Supérao, Alberto

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

Non teño por costume contestar as alusións directas ou indirectas que tanto gusta O Noso Alberto de facerme de cando en vez, case sempre sen citarme polo nome, porque xa sabemos que O Noso Alberto ten problemas de memoria e case que sempre só recorda que «había nieve». Pero creo que a ocasión ben merece facer unha excepción. Que conste que o fago por el. Para que deixe de vivir no pasado e axudarlle a mirar cara a adiante, para que nada, e menos as pantamas do pasado, deteña a súa maduración como persoa e como líder político.

Por enésima vez, e como fai sempre que lle preguntan pola insoportable manipulación que ten imposto na CRTVG, e diante da cal se rebelan os profesionais, volveu citar o famoso episodio no que a Vicepresidencia da Xunta reclamou ós informativos da TVG que non empregara a imaxe do vicepresidente Anxo Quintana para lexitimar, cuns segundos nos telexornais, a ocultación sistemática da súa figura e do seu traballo. O entón director xeral da CRTVG, Benigno Sánchez, antes presidente do Consello Galego de Relacións Laborais con Manuel Fraga durante seis longos e felices anos, dirixira unha suposta carta ao vicepresidente queixándose de estar sometidos a unha insoportable presión pola miña banda. A conclusión de O Noso Alberto xa a poden imaxinar: para manipuladores dos medios públicos, os nacionalistas.

Non vou discutir semellante tese porque non me corresponde a min xulgala. En todo caso, deixouna xulgada á cidadanía, que deu á TVG do Bipartito os maiores índices de audiencia da súa historia. O que si merece un repaso é o argumento de que unha manipulación xustificaría a outra, porque nin somos todos iguais nin manipulamos todos igual; niso, tamén, aínda hai clases.

Pode que eu manipulase a TVG, pero debía ser unha manipulación moi discreta porque a min nunca me dimitiron presentadores nin editores de informativos, incluso houbo unha editora que me gravou en secreto, empregando un estudo da propia TVG, para publicalo despois. De feito, e agora que o penso, o único que dimitiu fun eu mesmo. Tampouco se vestían de negro os venres para protestar porque non lles deixaban facer o seu traballo e será porque daquela lles deixaban e agora non lles deixan. A non ser que O Noso Aberto estea insinuando que os profesionais da CRTVG eran uns vendidos ao Bipartito e agora só os move o sectarismo e a manía que lle teñen ao PP.

En todo caso, este conto pasou hai dez anos, xa vai sendo hora de que o superes, Alberto. Madura e faite un home, que o que pasa na administración galega e nos organismos públicos autonómicos é a túa responsabilidade

Pode que eu manipulase a TVG, pero en todo caso era unha manipulación rara porque nós o único que pediamos era non saír na televisión, como recoñece o propio Benigno Sánchez na carta citada por O Noso Alberto no Parlamento. Os manipuladores sen clase presionan para saír todo o día na televisión, como pasa con O Noso Alberto, que non hai momento do día que non nos informen na TVG de onde e a quen lle está facendo o ben. Manipular é presionar para que te saquen guapo e non che saquen as cousas feas. Pedir que non te saquen como protesta pola manipulación chámase doutro xeito, aquí e na China Popular.

Pode que eu manipulase a TVG pero, en todo caso, tratábase dunha manipulación algo estúpida porque esa presión tan insoportable, por exemplo, non lles impediu, nin á TVG nin á RG, dar en directo, sen límite de tempo, a miña comparecencia nos xulgados no famoso caso dos carteis, que acabaría arquivado co ridículo histórico da Policía autonómica e o conselleiro Méndez Romeu. Xusto o contrario do que pasa hoxe, por exemplo, coa orde de non pasar de corenta segundos para falar do caso Gürtel, ou das fotos de O Noso Alberto co seu amiguiño da alma, Marcial Dorado, que nunca se ven pola TVG, nin sequera as contadas veces que se fala delas.

A diferenza de O Noso Alberto, eu teño respecto polos profesionais da CRTVG e sei que xa hai tempo que non se deixan manipular sen protestar. Tamén teño respecto polos galegos e a súa intelixencia e sei que cando os medios públicos non están manipulados baten récords de audiencia, como sucedía co Bipartito cunha audiencia media que se situaba no 15% batendo as cifras das grandes cadeas estatais; pero que cando están manipulados caen a plomo, como agora con O Noso Alberto que a duras penas chegan ao 10%.

En calquera caso, e dende o cariño e o respecto que che teño, este conto pasou hai dez anos, xa vai sendo hora de que o superes, Alberto. Madura e faite un home, que dende hai nove anos gobernas ti e o que pasa na administración galega e nos organismos públicos autonómicos é a túa responsabilidade. Os profesionais da CRTVG non se visten de negro por culpa de Antón Losada, vístense de negro por culpa de O Noso Alberto. Non van de loito por min, van de loito por ti.

Este artigo tamén está dispoñible en: Castelán

cool good eh love2 cute confused notgood numb disgusting fail