Albor, un apolítico no poder

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

Malia que un século dá para moito, se se coñece fóra de Santiago a Xerardo Fernández Albor é porque foi o primeiro presidente da Xunta de Galicia entre 1982 e 1987. A súa vocación foi a medicina. Nunca lle apaixonou a política. Ou iso ten manifestado e, ata entón, non fora alcalde nin concelleiro e non consta que o intentara en serio.

Fundou con outros colegas unha clínica privada e nas doces tardes do Aeroclub foi collendo afinidade co galeguismo conservador, proceso no que tiveron o seu papel a formación humanística que tiña como moitos médicos de antes, a influencia dun «escritor de prólogos» e o ambiente cultural esparexido en sectores da cidade pola xeración de La Noche.

Sempre arredou do conflito. A apracible vida do burgués compostelán, onde os días se fotocopiaban durante anos, non era propicia a modelar espíritos aventureiros. Tampouco a súa traxectoria vital. Na Guerra Civil, chegou tarde ás devastadoras batallas de Brunete e Belchite, e do cruceiro Baleares desembarcou pouco antes de que o afundiran.

A sorte, a súa arte de esquivar perigos ou a oportuna axuda, volveuse repetir cando marchou á Alemaña nazi a formarse como piloto da temible Luftwaffe. Rematou cando faltaban meses para empezar a II Guerra Mundial e chegou a España ao acabar a guerra.

Xa de cheo na política, dicíase home de Manuel Fraga, aínda que quen o escolleron para encabezar a candidatura de Alianza Popular nas primeiras autonómicas foron Felipe Fernández Armesto (Augusto Assía) e a súa dona María Victoria Fernández-España, tamén xornalista e escritora. «Fraga veu aquí a Xanceda. Sentado aí onde estás ti, propuxo outro médico, pero nós non cedemos» –contáralle Assía anos despois a quen subscribe. «Marchou coma un raio, tronando calamidades e creo que lle escoitei algunha ameaza»

Albor sentiuse a encarnación de Galicia: «cando me criticades, estades atacando a Galicia», rifábanos paternalmente aos xornalistas habituais de Raxoi

Fora como fora, a candidatura de AP encabezada formalmente por el, pero baixo a omnipresencia icónica do político de Vilalba e o lema «Galego coma ti», resultou de xeito sorprendente a máis votada. Resultou investido presidente do primeiro Goberno galego, que pouco máis tiña de Goberno que o nome.

Por etapas foise conformando un executivo sumando membros de AP –algúns, antiautonómicos, pero pronto neoconversos- e retallos do prenaufraxio da UCD.  Tres ou catro de valía e todos inexpertos. Os xornalistas, tamén.

Con todo o que denota ser o primeiro presidente, Albor sentiuse a encarnación de Galicia: «cando me criticades, estades atacando a Galicia», rifábanos paternalmente aos xornalistas habituais de Raxoi. Como personificación do país, que así tal se vía e si mesmo, lanzouse a recorrelo, asistindo a actos diversos e inauguracións. Algúns deputados no Parlamento reprochábanlle a política de inauguracións de lavadoiros. Si, entón era unha necesidade nas aldeas. En Lestedo (12 quilómetros de Santiago) pódese ver un entre silvas, inaugurado por el a mediados do 80.

Aportaba dous elementos de valor, como se di hoxe: a súa prestancia física e simbólica para o lucimento do acto e logo na fotografía do xornal; e seu discurso, que agora chamariamos trumpista (de Trump): «nós (Galicia-Eu) facemos cousas, mentres os políticos se pelexan entre eles». Tamén falaba dos devanceiros e da Galicia unida. «Así sairemos adiante», trataba de persuadir ao público.

Mentres, en Santiago, conselleiros e parlamentarios afanábanse en construír o edificio, legal e físico, do Goberno galego, así como a deseñar unha política na que uns caberían máis que outros: as pelexas, aínda soterradas, ás que aludía. Albor, máis ou menos deixaba facer. Como encarnaba Galicia nun contexto de austeridade, non percibiu a necesidade de armarse dun gabinete propio, polo que a proxección oficial da Xunta e do seu presidente se devalou pronto. Incidiron e moito tamén causas políticas, pero o certo era que aquela novidade institucional empezaba a defraudar. Visualicémolo en tres escenas significativas:

Escena institucional. Nove da mañá dun sábado frío e soleado na praza do Obradoiro de outono de 1983. Albor ten cita no seu despacho co ministro de presidencia Javier Moscoso (si, o dos famosos moscosos). Asunto: transferencia de competencias e persoal. O político socialista (ex-UCD) agarda na porta do Hostal dos Reis Católicos a un funcionario autonómico que o acompañe no percorrido de 50 metros que o separa da entrada do Pazo de Raxoi. Pasada a hora prevista, decide achegarse en solitario, coma un turista máis dos que por alí andaban. Dille aos policías nacionais da entrada que ten unha entrevista co presidente da Xunta.

-«El señor presidente no le llegó y arriba no le hay nadie», respondeulle un axente.

O titular do Goberno galego encontrábase mal esa mañá e o seu aviso de cancelación non chegara aos seus colaboradores (ou si?), ministro nin algúns xornalistas convocados. Moscoso topou no Obradoiro con Arístides Royo, que acababa de deixar a presidencia de Panamá, e con Antonio Rosón. Ambos pasaban por alí e os tres perdéronse ao pouco nas rúas de Compostela.

Escena lado escuro. Varios xornalistas reciben unha convocatoria dunha importante reunión que Xerardo Fernández Albor vai ter con un grupo de empresarios en Vilanova da Cerveira. Cando media ducia deles chega ao hotel da cita, sáenlle ao paso, nerviosos, o conselleiro Mario Carreño, (alcumado no Parlamento como «míster 4%») e o estreito colaborador do vicepresidente Barreiro, Alejandro López Lamelas, que un ano despois cesaría a instancias de Fraga da secretaría provincial de Pontevedra por un intento de masiva afiliación ao partido en Vilagarcía de contrabandistas e narcotraficantes.«Empresarios» eran, pero do contrabando. A información non chegou á prensa pero si a Geluco Guerreiro, que presentou unha interpelación parlamentaria. O titular do Goberno galego despachouna negando saber con antelación de quen se trataba e, como presidente, el recibía a todos os galegos sen facer distincións.

Escena de imaxe. Precampaña das autonómicas do ano 1985. O vicepresidente Alfonso Guerra insulta a Albor chamándolle «merendiñas» en alusión aos numerosos actos con viandas aos que asiste a cotío. A ofensa é maior do que se adoita considerar. Significa tamén que se trata dun «ninguén que vai para ningures», como aínda se utilizaba polos anos en que naceu o ex-presidente. El sabíao, enfadouse moito pero, peor que o agravio, foron as mornas e formais defensas que recibiu dos seus.

Volveu ser o máis votado e, de novo, investido presidente. Non obstante, un ano despois, no outono de 1986, o seu Goberno encabezado polo vicepresidente Xosé Luís Barreiro pediulle nun tormentoso Consello da Xunta que, polo ben de Galicia e do partido, o mellor sería que marchara. «Teño o apoio de Fraga», respondeulles. A tese dos insubordinados resumíase máis ou menos no que Julio Camba escribira de Eduardo Dato (aquel político coruñés que presidía o Goberno o ano do nacemento de Albor) con motivo dun dos seus nomeamentos: «Un hombre acaba de ser nombrado para ocupar un puesto de alta autoridad, y todo su programa consiste en no hacer nada».

O líder da dereita española refíxolle o Goberno ao través de Romay Becaría, do que resultou nomeado vicepresidente Mariano Rajoy, que xa entón manifestaba afinidade coa visión que o escritor de Vilanova de Arousa dera de Dato.

O médico compostelán viviu un ano feliz a carón do futuro presidente do Goberno español malia que este non sentía apego ningún nin polo idioma nin pola cultura galega. Pero non hai vida plácida na política que non carrexe o seu sobresalto. O primeiro tróuxollo, mira ti por onde, Manuel Fraga. Aproveitando unha viaxe de Albor a América, ocupou a cadeira do presidente da Xunta nunha reunión informal, pero política, de conselleiros. Unha mensaxe de gran calibre que non se lle escapou nin ás lavandeiras de Lestedo. «E disque vai vir Fraga para a Xunta», foi unha pregunta-afirmación que recorreu Galicia.

Antes de que isto ocorrera, o médico santiagués foi apartado do poder por unha moción de censura apoiada, entre outros, por algúns dos seus ex-conselleiros encabezados por Barreiro. Pasou momentos duros, mesmo estreiteces económicas, vivindo un tempo nun hotel de Santiago.

Fraga non se esqueceu del e a fortuna volveulle sorrir ao saír elixido para ocupar un escano no Europarlamento, cando entón esa institución comunitaria aínda tiña menos que facer que agora. Con todo, atopou un lugar de lustre na comisión para a unidade alemá. A cámara europea viña a ser en grande como o Aeroclub de Santiago, onde a burguesía ilustrada local gustaba de falar de ideas e proxectos, mentres outros decidían o asunto. Alemaña premiouno cun retrato no Bundestag en Berlín.

Xa fóra da política, laiouse nalgunha ocasión da traizón dalgún próximo; máis ben un Tu quoque, Brute, fili mi! nostálxico. Estes pesares non lle quitaron unha certa ironía sobre a vida e a morte. Cando lle preguntaban porque ás veces paseaba só polas rúas de Compostela, xa preto de cumprir cen anos, respondía: «é que os amigos da miña quinta non saen, volvéronse cómodos».

 

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail