasada a aqueles «mozos que esnaquizaban as rúas porque se aburrían», pero acomoda a súa mensaxe ao contexto español. Sinala como obxectivo romper coa cultura de «corrección política» e a onda de proteccionismo cara ás minorías, que arrinca do 68 e que está representada entre nós polo zapaterismo. Casado acompáñase no discurso dun cartel co número 68 ao que dá a volta para mostrar aos asistentes o 89. Esta é a data que quere reivindicar, a do triunfo das democracias liberais sobre o socialismo. Aquí está para Serge Audier (A pensée anti-68: Essai sur une restauration intellectuelle) o eixe do novo relato conservador europeo; reforzar a idea de que a democracia occidental é unha obra completa, acabada, e de que a nosa é unha historia de éxito.

O mozo Casado, 27 anos entón, causa un grande impacto naquela posta de longo; chamando a desmontar os «tópicos da esquerda» e ofrecendo un relato alternativo, o dunha cultura liberal emerxente que aspira a forxar novas maiorías. Pero o fenómeno Casado non xorde da nada, o seu principal precursor é outro mozo castelán, que alcanzara o liderado conservador case vinte anos antes. Aznar é quen traza o camiño da nova dereita española e impúlsaa a disputar a hexemonía cultural. O eixe do seu discurso é tamén liberarnos de complexos, reforzar a idea dunha democracia de éxito e aplacar aos seus críticos. O que frea á sociedade española é a falta de autoestima, defende, debilidade que se manifesta no nacionalismo periférico e debe ser culturalmente rebatida.

O PP reencóntrase co aznarismo cando a conxuntura máis o demandaba. Atrás queda a etapa de Rajoy e unha cultura política retraída, á defensiva. No seu discurso do pasado sábado, termina Casado parafraseando a Julián Marías, avoga por unha España que deixe de «preguntarse polo que vai pasar, para preguntar polo que vai facer». A España que Casado quere forxar é «a das bandeiras nos balcóns».

Esperemos que a resposta da esquerda non se limite a construír unha caricatura, como fixo con Aznar, ou seguirá perdendo a batalla cultural e moitos españois acabarán sendo do PP, aínda que aínda hoxe non o saiban.

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail