Non estudes tanto, Pedro

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

Xa coincidiron os dous líderes na Moncloa, O Noso Alberto e o presidente español Pedro Sánchez. Non houbo paseo pola fonte na que ía ligar Antonio Machado como cando foi Quim Torra, o president, pero si houbo sintonía. Tampouco houbo tuits dende a conta oficial de Pedro Sanchez e a da Moncloa falando do importante que era a reunión cordial de «dos presidents. Aquest és un primer pas. Ara cal recórrer junts el camí», ou de que unha crise política «requereix una solució política. Aquesta reunió és un punt d’arrencada constructiu per a la normalització de les relacions». Pero oe, tivemos un tuit dando por seguro o ramal Lugo-Orense e «estando pendiente del informe medioambiental para el ramal Vigo-Orense». Semella que en Moncloa no se saben aínda ben as denominación oficiais e ignoran que Orense se chama Ourense.

Con razón saíu contento O noso Alberto, un ramal e medio de tren fronte a non sei que caralladas sobre a política e os unicornios que lle colaron ao catalán. Ao president Torra estafárono na Moncloa por ir de pardillo. O Noso Alberto si que sabe asegurar o resultado sen deixarse enredar en palabras bonitas; el vai ao práctico, a poesía para os poetas.

No tema da transferencia da AP9, Sánchez comprometeuse a estudalo, seguramente porque non lle parece dabondo que todo o Parlamento galego lla pida

A cousa foi tan ben que mesmo O Noso Alberto, nesa estratexia que parece que ten de apoiar a Pablo Casado sen que se lle note moito, mesmo deu a entender que saíra máis contento da reunión con este Goberno que co que había antes. O repaso dos logros acadados corta a respiración. Agárrense.

Confírmanse as datas do tren que xa estaban confirmadas e que O Noso Alberto se empeñara en por en cuestión, para poder ir a Madrid e que llas volveran prometer; xa saben a comedia de todos os anos e de todos os gobernos co AVE.

No tema do financiamento autonómico, como xa adiantamos aquí, deixamos claro que temos completamente vixiada a Catalunya e pidan o que pidan, nós estaremos en contra porque seguro que é malo ou é para pagar algo aínda peor. Non nos oporemos porque teñamos un modelo propio, senón porque O Noso Alberto leva toda a lexislatura facendo de gran defensor fronte aos insolidarios cataláns e non vai cambiar agora que xa se sabe o papel.

Pero, como na canción, o mellor quedou para o final. No capital tema da transferencia da AP9, o presidente Sánchez comprometeuse a estudalo, seguramente porque non lle debe parecer dabondo que todo o Parlamento galego lla pida e tampouco se fía dos apuntamentos que lle pasen os socialistas galegos. Debe de ser un tema moi difícil o da autoestrada porque mira que levamos anos estudándoo e tampouco desta volta imos dar aprobado en xullo e temos que volver deixalo para setembro.

Cando alguén che di que vai estudar algo que lle propuxeches sempre te quedas con esa sensación de mosqueo que che sobe pola gorxa cando che din que xa te chamen eles, ou que xa che dirán algo. O Noso Alberto veuse tranquilo así que eu tamén estou tranquilo. Aínda que non lle tería sobrado lembrarlle ao presidente español que non fai falla que estude tanto despois, que os temas hai que traelos sabidos antes.

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail